As rutas máis bonitas para coñecer a costa galega

A costa galega hai que gozala enteira, mais imos escoller algúns tramos de cada provincia costeira (Pontevedra, A Coruña e Lugo), que se non non damos abasto. Camiñar por rutas como estas é o mellor xeito de coñecela. En marcha!

Un referente mundial da costa de Pontevedra son as illas Cíes, coa praia de Rodas, a consabida “mellor praia do mundo”. Entre as rutas de sendeirismo que as atravesan, escollemos nesta ocasión a Ruta entre Faros, un sendeiro azul que é en realidade a suma de dúas rutas: a do Faro de Cíes, na illa do Faro, e a do Faro do Peito, na illa de Monteagudo, de xeito que é bastante completa. En total son 12 km. O camiño comeza na caseta amarela de información. Dunha banda, diríxese cara á praia de Rodas, que une as dúas illas, e vai polo Lago dos Nenos, o centro de información do parque (antigo mosteiro de Santo Estevo) e chega, alí subido no alto, ao faro de Cíes, o máis vello das illas, de 1853, con vistas impresionantes. A outra parte do trazado lévanos polo complexo dunar de Muxieiro-Figueiras, a praia de Figueiras, o observatorio de aves, onde é común ver gaivotas patiamarelas e corvos mariños cristados, e mesmo especies invernantes, como o mascato ou o arao. A ruta remata no Faro do Peito, de 1904, desde onde se ve a panorámica das illas, a ría, o Morrazo e até Ons.

Outra ruta interesante comeza ao sur da provincia. Trátase da etapa 1 do Camiño portugués da costa, que vai da Guarda a Mougás, en Oia. Nesta ruta apreciamos o relevo do litoral, como a serra de Groba ou o monte de Santa Trega, co xigantesco castro, desde onde hai unha vista única do esteiro transfronteirizo do Miño. Tamén pasamos por praias, como a de Fedorento e a de Area Grande, e por un importante patrimonio histórico case metido no mar, como é o mosteiro cisterciense de Oia. E xa sabemos, se nos sabe a pouco, podemos seguir facendo etapas até chegar a Santiago. 

Na provincia da Coruña tamén hai moitos quilómetros de costa, coas súas peculiaridades. Imos escoller unha ruta pola Costa Ártabra e outra pola Costa da Morte.

A Ruta dos Altos da serra da Capelada pode facerse a pé ou en BTT. Desde un punto de vista ben elevado, captamos a beleza deste tramo da costa coruñesa, achegándonos á cultura e á vida do mar, vendo onde se traballa o percebe, o marisco, e unha panorámica do porto. E non todo vén do mar, pois nesta zona as vacas pastan ceibes e ledas. Ollo, seguro que no camiño atopamos algunha!

O traxecto é circular. Arrinca no miradoiro dos Cantís, desde onde se ve Santo André de Teixido, parte dos cantís da serra e a ría de Cedeira. Esta é unha zona de grande interese xeolóxico, co característico karst serpentínico, formado por rochas propias das grandes profundidades da terra, e que aí están, diante de nós. A ruta curta abrangue 7,6 km, pero, xa que estamos, case mellor facer a longa, de 9,5, desviándonos para visitar Santo André de Teixido e o complexo xeolóxico de Cabo Ortegal. 

A bravura do mar tamén se sente na Costa da Morte. Unha das rutas máis coñecidas, a ruta Costa da Morte, é circular, de 22 km, e conta con dúas derivacións, unha á ermida da Virxe do Monte e outra a faro Vilán. Os principais puntos de interese son: Camariñas; os restos do castelo do Soberano, fortín militar do século XVIII; a capela da Virxe do Monte; a praia de Lago; o Coidal das Castañas; o faro e o cabo Vilán; Vilán de Fóra; a furna dos Infernos; a enseada Arneliña; a mámoa de Reira e o foxo dos lobos, construción do século XVI para cazar lobos. Polo camiño hai grandes pedras nas que recoñecemos formas, como a dos namorados de Reira ou a do Oso. Por certo, que a zona é todo una paraíso para as aves.

A diferenza das costas coruñesa e pontevedresa, a franxa costeira da provincia de Lugo é bastante chaira e pouco recortada. A súa fronteira natural con Asturias é a ría de Ribadeo e, coa Coruña, a ría do Barqueiro. Precisamente, hai unha ruta que percorre a costa lucense e un tramo da coruñesa, na súa vertente cantábrica: o Camiño natural da ruta do Cantábrico. En total son 130 km, mais están repartidos en 6 etapas. Podemos escoller unha delas, por exemplo, a etapa 3, que vai de Foz a Burela. Aquí, nuns 20 km, imos pasando por grandes praias e polos castros de Llas e Fazouro, na beira do mar. A ruta remata no porto de Burela.

Na parte máis occidental da Mariña temos a ruta da costa do Vicedo. É lineal, de 13,09 km, e vai da ría do Barqueiro á praia de San Román, discorrendo entre campos, cantís e praias. A parada máis singular faise no miradoiro da illa Coelleira. Ten dúas derivacións: á igrexa de Santo Estevo e ao miradoiro da Cruz de Baltar. Despois de chegar á incrible praia de San Román, xa que estamos, en pouco máis chegamos a Punta Socastro, outro imprescindible da Mariña.

Desde hai cinco anos, nos meses de outubro e novembro, “A Mariña en ruta”, programa visitas e rutas guiadas a pé para coñecer a Mariña a fondo (a súa paisaxe, arqueoloxía, etnografía, historia…), con propostas pola costa sempre interesantes e diferentes, a ter en conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *