As misteriosas marcas dos canteiros medievais

Se no post anterior falabamos dos artísticos sinais de propiedade que se poden ver en moitas casas do casco vello de Santiago, hoxe é o momento doutros que si se atopan en moitas construcións medievais e da Idade Moderna, esparexidas por toda Galicia. Trátase das marcas de canteiros, testemuñas pétreas do paso do tempo que, en orixe, tiveron un significado máis ben prosaico.

As marcas dos canteiros medievais poden contemplarse en edificios de toda Europa, e son curiosamente semellantes véxanse na vella Compostela, no castelo de Monforte de Lemos, na catedral de Chartres ou nos edificios nobres das cidades alemás. Segundo a opinión maioritaria dos historiadores, tratábase simplemente dunha maneira visual de xustificar o traballo e percibir o xornal. Por isto, moitas delas están feitas cuns poucos trazos simples de cicel, para que, á hora de cobrar, se soubese con facilidade que canteiro fixera tal ou tal outra peza, e cantas lle correspondían ser aboadas.

Porén, existen outras teorías que lles conceden significados máis estraños. Isabel Méndez Lojo identifica nun memorial redactado para o Museo do Pobo Galego signos moi sinxelos como frechas, círculos, espirais ou liñas simples, pero tamén debuxos abstractos, animais ou caras. Algúns, di a historiadora, falan da calidade da pedra, de como foi cortada ou da posición na que debía colocarse unha vez na obra. Outras fan referencia aos gremios que encargaban os traballos ou á persoa que pagaba a pedra e a doaba á construción.

Tamén existen, seguindo este mesmo memorial, outras creacións ben curiosas. Nalgunhas pedras, os canteiros gravaron taboleiros de xogo nos que posiblemente mataban as horas mortas entre martelada e martelada. Outras poderían ter significados astrolóxicos, relixiosos e mesmo humorísticos.

O traballo dos canteiros foi fundamental durante séculos nun lugar como Galicia no que a maior parte dos edificios de certa relevancia se edificaban en granito. A pedra sacábana de localizacións ao aire libre especialistas chamados pedreiros ou chanteiros, encargados de subministrar material en bruto e sen traballar. Eran despois os canteiros os encargados de darlle forma ás pezas conforme ao necesario para a edificación.

O oficio de canteiro tiña algo de nómade. Moi apreciados en toda a Península, os traballadores da pedra galegos viaxaban de cidade en cidade e de vila en vila, buscando os lugares nos que había faena coa que gañar a vida. Eran estas viaxes normalmente penosas, que se facían a pé ou, se había sorte, en incómodas carruaxes. A vida difícil fixo que estes traballadores se agrupasen en gremios para se apoiaren e para transmitir de xeración en xeración os coñecementos adquiridos. Facíano nun idioma especial que só eles entendían; esta lingua, o latín dos canteiros, era do seu uso exclusivo, e mesmo se chegaba a castigar a quen a ensinase a xentes de fóra da profesión.

Unha curiosidade máis, fermosa e poética como se nos antolla que é o traballo dos canteiros e que recolle o traballo de Isabel Méndez: ao rematar a obra, se no seu decurso non ocorrera ningunha desgraza, os canteiros colocaban no alto da construción un ramo de loureiro, flores e laranxas; pero se os traballos foran accidentados, o ramo facíase con toxos e prendíaselle lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *