As minas de estaño e volframio de San Fins

O volframio foi e segue sendo un mineral moi apreciado en diversas aplicacións industriais, desde os fíos incandescentes que fan alumar as lámpadas ao seu emprego para endurecer as aliaxes do aceiro. Foi quizá este último uso o que fixo famoso a este material, posto que durante os anos da Segunda Guerra Mundial os dous bandos en conflito, o dos nazis alemáns e o dos aliados británicos e franceses, pelexaron por facerse cos principais xacementos europeos. Sendo Galicia unha terra bastante rica en volframio, non é estraño que fose escenario dunha loita soterrada e propia de película de espías durante a época, da que quedan como testemuña minas coma a de San Fins, en Lousame (A Coruña).

Nesta zona do interior da serra do Barbanza explotáronse durante boa parte do século XX filóns tanto de volframio coma de estaño. San Fins (escrito a veces “San Finx”) encóntrase na parroquia de Vilacoba do Concello de Lousame, moi próximo a Noia. A mina abriuna en 1884 unha familia de orixe británica, os Burbury, baixo a denominación empresarial de The San Finx Tin Mines Limited. Foi unha das primeiras explotacións de volframio de Europa, e utilizaba tecnoloxía punta para a época. Moita desta maquinaria aínda se pode contemplar hoxe no edificio que acolle o Museo, construído orixinariamente nos anos 20 do século pasado por outra empresa inglesa, The Phoenicia Tin Mines, para albergar os compresores que inxectaban aire comprimido no interior do pozo.

Porque o avance industrial desta mina foi, en boa parte, cousa de británicos. Para potenciar a produtividade, outra sociedade, The Vilacoba Hidropower Company, edificou moi cerca unha pequena central eléctrica que daba servizo ao complexo. O seu momento de maior esplendor deuse nos anos trinta, momento no que xa funcionaban o chamado Pozo Novo e unha planta de lavado e refino do mineral. O produto levábase posteriormente cara a costa, para embarcalo en Carril cara o seu destino internacional. Como é de supor, en plena febre polo armamento os mercados británico e alemán eran os principais compradores.

A época de propiedade británica remataría coa Segunda Guerra Mundial e a entrada na factoría da española Industrias Gallegas. O período de prosperidade industrial asociado á mina deixou na comarca unha fonda pegada, e tamén historias sobre estraperlo, roubo de mineral e noites escarvando no monte para conseguir unhas poucas pintas do prezado elemento. Nunha época de grandes penurias económicas, dar cun depósito de volframio podía significar gañar nunhas horas o que se arrincaba da terra en moitos meses. A mina continuou activa ata os noventa, cando pechou, aínda que nos últimos anos volveu abrir con técnicas de extracción moito máis modernas: o estaño e o volframio seguen a ser materiais moi valiosos e raros en Europa, que compra en China a maior parte do que necesita.

Na actualidade, os principais edificios foron recuperados como centro de interpretación e as vivendas dos mineiros convertéronse nun fermoso bar e restaurante. Para asegurar a entrada, convén chamar previamente ao concello de Lousame e consultar as condicións da visita, que normalmente se debe facer en grupo.

Un comentario en «As minas de estaño e volframio de San Fins»

  1. Profundamente decepcionante chegar o lugar, despois de 200 km de recorrido, e encontrar todo pechado. ¿Costará tanto manter a información o día de horarios e datas de apertura?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *