Arte urbana en Galicia

Cada vez son máis os concellos que se apuntan ao muralismo, aproveitando para dinamizar o turismo e darlle vida aos núcleos urbanos, con propostas que empezaron sendo locais e co tempo internacionais. Pouco a pouco, imos recoñecendo as autorías; por exemplo, seguro que localizamos “superavoas” de Yoseba MP en máis dalgún sitio… Fálase de “museos ao aire libre”, de “rutas” polas cidades para contemplar os murais e sacar a foto de rigor… A maioría das pinturas representan figuras humanas a escala enorme, co que de súpeto, as cidades énchense de xigantes…

Un dos reclamos turísticos da cidade de Ferrol é As Meninas de Canido. E isto que é? Facendo un pouco de historia, remontémonos a 2008. Ese ano, a Eduardo Hermida ocorréuselle pintar unhas meninas de Velázquez, ao seu xeito, nunha fachada do seu barrio, un deses barrios nos que daquela non era gustoso andar de paseo, polo estado que lucía. Ese foi o xerme do que cos anos se convertería nun famoso festival internacional de arte urbana. Cada ano, o primeiro fin de semana de setembro, o evento reúne uns 100 artistas de todas as partes do mundo que deixan a súa pegada no barrio alto de Ferrol. Ademais de poder asistir ao seu traballo en proceso, temos concertos, conferencias, obradoiros, feira gastronómica, artesanía… O pai da idea tamén é o guía das rutas turísticas a Canido que ofrece o concello. Hoxe en día hai máis de 450 murais dando vida ao barrio, que antes tiraba máis a gris.

Tamén atopamos arte urbano en Carballo. Aquí, vencellado á iniciativa “Derrubando muros con pintura”, organízase desde 2014 o Rexenera Fest, o festival internacional de arte pública de Carballo. Desde entón, celébrase cada ano durante a primeira semana de primavera. Hoxe en día, a vila xa conta con máis de 70 murais en paredes e medianeiras e, como non, ten a súa ruta turística, por zonas: O Chorís, A Milagrosa, Rego da Balsa, Pazo da cultura e A Lagoa.

En 2015 arrincaba en Vigo o proxecto “Vigo Cidade de Cor”, co que a cidade máis poblada de Galicia tamén se apuntaba á moda do arte na rúa. Desde a primeira convocatoria, o núcleo urbano vai renovándose a base de brocha, rolo e spray. Doutra banda, a Batalla Mural, un combate de graffiti ao longo de 6 horas cunha temática diferente cada ano, no que o premio consiste en pintar unha medianeira, xa vai pola sexta edición. Podes participar en ata tres rutas para camiñar por distintas zonas da cidade para contemplar as obras.

Pódese dicir que esta arte urbana xa é algo inherente en maior ou menor medida ás grandes cidades mais quen diría que en plena Ribeira Sacra atoparíamos “Arte no ar”, que é como lle chaman alí á ruta turística de 1,5 km para ver os murais? Pois si, o concello de Quiroga aproveitou o proxecto “Un toque de cor en Ribeira Sacra”, promovido polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, para darllo realmente. As premisas son que as pinturas fagan referencia á terra ou a personaxes populares ou a lugares ou produtos autóctonos, como o viño, o mel e o aceite. Ademais de 12 murais, bastantes para vila de máis ou menos 3.200 habitantes, tamén contan con esculturas e bancos temáticos.

Con tal proliferación de artistas urbanos, lóxico que tres murais galegos fosen finalistas para ser o Mellor Mural do Mundo de 2023 (segundo a recoñecida plataforma Street Art Cities). Lembremos que o mural de Julio César do lucense Diego As, fronte a muralla de Lugo, fora o mellor do ano 2021. Á final dese ano chegaron: Yoe33, tamén lucense, por Corpora ou A Castrexa, en Lugo (que foi elixido mellor do mes de xuño); Lula Goce, de Baiona, por A Dona do Esteiro, na Ramallosa, en Nigrán; e Sfhir, madrileño, polo mural sen título que representa unha violonchelista tocando, en Fene, A Coruña. E quen levou o premio?… O mural de Sfhir! O de Lula Goce ficou segundo e o de Yoe33 terceiro. Parabens a todos eles! O gañador, por certo, inaugurou o Perla Mural Fest, levado a cabo do 7 ao 13 de agosto de 2023, en lembranza da desaparecida Sala Perla, un local moi significativo para o barrio, que empezara como sala de festas nos anos 60 do século pasado. No festival tamén participaron Rubén Paz Trece Trazos e Virginia Bersabé. Despois de este éxito, seguro que lle agardan moitas edicións no futuro. E, a Sfhir, moitas viaxes pintando polo mundo. Unha cousa está clara: para ver os mellores murais do mundo, hai que vir a Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *