Carmen Pardo destacou na conferencia do IV Evento Interregional WINETech, celebrada na Cidade da Cultura, que “unha das actuacións que recolle o Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 é a incorporación da gastronomía galega no deseño de calquera produto turístico de Galicia”. Neste sentido, recordou algunhas actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia como Millésime ou as Rutas do Viño.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, ofreceu recentemente na Cidade da Cultura a conferencia ‘A enogastronomía como recurso turístico de Galicia’ na clausura do ‘IV Evento Interregional WINETech’, organizado pola Consellería do Medio Rural. A secretaria xeral destacou o turismo enogastronómico como “produto turístico singular, desestacionalizador e con alto compoñente cultural” e situou os obxectivos do Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 no “impulso da competitividade da enogastronomía en Galicia e norte de Portugal, desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados na identidade de ambos territorios e vinculados á súa tradición culinaria”.
Ademais, presentou as grandes liñas do recén redactado Plan de Enogastronomía de Galicia, que conta con cinco eixos de actuación e 18 accións, entre as que destacou a creación dun mapa enogastronómico por xeodestinos, a creación dun merchandising e packaging innovador ou o programa de prescriptores e embaixadores.
Na súa intervención, Carmen Pardo destacou os valores da gastronomía galega e subliñou como en Galicia “temos a maior variedade de produtos do mar do mundo, somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe, e temos máis de 500 indicacións xeográficas protexidas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade”. Ademais, a secretaria xeral indicou que “a gastronomía é a segunda motivación despois da natureza que fai que os turistas elixan a nosa comunidade como destino”. Carmen Pardo subliñou a importancia desta estatística, xa que “máis de a metade da poboación española afirma que a gastronomía e o viño inflúen á hora de escoller destino nas súas viaxes”. Incidiu tamén no elevado gasto do turista de enogastronomía en relación coa media, así como o alto grado de desestacionalización.
Segundo informou a secretaria xeral, “unha das actuacións que recolle o Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 é a incorporación da gastronomía galega no deseño de calquera produto turístico de Galicia”. Neste sentido, Carmen Pardo recordou algunhas actuacións de promoción levadas a cabo pola Xunta de Galicia como Millésime, as Rutas do Viño, porgramas de TV, Vive Galicia ou a ensamblaxe con outros recursos turísticos como o golf, o termalismo, o Camiño de Santiago ou o turismo rural.
Carmen Pardo resaltou, asemade, iniciativas como o Bono Iacobus, o Outono Gastronómico ou Vive Galicia que permiten “gozar das excelencias do turismo rural de Galicia e da súa gastronomía”. Ademais, a secretaria xeral destacou como “no caso da primeira marca turística, Galicia, gárdasme o segredo?, a enogastronomía ocupa un lugar preponderante dentro dos 10 produtos cabeceira de marca que promoven a comercialización dos recursos turísticos galegos” como é Paseando entre viñedos.
‘IV Evento Interrexional WINETech’
A secretaria xeral para o Turismo clausurou o IVevento Interregional WINETech, que Medio Rural materializa a través do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), e na que colabora a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), ten como principal obxectivo promover a innovación e a transferencia de tecnoloxía no sector vitivinícola, favorecendo o establecemento de relacións estables entre as empresas do sector e as entidades da súa contorna científica tecnolóxico.
Dito programa foi aprobado na primeira convocatoria do Programa de Cooperación Territorial INTERREG IV B SUDOE, cun presuposto de 1,6 millóns de euros, dos que o 75% está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto pertence a fondos propios.
