GALICIA É A COMUNIDADE AUTÓNOMA NA QUE MÁIS MEDRARON OS ESTABLECEMENTOS CERTIFICADOS COA MARCA Q DE CALIDADE TURÍSTICA

A Comunidade Autónoma de Galicia pecha o ano con 234 empresas turísticas con este distintivo: 44 hoteis, 60 establecementos de Turismo Rural, 7 balnearios, 2 cámpings, 2 pazos de congresos, 9 praias, 43 servizos de restauración, 56 axencias de viaxe, 4 empresas de Turismo Activo, un campo de golf e 6 instalacións náutico-deportivas.

 

Galicia é a comunidade autónoma española na que medraron máis ao longo deste ano 2011 o número de establecementos e servizos turísticos certificados coa marca Q de calidade turística. Deste xeito, ao longo dos últimos doce meses houbo 43 novas incorporacións, o que supón que o territorio galego teña xa 234 empresas turísticas con este distintivo.

 Neste sentido, é importante destacar que Galicia é a comunidade autónoma con meirande número de aloxamentos turísticos (hoteis, casas de Turismo Rural e cámpings) certificados, cun total de 106 dos 771 que hai en toda España. Galicia é ademais o territorio con máis establecementos rurais certificados (60 de 216 do total español), o que significa un 27 por cento do conxunto estatal.

 Balnearios e instalacións náutico-deportivas

Asemade, Galicia tamén é líder en balnearios certificados coa marca Q, con 7 distinción  do total de 38; instalacións náutico-deportivas, 6, dun total de 12; e empresas de Turismo Activo, 4, dun total de 8, o que supón o 50 por cento do ámbito español.

Polo que respecta ás axencias de viaxe, Galicia e a segunda comunidade autónoma que conta con máis empresas certificadas, 56 sobre un total de 380 no ámbito español; así como no subsector dos pazos de congresos, onde están certificados 2 establecementos dun total de 10.

Na actualidade, estanse a desenvolver en Galicia programas de calidade turística, dentro da marca Q nos subsectores turísticos relativos a hoteis, Turismo Rural, restaurantes, axencias de viaxes, cámpings, balnearios, servizos de restauración, espazos naturais protexidos, praias, axencias de viaxes, pazos de congresos, Turismo Activo e instalacións náuticas.

Galicia pecha o ano con 44 hoteis, 60 establecementos de Turismo Rural, 7 balnearios, 2 cámpings, 2 pazos de congresos, 9 praias, 43 servizos de restauración, 56 axencias de viaxe, 4 empresas de Turismo Activo, un campo de golf e 6 instalacións náutico-deportivas certificadas coa marca Q.

A adhesión e participación no Sistema de Calidade Turística Española é totalmente libre e voluntaria e pode ser solicitada en calquera momento. Non se precisa máis que a vontade do empresario e o seu compromiso de seguimento e continuidade internos. Para obter o distintivo Q, a empresa, unha vez adherida ao Sistema, debe seguir o proceso de implantación segundo as características da súa organización, contando coa asistencia técnica e os apoios precisos. En Galicia, o Sistema de Calidade Turística de España está representado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo.

A estratexia da marca turística Q consiste en dotar ás empresas do sector turístico español dun sistema de xestión e mellora da calidade de produtos e servizos que lles permitan crean unha vantaxe competitiva axeitada aos novos retos do mercado, e conseguir así o recoñecemento da imaxe de marca de España como destino de calidade.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *