A Fraga de Catasós, un bosque dos de antes

“Así debían de ser os bosques galegos non hai tanto tempo”. É inevitable pronunciar esta frase mentres se percorre a senda que atravesa a Fraga de Catasós. Este é un bosque que lle pode parecer minúsculo aos habituados ao sendeirismo e ás grandes extensións de arboredo de áreas coma O Courel ou Os Ancares. Porén, é unha das mellores mostras de bosque caducifolio atlántico que se preservan en toda Galicia, un resumo do patrimonio vexetal galaico comprimido nuns poucos centos de metros cadrados.

Porque a Fraga de Catasós, situada no Concello de Lalín, é realmente pequena en dimensións (abarca pouco máis de catro hectáreas e media), pero moi grande en importancia natural e en beleza paisaxística. Visitala é moi doado grazas a unha ruta de sendeirismo curta, adaptada a todas as idades e condicións físicas, ben acondicionada con varandas de madeira, que fai un bucle dentro da Fraga e seguindo en parte o chamado Rego da Quintela.

Na Fraga de Catasós poden observarse varias especies vexetais moi típicas dos bosques galegos, pero sen dúbida os que chamarán a atención son os espectaculares castiñeiros e carballos, que están entre os máis altos e antigos de toda Europa. Os carballos mostran a súa idade dobrando ramas e tronco en formas caprichosas; os castiñeiros elévanse e, a partir da primavera, cobren a lomba coa sombra que dá a súa impenetrable follaxe.

Son estes castiñeiros testemuñas de épocas nas que esta árbore era unha das protagonistas da economía galega. O seu froito era ata non hai tanto unha das bases da dieta dos galegos: en tanto non foi substituída pola pataca americana, a castaña era unha das comidas diarias de centos de miles de persoas. Tamén eran os castiñeiros fundamentais para a arquitectura tradicional do país: as trabes, as portas, os mobles das casas patricias estaban feitas habitualmente desta madeira, de gran durabilidade e tonalidade moi apreciada. Nas primeiras curvas da ruta pódese contemplar o tronco dun destes castiñeiros derrubado nos primeiros anos oitenta polo ciclón Hortensia, que causou grandes danos en Galicia. A observación dos aneis e o porte do exemplar mostran con claridade de que clase de árbores xigantes estamos a falar, capaces de soportar durante anos tanto os temporais como as pedras dos maxestosos pazos do país.

Chama a atención que un lugar como a Fraga de Catasós, situado mesmo a carón da moi transitada estrada nacional 525, que une Lalín con Ourense, sobrevivise no seu estado primitivo mentres que arredor é difícil gozar dun bosque con estas calidades excepcionais. É seguro que a casualidade tivo moito que ver, pero tamén foi importante o empeño dun fitopatólogo norteamericano, Filippo Gravatt, que pelexou para que se recoñecese o seu estatuto de lugar excepcional. Na actualidade, Catasós conta coa cualificación de Monumento Natural, o que lle garante a máxima protección e que facilita que os visitantes poidan gozar dun reduto único no que soñar co pasado mítico de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *