A catalogación de fervenzas de Galicia é un traballo duro, dado a cantidade de auga que suca esta terra. Calculando polo baixo, poderíamos estar falando de máis de 300 seimeiras… Turismo de Galicia fixo unha práctica selección de 76 fervenzas, clasificadas segundo as súas características máis evidentes (se levan moita auga, se escorregan entre laxas, se son pequenas, se son altas…). Amosamos a continuación as ditas categorías con algún exemplo representativo. O catálogo enteiro, podémolo atopar aquí: https://www.turismo.gal/que-visitar/espazos-naturais/fervenzas-de-galicia
Por exemplo, entre as fervenzas altas e elegantes, destacan a Seimeira de Vilagocende, na Fonsagrada (Lugo), ou a de Santa Marta ou das Hortas, entre Arzúa e Touro (A Coruña), onde a lenda di que unha moza embarazada foi tirada polo seu mozo fervenza abaixo e, ao berrar ela “Santa Marta me vaia!”, a póla dun carballo freouna e salvoulle a vida. Aínda que se falamos da fervenza máis alta en caída libre aí temos a do Toxa, en Silleda (Pontevedra), cun salto de máis de 70 m.
Auga dabondo levan a fervenza do Ézaro, en Dumbría (A Coruña), que se lanza ao mar desde uns 30 m de altura, un caso único; as do Barosa, en Barro, a carón do Sendeiro dos muíños do Barosa, en Barro (Pontevedra), cun desnivel de 30 m e varios saltos; ou as de Tourón, en Melón (Ourense), entre outras.
Cadoiros verticais atopamos no Pozo do Inferno, en Ortigueira (A Coruña), sempre caudalosa, e que conta cunha ponte de madeira; no salto do Coro, afluente do Valiñadares, en Mondoñedo (Lugo), que forma unha boa poza cando se xunta co Masma, ou na famosa fervenza de Auga Caída na Ribeira Sacra, en Pantón (Lugo).
Tamén hai fervenzas co que se di cola de cabalo, que despregan as augas amplamente sobre as rochas, como unha espesa melena. Entre estas, a de Augas Caídas de Mañón (A Coruña), na que o salto, tamén chamado da Mexadoira, cae do río Seixo ao Sor cunha altura de 50 m, ou a de Brañas, en Toques (A Coruña), de case 40 m de altura.
Hai unha fervenza moi peculiar, na que se cruzan dous saltos de auga formando un “x”, que foi catalogada como “a máis galega”. É a do Muíño da Serra ou do Pereiro no río Pereiro, afluente do Ulla, en Boqueixón (A Coruña).
Se buscamos fervenzas entre os bosques seguro que achamos algunha, como a da Rexidoira, en Oza-Cesuras (A Coruña); a de Gosalfre, en Mazaricos (A Coruña), ou a da Ruxideira, de 8 m de altura, en Paradela (Lugo), nunha zona de saltos e muíños.
Tamén hai fervenzas entre corgas, en pendentes estreitas, como A Corga da Fecha, preto do Balneario de Lobios (Ourense), que só se deixa ver os días de moita choiva. Outra deste estilo é a de Entrecruces, no concello de Carballo (A Coruña), que se bota ao río Outón a uns 40 m de altura, ou a de Hérvedo, por exemplo, preto do castro de Castrolandín en Cuntis (Pontevedra).
Outras fervenzas non destacan pola altura da caída ou polo caudal, senón polo ritmo co que baixan, polo seu bulir. Podemos dicir que levan augas bailadeiras. Entre elas, a do Rexedoiro no Val do Dubra (A Coruña), por exemplo, que cae en dous tramos que sumados chegan aos 10 m de altura, ou a da Pena dos Portelos, en Ribeira de Piquín (Lugo).
Para xente afouta, hai fervenzas que son todo un reto, como a do Fondo da Petada, en Quiroga (Lugo), cun acceso moi estreito e esvaradío, ou Pombar, tamén en Quiroga. Na Poza da Seima ou Pozo Negro en Lobios (Ourense), tamén hai que ir paseniño.
Outras fervenzas son pequenas pero xeitosas, como a de Castriz en Santa Comba (A Coruña), cunha gran área de lecer no río Mira, ou as Caldeiras do Castro, en Muxía (A Coruña), rodeada de pequenas piscinas naturais. Aquí a caída é de 8 m e fai de linde entre os concellos de Muxía e Dumbría.
Se buscamos pozas mergulleiras para darnos un bo baño, temos até oito catalogadas. Entre elas, Pozo da Ferida no río Xudreiro, afluente do Landro, en Viveiro (Lugo); Pozo da Onza en Budián, no Valadouro (Lugo), que cae a máis de 20 m de altura, ou as Seimeiras de Queixoiro, na Fonsagrada (Lugo).
Por laxes escorregadeiras discorre a fervenza do Escouridal, no Pereiro, en Alfoz (Lugo), un gran salto de 80 m do río Guilfonso, na que unha corda ancorada na rocha permítenos acceder ao pé da fervenza. Tamén vai por grandes laxes a auga na fervenza da Misarela no río san Xoán, na Pobra do Caramiñal (A Coruña), precedida polas pozas do río Pedras. A fervenza de Segade, en Caldas de Reis (Pontevedra), tamén ten piscinas naturais frecuentadas no verán.
Rematamos con augas ben animadas, as fontes rebuldeiras, como as da fervenza da Noveira en Mazaricos (A Coruña), no río Arcos, que ademais forma parte da ruta das fervenzas do concello; as de de Raxoi e Parafita en Valga (Pontevedra), acompañadas de muíños e pozas, ou a de Ribasieira, no río Sieira, en Porto do Son (A Coruña), onde hai saltos de entre 20 e 4 m.

