Saborear o mellor marisco no Grove nas Xornadas Gastronómicas da Centola. Dá igual o tempo que faga que, como haxa marisco, desfrutar se desfruta. Entre o luns 11 de novembro e o domingo 8 de decembro celébranse as XXII Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove. Están organizadas por Engrobes (empresarios grovenses de bens e servizos), coa colaboración da confraría de pescadores e a confraría do Centolo Larpeiro. Participan até 14 establecementos hostaleiros, que ofrecen menús e pratos coa centola como protagonista. Mais estas xornadas non se limitan á gastronomía, xa que cada día ofrecen actividades, actuacións, cursos de cociña, obradoiros, degustacións… Ademais, todos os días, de luns a venres, hai poxa no miradoiro da lonxa, a partir das 17:00. Para mergullarse ben no asunto e aproveitar unha ponte centoleira total, o mellor é ficar a durmir nalgún dos 10 hoteis dispostos a acollernos.

Relaxarse nas cálidas augas termais de Ourense. Aínda que sexa decembro, podemos facer rapidamente unha equipaxe con traxe de baño, toalla e chancletas e dispormos a gozar dun bo baño ao aire libre. En decembro? Si! O segredo é acudir a un manancial de auga quentiña, como os que hai en Ourense. Talvez este sexa o mellor momento, o outono que se vai facendo inverno, de desfrutar deste vello costume romano. Na cidade das Burgas, agora mesmo, están abertas para o baño as instalacións de Burga de Canedo (de balde; parcialmente aberta, en horario de 10 a 20) e Termas de Outariz (de pago; pechada os martes e aberta luns, mércores e xoves de 10 a 23, os venres de 10 a 1, sábados de 9 a 1e domingos de 9 a 23).

Descubrir toda a esencia do mundo rural descansando nalgunha das casas de turismo rural. Será por establecementos, pois hai até 209 casas rurais en Galicia, repartidas entre as catro provincias por todo tipo de paisaxe (na costa, no alto do monte, á beira dun río…). O difícil vai ser escoller… Menos mal que na web de turismo rural galiciaturismorural.es temos toda a información habida e por haber de cada unha delas. Só temos que pararnos, ver se nos vai máis o relax puro e duro ou con algo de actividade e reservar. Desde logo, é o mellor xeito de afastarse do estrés diario antes do estrés do nadal.
Percorrer Galicia a través dos seus principais monumentos: catedral de Santiago, Torre de Hércules, Muralla de Lugo, Ponte romana de Ourense, Peregrina de Pontevedra. Se aínda temos pendente algún destes destinos por visitar, xa estamos tardando en facer a ruta. Esta ponte de tres días é fantástica para axustar contas coa nosa cultura galega e, saltando dunha cidade a outra, contemplar de cerca as obras de hai tantos séculos tan vivas como onte. E, para quen xa os coñece, sempre é un pracer subir de novo á Torre de Hércules; entrar na catedral de Santiago e visitala desde outra perspectiva, como por exemplo, desde os tellados; pasear pola muralla de Lugo antes duns petiscos; cruzar o Miño pola Ponte Romana de Ourense ou entrar na igrexa máis xacobea de Pontevedra.

Asomarse ao océano Atlántico na Costa da Morte. A Costa da Morte é un destino ideal en todas as estacións. Nesta ponte, xa achegándonos ao inverno, o mar ofrece un espectáculo máis bravo. Para levar impresións diferentes do océano, hai que deterse nos faros, como os de Cabo Vilán, Cabo Fisterra, Cabo Ortegal…; nos cantís máis vertixinosos, como os de Vixía Herbeira; nas vilas mariñeiras como Malpica, Laxe, Camariñas… e nos miradoiros, como os de Louredo, (Carnota), Monte do Castro (Muxía), Monte Branco (Laxe), O Ézaro (Dumbría)… E, se nos gusta o surf e non nos chega con asomarnos ao océano, estaremos ao tanto de que é a mellor época para coller ondas XXL en praias como Pantín, Razo. Doutra banda, para rematar de saborear o Atlántico, cómpre degustar o marisco da zona, que tamén está no seu mellor momento.

Darse un baño de natureza nos montes de Lugo (O Courel e Os Ancares). Os bosques destes montes esixen un baño en cada estación, pois son dos poucos lugares nos que a natureza aínda marca o paso do tempo. Agora, no outono máis maduro, o frío vese abrigado coas cores cálidas nos bosques como na Devesa da Rogueira, no Courel, ou Os Grobos, nos Ancares. Nesta época aparecen as notas vermellas cos froitos do acivro, que aínda se pode ver nestas montañas. E, falando dos froitos do bosque, podemos aproveitar a ponte para vivir a Festa da Pisa da Castaña de Froxán, unha das aldeas máis tradicionais de Folgoso do Courel, o 7 de decembro. Ollo, nas zonas máis altas hai que ir ben equipados por se nos encontramos con neve.

Vivir o nadal. A ponte de decembro foi sempre utilizada para meter o pé no nadal: empezan os acendementos das iluminacións, a programación das festas… Cada ano a cousa vai adiantándose, mais esta non deixa de ser a ocasión máis típica de comezar o percorrido polo ambiente do nadal galego. Beléns tradicionais como os da Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago, San Fiz de Solovio, Ortigueira, Begonte, Valga, Mondoñedo…; mercados de nadal que, ademais de nas grandes cidades (A Coruña, Vigo, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra) é unha tradición que xa se estende por toda Galicia Ribadeo, Burela, Ribadavia, Tui, Sanxenxo, Monterroso…); aldeas de nadal, como as de Lalín, Noalla, Allariz… Logo, por suposto, está o caso de Vigo, onde o nadal chega antes, marcha máis tarde, e inunda todos os recunchos.


