6 plans para facer en Galicia este mes de outubro

Benvido, outono! Aquí chegas, coa caída da folla, o cambio de tempo e moitísimas cousas que facer e sitios que visitar. Preparados para o outono galego? Aquí van seis plans para mergullarnos nel:

  1. Gozar do cambio de cor nos bosques. Non hai como pasear por un dos nosos bosques para apreciar as variadas tinturas da estación, harmonías e contrastes de amarelos, vermellos, terras, ocres… Na provincia de Lugo, nas montañas dos Ancares e do Courel, hai bosques nos que se mesturan especies diferentes (carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, cancereixos…) e onde, curiosamente para esta zona, abundan as faias. Toda esta diversidade, acompañada da súa fauna e flora, bríndanos escenarios de fantasía. Nos Ancares non hai que perderse o bosque dos Grobos; o Souto de Agüeira; o faial de Pintinidoira; o aciñeiral de Cruzul; o Avesedo de Donís; a famosa Fraga da Marronda, ou a Fraga da Cabana Vella. No Courel, agárdanos a impresionante Devesa da Rogueira; o Souto do Vilar; o Faial de Fontefermosa; o Faial de Liñares, ou o Souto de Mercurín. Por bosques que non sexa!
  2. Facer un magosto. Malia o nome, por moito que se queira, en agosto non hai magosto. Temos que esperar a finais de setembro como pronto para dar con boas castañas. Ademais das castañas, os requisitos para magostar son dispoñer dunha grella ao aire libre, ou dunha unha tixola chea de buratos, ou dun forno, e de boa compañía, claro, que un magosto en soidade igual remata en indixestión. En Ourense son especialistas en magostos, só hai que ver como se ateiga Montealegre con xente asando castañas polo San Martiño. Tamén se aproveita para asar chourizos e tomar viño novo. Ao ser froito de tempada, as festas destas datas, como San Martiño ou Samaín, tiran de magosto, así que, felizmente, non hai escapatoria.
  3. Relaxarse en augas termais. Estamos no principal destino termal da península, así que, como non aproveitar para escapar do estrés nun dos moitos balnearios de Galicia? Nada máis outonal que tomar as augas como se estivésemos no século XIX, en establecementos con moita historia. Por exemplo no Grove, na Illa da Toxa, onde xa non se lembra illa sen balneario. Aquí podemos tratarnos de afeccións dermatolóxicas, respiratorias, musculares, reuma, ansiedade e estrés, e tamén xogar ao golf, ir ao casino, tomar bo marisco… En Ourense, no Val de Monterrei, en Verín, hai até cinco mananciais, moitos dos cales sóannos das augas embotelladas, como o do balneario de Cabreiroá, de augas moi saudables para o aparello dixestivo e a pel. Na provincia de Lugo, destaca o balneario de Augas Santas, en Pantón, na Ribeira Sacra, entre ríos e montañas, con augas sulfuradas moi boas para o aparato locomotor, o respiratorio e a pel, e o de Guitiriz, na Terra Chá. Nesta vila termal, con varias fontes e unha ruta da auga, atopamos un gran balneario, que ten augas de débil mineralización, moi indicadas para o aparello dixestivo, dermatolóxico, fígado, aparato respiratorio, muscular e trastornos metabólicos.
  4. Santiago desde outra perspectiva. Despois da sobredose de turismo típica do verán, agradécese un tranquilo paseo por Compostela en outono. Cambio de estación, cambio de tempo e, por que non, cambio de perspectiva. Que tal se subimos a un dos miradoiros máis inesperados de Santiago? Inesperado porque está no núcleo mesmo da cidade, no edificio máis importante. Referímonos ás cubertas da catedral. Cando ascendemos polos tellados en chanzos, ábrese ante nós toda a historia e a arte da catedral e do casco vello a vista de paxaro, coas torres ao alcance da man. A entrada aos tellados, a través do pazo de Xelmírez, inclúe a visita ao Museo da catedral, o percorrido guiado polas cubertas e o acceso á torre da Carraca.
  5. Comer marisco nas Rías Baixas. Empezan os meses con “r”, o que quere dicir que empeza a mellor tempada do marisco. Unha das citas máis importantes do outono témola nas Rías Baixas, na Feira do Marisco do Grove, unha feira de interese turístico nacional que xa vai pola 60 edición. Teremos festa rachada entre o 3 e o 13 de outubro, con exquisiteces da ría de Arousa a bo prezo e, na praza do Corgo, concerto diario, con figuras como Guadi Galego, Delaporte, Carlangas, The Rapants… E, por se ficamos con gañas de máis, en novembro espérannos as xornadas gastronómicas do centola do Grove.
  6. Comer polbo en Lugo. Unha das festas máis clásicas do outono é o San Froilán de Lugo. Esta feira de interese turístico nacional celébrase do 4 ao 12 de outubro. Imos atopar moitísimas atraccións e entretemento: pasacalles, maxia, actuacións, concertos (Fillas de Cassandra, Sés, Renaldo y Clara, TAB, Milladoiro…), feira de olaría, feira do mel, desfile de gando, feira medieval… Moitísima variedade e, sobre todo, o que non falta no San Froilán desde hai séculos: os postos de polbo, un dos mellores lugares do mundo onde degustar este manxar.

Para facer os nosos plans máis redondos aínda, temos que ter en conta as dúas promocións turísticas do outono: o Outono Gastronómico (do 13 de setembro ao 15 de decembro) e o Bono turístico (do 10 de setembro ao 25 de decembro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *