Do 17 de setembro ao 15 de decembro, as casas de Turismo Rural están de festa: celebran o 18° Outono Gastronómico. Un dos xeitos de sacarlle o máximo partido á promoción é apuntarse ao Outono Plus, que nos ofrece actividades adicionais ao resto das modalidades ofertadas. Ollo, non se trata de algo que se poida contratar independentemente, senón como complemento á nosa experiencia outonal gastronómica, xa sexa o menú, o paquete, a fin de semana ou a fin de semana familiar.
Dos 77 establecementos de turismo rural que participan no Outono Gastronómico, 31 ofrecen o Outono Plus, case sempre en sábado e/ou domingo. Os prezos das actividades oscilan entre os 2 e os 60 euros; algunhas mesmo son de balde e, noutras, a tarifa tense que consultar previamente. Doutra banda, hai actividades que precisan certo número de participantes, moi axeitadas para facer con amigos.
Nótase que cada ano se aposta pola apertura a todos os gustos e idades. Pola nosa banda, temos varios parámetros para elixir o noso destino: o menú, a situación xeográfica, o plus… Vai ser difícil decidirse. Haberá que ir facendo o calendario, que ficamos sen fins de semana!
Entón, que tipo de actividade imos atopar? Pois, por exemplo, se queremos completar o noso outono gastronómico cun pouco de sendeirismo, hai rutas ben interesantes, como a do Ferrocarril e a dos Fornos, desde Trabada (Lugo), a Ruta sensorial a carón do Miño, en Taboada (Lugo), ou a Ruta das maceiras, na Estrada (Pontevedra). Outros sendeiros lévannos de paseo entre as árbores pola Ribeira Sacra e polo Courel. En Lobios (Ourense) hai unha ruta, que se fai a medias en todo terreo e a pé, que nos leva a observar a fauna do Xurés, como se fósemos de safari. Tamén hai excursións que combinan un pouco de todo, como unha que se fai en Arzúa (A Coruña) con visita a museo e a fervenza, e na que ademais se cruza en ferri o encoro de Portodemouros.
Camiñar está moi ben, mais ao mellor preferimos ir a cabalo. Ningún problema, en Carral, Outes e Ames, na provincia da Coruña, o plus é unha estupenda ruta a cabalo.
Outras actividades habituais son as visitas a museos e monumentos, como o museo do Mel de Arzúa, a visita ao castelo de Sobroso ou á basílica de San Martiño de Mondoñedo, por exemplo.
Por certo, se optamos polo Outono Plus, mellor meter roupa cómoda ou deportiva na maleta, mesmo traxe de baño, que nos virá ben se o noso destino é descender o Tambre en caiac en Ames (A Coruña), relaxarnos a base de jacuzzi en Sanxenxo (Pontevedra) ou visitar as termas de Prexigueiro desde Covelo (Pontevedra).
A voltas coa gastronomía e os viños de D. O. de Galicia, unha actividade propia do tema e da época é a visita a adegas e cata de viños, que sobre todo nos dirixe á provincia de Ourense (Cenlle, Coles e Monterrei) e Pontevedra (Cambados, Meis, Vila de Cruces), aínda que tamén hai casas rurais que nos levan de visita a adegas en Pantón (Lugo) e en Arzúa (A Coruña). Cousa máis curiosa é a degustación de sidra ecolóxica, como a que se fai na Estrada (Pontevedra) ou a queimada e conversa sobre os misterios de Santa Mariña, en Muxía (A Coruña), para quen guste de charlar tranquilamente e escoitar as lendas do lugar cuns grolos.
Seica prefiramos traballar na horta, coñecendo de primeira man os labores do campo e o coidado dos animais. Isto é algo que se pode facer na Estrada (Pontevedra), por exemplo.
Para a xente que vive nun ambiente urbano, o turismo rural significa fuxir do estrés da cidade. Buscamos relaxación? Pois hai casas rurais na provincia de Pontevedra que organizan sesións de masaxes (Sanxenxo) e de ioga (Silleda), así que é boa idea meter a esteira na equipaxe por se cadra…
Outro bo xeito de evadirse é vivir unha aventura de fantasía, como a que propoñen no escape room que se oferta en Pantón (Lugo), no que a casa se converte en escenario dunha auténtica aventura ou, mellor dito, de catro, pois catro son as opcións de historia a elixir. É das actividades que se fan en grupos.
Unha das cousas máis prezadas das casas rurais é o silencio. A tranquilidade na que só entran os sons dos grilos, da auga, dos paxaros e pouco máis. Lonxe da contaminación ambiental, acústica, lumínica…. Nas noites no campo as estrelas brillan máis, se non hai moita nube, claro. Unha visita guiada nocturna ao centro astronómico de Trevinca na Veiga (Ourense) é unha boa ocasión para comprobalo, e gozar ademais dun outono astronómico.
Até aquí o repaso polos tipos de actividades que nos depara o outono plus, para facernos unha idea do que nos agarda. Por certo, algunhas teñen un título que xa nos deixa engaiolados: Baño de bosque, Os segredos do Souto, Paseo dos ben amados, Hora zen, A procura…
Agora só temos que consultar a guía e facer a nosa reserva.
Feliz Outono Plus!

