5 plans para coñecer Rianxo

Este concello do Barbanza, na provincia da Coruña, atópase nun recuncho protexido da ría de Arousa, a carón do esteiro do Ulla. É ben coñecido polo seu peixe, o seu marisco, a súa canción, as súas praias, o seu patrimonio arqueolóxico… Tamén é coñecido por ser berce de Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. Queremos saber máis de Rianxo? Velaquí cinco destinos imprescindibles:

Ruta Castelao. Vaiamos onde vaiamos non hai escapatoria, nótase que por aquí andou Castelao, e poida que aínda estea en espírito engadindo máis puntos á súa ruta… Facer esta andaina parándose a gusto aínda leva un tempo, pois percorre nada menos que 33 localizacións relacionadas con Castelao, identificadas con placas de cerámica numeradas. Ademais, a web do roteiro (http://roteirocastelao.gal/) ofrécenos un mapa dixital e textos explicativos. Algunhas das paradas máis significativas son: a casa do Concello; a praza de Castelao; o museo de Manuel Antonio; a casa dos Aguirre, onde viviu Castelao e exerceu brevemente como médico; a casa do Martelo; a casa dos Dieste; o cine; a aldea maldita de Abuín… O paseo remata no adro da igrexa de Asados, nun dos cruceiros que debuxou Castelao no seu libro As cruces de Pedra de Galicia. Ao artista gustáballe o tema, terá algo que ver que só Rianxo xunte máis de 188 cruceiros?

Castelo da Lúa. Xunta desembocadura do río Te, a carón da praia da Torre, avanza no mar unha península rochosa que foi aproveitada antano para levantar unha fortaleza, como defensa fronte as incursións normandas e demais. Hoxe en día, desde a pasarela peonil que vai até a praia, temos unha boa panorámica dos vestixios do castelo, os alicerces do que foi unha importante construción medieval, coa súa torre, as súas murallas, o seu foxo, e a súa ponte levadiza. Parece ser que o castelo non era da Lúa, senón de Paio Gómez Chariño, primeiro señor de Rianxo no século XIII, que ademais era poeta. A fortaleza, entre tempos de esplendor e revoltas, foi derruída e reconstruída varias veces. Nos séculos XV e XVI funcionou como prisión e, no XVIII, como olaría de cerámica popular. Co tempo caeu no abandono, e foi aproveitada como canteira para construcións da zona. O de chamarse Castelo de Lúa seguramente véñalle do apelido Luna, aínda que a lenda dános unha explicación máis romántica e triste. Polo visto, a delatora luz da lúa frustrou a fuxida dunha parella de namorados nunha embarcación do castelo.

Miradoiro Pico da Muralla. Está no alto do monte da Muralla ou monte Picudo, a 679 m de altitude, entre os concellos de Lousame e Rianxo. O miradoiro é dos modernos, inaugurado en 2020, e conta cunha ampla plataforma con balconada para gozar do espectáculo, e paneis que lle poñen nome ao que vemos desde alí. Nun día claro, acádase unha vista de até a 80 km ao sur, sen esaxeración algunha, chegándose a albiscar a ría de Vigo e as illas Cíes. E que máis vemos?: a ría de Muros e Noia, o monte Louro, Santiago (aqueles picos son as torres da catedral?), a ría de Arousa, a illa de Cortegada, a de Arousa, Ons, O Grove, A Toxa e, por suposto, a serra do Barbanza e Rianxo. Iso si, hai que ir con algo de abrigo, que alí zoa o vento. Tanto venta que hai un parque eólico no mesmo monte.

Hórreo de Araño. No lugar de Traba, parroquia de Araño, hai un conxunto arquitectónico formado pola igrexa de Santa Baia, a capela de Nosa Señora dos Milagres, un pombal, a casa reitoral e… o hórreo máis longo do mundo! 37,05 m de longo, 2,40 m de ancho, 2,70 m de alto e unha capacidade de 170 m2. Seica había moito que almacenar… A diferenza dos seguintes hórreos máis longos (o de Carnota e o de Lira), este non ten pés. A construción é do século XVI, e consta dunha cámara feita de perpiaños horizontais en ringleira, cuberta de tella, e base de pedra corrida. As escaleiras de acceso están na parede que dá á igrexa. Dentro da súa sobriedade, destacan o tornarratos de cantería e as sobrepenas, rematadas en cruz cun pináculo a cada lado. O hórreo está moi presente na parroquia, de feito, do 8 ao 10 de decembro, celébrase unha nova edición do Ciclo Hórreo Vivo, con actividades e espectáculos para todas as idades.

Museo do Mar. Na praza de Castelao, na coñecida como Casa do Coxo, atopamos este centro de interese etnográfico e antropolóxico, que nos achega á cultura rianxeira, que sobre todo é a cultura do mar. Está organizado en tres andares: o primeiro está dedicdo ás embarcacións tradicionais e á súa construción, con biblioteca temática sobre o mar; o baixo é unha sala expositiva sobre o mar e a pesca e, no soto, amósannos o que é un obradoiro de carpintaría de ribeira, con todas as ferramentas, mostras de madeiras, e todos os aparellos que usaban os carpinteiros para facer os barcos. O museo abre de luns a venres de 8:00 a 15:00 h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *