Santa María de Ferreira, 1.000 anos de vida monacal

Os mosteiros son unha das maiores xoias da Ribeira Sacra. Hoxe descubrímosche o de Santa María de Ferreira, en Pantón.

Este conxunto arquitectónico foi levantado en diferentes etapas ao longo de 5 séculos. Así a igrexa  románica data do século  XII, o claustro foi construído no s. XV, mentres que o resto dos espazos levantáronse no século  XVIII.

 

Dise que a súa orixe podería remontarse ao ano 924 baixo a Orde Benedictina pero non hai documentos hoxe en día que o certifiquen. 

 

Tras case dous séculos sen apenas probas documentais, 1175 supón un antes e un despois para o Mosteiro de Santa María de Ferreira, 

E é que nese momento a Orde Cisterciente xa estaba asentada por Galicia, en lugares como Oseira, Sobrado dos Monxes, ou Monfero; e Ferreira estaba sen vida  monástica e en estado de conservación ruinoso. 

A propiedade nesa época estaba en mans da Condesa  Fronilde Fernández, que a herdara da súa familia, e tiña moi claro que quería dedicala ao ben da igrexa, darlle un destino Santo. Así que decidiu reunir a unha serie de mulleres, restaurou os edificios e por último estableceu nel a disciplina  cisterciense  somenténdoo á dirección dos monxes de Meira.

 

Así o 17 de decembro de 1175 doou todo á Orde do  Císter e axiña o mosteiro empezou a florecer. Converténdose no único en Galicia que, actualmente e de maneira ininterrompida desde entón, mantivo a súa función, xa que sobreviviu á desamortización de  Mendizábal seguindo o seu camiño. 

 

No seu interior atópase o sepulcro da condesa dona  Fronilde, que se mantivo como abadesa no seu momento de esplendor. Ademais acolle tamén a Don Diego Lemos, líder das revoltas irmandiñas, e ao seu fillo.

O mosteiro, coñecido como o das nais  Bernardas, ten unhas horas de visita moi estritas, debido a que ao tratarse dun espazo de clausura prima o dereito das monxas para poder gozar dos seus espazos. Así, se queres coñecer máis de preto unha das principais xoias arquitectónicas da zona, poderás facelo de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *