Rutas fluviais

O turismo estende os seus tentáculos a cada recuncho digno de ser admirado. Darse un paseo polas augas do río convértese nunha experiencia de comuñón coa paisaxe que nunca defrauda. Ademais, cada vez hai máis concienciación en canto á pegada humana no ecosistema, polo que se ofrecen experiencias náuticas máis respectuosas co medioambiente. 

Doutra banda, os ríos nosos tamén son sucados a outro ritmo, con espírito deportivo. De feito, contamos cun bo número de olímpicos e olímpicas en remo e piragua. 

Nestes destinos, atoparemos algunhas das mellores rutas fluviais: 

Betanzos está entre os ríos Mendo e Mandeo, antes da confluencia que os leva á ría. É un dos concellos que forman parte da reserva da biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, o primeiro destino de Ecoturismo certificado de Galicia. Desde aquí, trátase de promover o turismo slow.

Entre as actividades que propoñen están as experiencias náuticas, organizadas pola Asociación náutica A-02 Velas. Trátase de rutas pola ría de Ares e Betanzos e polos ríos Eume e Mandeo. Nas rutas fluviais utilizan un catamarán eléctrico, con cero ruído e cero emisións. É accesible e ten capacidade para 6 persoas e 2 patróns.

As experiencias están deseñadas para gozar da natureza a un ritmo lento, apreciando a paisaxe, e con alternativas variadas: combinadas con visitas a cultivos sostibles, con comida a bordo ou nalgún dos restaurantes da reserva, con parada en Betanzos e visita guiada, gozando de solpores, do observación de aves, de concertos…

A Ribeira Sacra, ese tesouro da Galicia interior, a cabalo entre as provincias Lugo e de Ourense, debe en gran parte a súa riqueza natural ás augas dos nosos ríos máis grandes: o Miño e o Sil, que foron conformando a paisaxe a través do tempo. 

Nos anos 50 do pasado século construíronse dous encoros no Miño (Belesar e Os Peares) e outros dous no Sil (San Pedro en Santo Estevo) de xeito que, desde entón, pódese navegar pola zona. E non navegar sen máis, estas augas tamén están abertas á práctica de deportes náuticos: caiac, paddlesurf, piragüismo… E á práctica de relax nas súas praias fluviais.

Para facer unha ruta fluvial polo Miño dispoñemos de catro embarcadoiros: Belesar (O Saviñao); Maiorga (Pantón); Os Peares (Carballedo) e Pincelo (Chantada). O tramo de máis sona é o meandro do Cabo do Mundo.

Para internarnos no exuberante Canón do Sil podemos facer algunha das rutas que parten dos embarcadoiros de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín); Abeleda (Castro Caldelas); Ponte do Sil (Monforte de Lemos) e Os Chancís (Sober). 

Hai rutas organizadas pola deputación de Lugo, que saen de Belesar e Ponte do Sil, e outras rutas organizadas por empresas privadas. Ademais do paseo en catamarán con guía, ofrécense rutas a medida, combinadas con almorzos, sendeirismo, visitas a adegas, excursións en zódiac, en caiac… 

Para aliviar o tráfico na zona en verán, hai habilitado un servizo de bus lanzadeira aos embarcadoiros de Belesar, Ponte do Sil e Abeleda entre o 15 de xullo e o 30 de agosto.

Tui, capital do Baixo Miño, está nesa zona transfronteiriza tan rica, vertebrada polo Miño, que ten Valença na outra beira do río, coa que conforma a eurocidade Tui-Valença. O Miño baña o concello de Tui desde a parroquia de Caldelas ata Areas, sendo navegable desde Guillarei ata Areas, aínda que sempre hai que ter precaución cos cambios dos areeiros.

Desde os embarcadoiros do Club de Remo de Tui e o do Porto deportivo hai varias alternativas para navegar polo río. Ademais, hai outros pantaláns, como o da praia dos Areeiros, en Guillarei. Temos a opción de facer rutas entre Tui e Savaterra, excursións combinadas de caiac, sendeirismo, bicicleta… Un clásico é o descenso do Miño en caiac ou piragua, e unha ruta moi demandada é o descenso nocturno en caiac, desde a praia de Caldelas até á Ponte Internacional, baixo a lúa chea.

Salvaterra de Miño limita ao oeste co concello de Tui. Está na confluencia dos vales do Tea e do Miño. Na beira oposta áchase Monçao, coa que forma a eurocidade Monção-Salvaterra.

Co Miño aí, diante da casa, hai moita afección a coller a piragua ou o caiac e dar unha volta. Hai varias rutas entre Salvaterra e Tui para facer en piragua como o descenso da Canuda.

As eurocidades Tui-Valença e Monção-Salvaterra levaron adiante o proxecto “Río Miño navegable”, con rutas entre os catro concellos da Raia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *