Que é o Outono Gastronómico

Xa hai case dúas décadas que se vén facendo o Outono Gastronómico. Xa son anos, mais seguro que aínda hai quen non sabe de que vai a cousa, o que significa que se está perdendo a oportunidade de pasar algunha que outra fin de semana de fábula nunha casa de turismo rural, gozando de menús de categoría a prezos nada habituais.

Aproveitando que se acaba de presentar o 18° Outono Gastronómico, imos facer un repaso por esta promoción patrocinada por Turismo de Galicia, na que están implicados aloxamentos de turismo rural das catro provincias: 24 da Coruña, 23 de Lugo, 15 de Ourense e 15 de Pontevedra. En total 77 destinos para elixir nun ambiente natural na zona de costa ou interior que máis nos atraia.

Antes de nada, falemos de datas. Hai que estar atentos para planificar, que o tempo pasa voando. As ofertas son válidas os venres, sábados e domingos entre o 13 de setembro e o 15 de decembro, agás na fin de semana do 1 ao 3 de novembro e do 6 ao 8 de decembro.

Cada establecemento que participa na promoción ofrece o seu Menú Outono Gastronómico, con dúas opcións para elixir, que sempre constan de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e viño de D.O. galega. Tamén ofrecen varias modalidades de reserva, dependendo se ficamos a durmir, se imos en familia, etc. Do que podemos estar seguros é de que todo son vantaxes, tanto culinarias como económicas.

E que modalidades son esas? Pois aquí as explicamos polo miúdo, da máis sinxela á máis completa:

Menú Outono Gastronómico. 37,50 € por persoa.

Paquete Outono Gastronómico. Menú Outono Gastronómico + 1 noite de aloxamento (venres ou sábado) + almorzo. 105 € 1 persoa en cuarto individual; 165 € 2 persoas en cuarto dobre.

Fin de Semana Outono Gastronómico. 2 Menús Outono Gastronómico + 2 noites de aloxamento (venres e sábado) + almorzos. 165 € 1 persoa en cuarto individual; 260 € 2 persoas en cuarto dobre.

Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico (cun menor de 14 anos). 2 Menús Outono Gastronómico + 2 menús infantís + 2 noites de aloxamento (venres e sábado, 2 cuartos dobres ou un dobre con 2 camas supletorias) + almorzos. 310 €.

Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico (con 2 menores de 14 anos). 2 Menús Outono Gastronómico + 2 menús infantís + 2 noites de aloxamento (venres e sábado, en cuarto dobre con cama supletoria) + almorzos. 360 €.

Atención, aí non remata a cousa. Entre os establecementos que participan neste Outono Gastronómico, 31 deles (10 na Coruña, 7 en Lugo, 6 en Ourense e 8 en Pontevedra) ofertan unha modalidade extra: o Outono Plus. Nesta modalidade, o paso pola casa rural complétase con actividades como poden ser a visita a un museo, unha baixada en canoa, rutas a cabalo, visitas a adegas, catas de viño, sendeirismo… Desde logo, hai para todos os gustos, até escape room e ioga. Aquí xa non hai un prezo estándar, pois depende do tipo de actividade, así que están entre os 2 e os 60 €, e mesmo algunhas son de balde.

Por certo, até o 5 de outubro podemos presentar a nosa candidatura como embaixador ou embaixadora de Galicia, pensada para aqueles que presumen da terra nas redes sociais. Turismo de Galicia escollerá 10 propostas entre as enviadas a produto.turismo@xunta.gal. Os autores destas serán invitados a unha Fin de Semana Outono Gastronómico para dúas persoas, para que quede documentado nas redes o ben que o pasan.

Xa temos claro de que vai a cousa? Pois veña, que o outono xa está aquí, aproveitémolo a fondo!

Descargar Guía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *