O Tambre é o gran río da provincia da Coruña. Avanza ao longo de 130 km desde a Lagoa de Sobrado até a ría de Muros e Noia, onde abraza o Atlántico. Río de caudal xeneroso e pesca, con coutos como os da Ponte Maceira, Chaián e Sigüeiro, onde se captura troita, ou o de Noia, de reo. Claro que en épocas pasadas había máis peixe, mesmo salmón e lamprea. Tamén podemos practicar deportes náuticos no curso medio e baixo e darnos un baño nalgunha praia fluvial, como a do Refuxio, ou a de Chaián, por exemplo.
O río Tambre, que nos mapas máis antigos aparece como Tamaris e despois Tamara, ten moita historia. A el débelle o nome a liñaxe dos Trastámara (trans Tamaris, ou sexa, máis aló do Tambre) e mesmo Los Tamara, o famoso grupo de música de Noia. O Tambre tamén foi testemuña das loitas medievais entre Xelmírez e o conde de Traba, da batalla da Ponte Maceira, en 1471, e da batalla de Sigüeiro, en 1846 (a carón da ponte e da desaparecida fábrica de curtidos).
En fin, metámonos no curso do río. As fontes do Tambre reúnense na Lagoa de Sobrado, en Terra de Melide, a 510 m de altitude, na Serra de Bocelo. Vese que é boa zona para ríos, pois por aquí tamén nace o Mandeo. E, de que nos soa Sobrado…? Dos monxes, por suposto. Un dos tesouros deste concello é o mosteiro cisterciense de Santa María. Precisamente, a lagoa, a 1 km del, foi construída polos monxes no século XVI. Alí represaron as augas de varios regos que forman as fontes do río Tambre. Fixérona para servizo do mosteiro (auga para as cociñas, para as terras, para pescar…). Hoxe en día, con tanto que choveu, a lagoa xa é natural, con vexetación de ribeira e todo. Na auga abondan os nenúfares e espigas de auga. O mosteiro é patrimonio da humanidade, como os Camiños que pasan por aquí, que son o do Norte e o Primitivo. De feito, o edificio conta con albergue, así como con hospedería.

O Tambre continúa por Terras de Ordes, onde pasa polos concellos de Mesía, Frades, Oroso, Ordes, Trazo e Tordoia. Esta cunca media e alta é zona ZEC e LIC do río Tambre, con importante vexetación de ribeira. Podemos comprobar esta riqueza facendo a Ruta da Fraga dos Muíños (sendeiro PR-G 117), por exemplo, que pasa por Mesía e por Ordes. Outra andaina bonita é a que nos leva pola Vía verde Compostela-Tambre-Lengüelle. É a vía verde máis longa de Galicia, con 28,36 km e lévanos de Oroso a Cerceda.
Por Oroso vai Camiño inglés. Neste concello, un dos lugares máis importantes por onde pasa tanto o Camiño como o Tambre é Sigüeiro. Nesta vila hai moitas áreas acondicionadas para pasar bos momentos á beira do Tambre. Por exemplo, a Illa do Refuxio, onde dispoñemos dunha agradable zona de lecer, con grellas, mesas, etc., con acceso mediante dúas pasarelas á illa, unha insua alongada a carón dunha presa, que até ten praia fluvial Nesta zona está o couto de pesca “Sigüeiro”, coñecido pola troita. De feito, o segundo domingo de maio celébrase a festa da troita, con concurso de pesca incluído.
Á marxe dereita do Tambre, tamén en Sigüeiro, atopamos a área de lecer da Penateixa, un espazo aberto con ameneiros e carballos e zona de mesas.
Máis adiante, en Negreira, na parroquia de Portor, o Tambre é cruzado pola Ponte Maceira, que dá nome á aldea que, por certo, figura no catálogo de “Los pueblos más bonitos de España”. A ponte, con cinco arcos e dous máis pequenos, é medieval, e está construída sobre os cimentos dunha ponte anterior romana. O lugar é todo un conxunto monumental, con poboado primitivo, antigo muíño, presa, a capela de San Brais e o pazo de Baladrón. No século XV foi testemuña das loitas entre o arcebispo Fonseca e o os señores de Moscoso, na chamada batalla de Altamira ou da Ponte Maceira. Por esta aldea tan pintoresca pasa o Camiño que une Compostela con Fisterra e Muxía, de xeito que sempre atopamos peregrinos.

Avanzando cara á costa pasamos pola Central eléctrica do Tambre, edificio de 1924 deseñado por Antonio Palacios. Aquí fíxose o primeiro aproveitamento eléctrico industrial en Galicia, destinado a grandes consumos. Nesta área hai un centro de interpretación do encoro do Tambre. Hoxe, preto da central, hai un pequeno hotel, unha ponte colgante, muíños, e roteiros que nos levan dun lado a outro.

Pola marxe esquerda do río, desde o límite de Brión até a central hidroeléctrica, vai a Devesa de Nimo, bosque atlántico costeiro de carballos, acivros, salgueiros, fieitos… e fauna diversa (londras, garzas, raposos, picapeixes…). Tradicionalmente, esta foi zona de lampreas, de xeito que vamos encontrando pesqueiras no río.
Xa cara á desembocadura, unindo os concellos de Noia e Outes, agárdanos a ponte medieval da Ponte Nafonso. É unha ponte longa, de 20 arcos, aínda que na orixe eran 27, e parece ser que foi mandada construír por Alfonso IX.

O espazo natural Esteiro do Tambre (ZEC) abrangue o último tramo do río e a metade oriental da ría, entre os concellos de Brión, Negreira, Outes, Noia e Porto do Son. Toda esta zona protexida pola rede natura 2.000. Aquí esténdense máis de 1.500 ha de espazos intermareais lodo-areosos onde invernan moitas aves acuáticas e moi rico en vexetación, principalmente a base de carrizos. Arredor, bosques de carballos, freixos e ameneiros.
A entrada do Tambre no Atlántico, da orixe a un hábitat fecundísimo para ameixas e berberechos sobre todo. E unha ría de incribles praias, montañas próximas, castros e cidades cargadas de historia como Muros e Noia. Unha boa despedida para este gran río.

