Percorrendo o río Ulla

As fontes do Ulla áchanse en Olveda, no concello de Antas de Ulla. Alí, na Chousa da Poteira, desde unhas primeiras pingas baixo a raíz dunha árbore, comeza o seu camiño o Ulla, entre bidueiros e carballos. Estamos na provincia de Lugo e, desde aquí, o río vai abríndose paso ao longo de 132 km, marcando case todo o lindeiro entre as provincias da Coruña e Pontevedra, até chegar á ría de Arousa, onde se xunta co Atlántico, na ría máis grande de Galicia.

Na mesma comarca da Ulloa, a uns 12 km do seu nacemento, o río paséase por Monterroso. Un bo sitio para gozar del é a área recreativa da Peneda, onde encontramos un pouco de todo: poldras, pasarelas de madeira, muíños, restos arqueolóxicos… Tamén hai espazo para un bo baño na piscina fluvial e para pescar nun couto troiteiro. Na mesma área de lecer hai máis piscinas, pista de tenis e cámping. Tamén hai rutas de sendeirismo, como a da Pena do Corvo.

Monterroso foi un enclave importante na historia e na prehistoria, do que temos mostras na multitude de castros, mámoas, petróglifos, pazos, como o da Torre, igrexas, como a de Novelúa…

Por aquí pasaban varias vías romanas, entre elas a XIX e, pola parroquia de Ligonde, o Camiño Francés a Santiago, na etapa Portomarín-Palas de Rei.

Xa que estamos aquí, podemos aproveitar para visitar Melide, na provincia da Coruña, que fica ben cerca. Melide é un punto clave do Camiño de Santiago, xa que por aquí pasan o Camiño Francés e o Primitivo. O máis seguro é que a cidade nacese precisamente por estar no Camiño. Ademais, este feito dotouna de gran riqueza monumental, como vemos en Santa María de Leboreiro, en San Xoán de Furelos, na igrexa do Sancti Spiritus… Melide foi escenario de varios feitos históricos, como as loitas contra as tropas francesas na Guerra de Independencia, expulsadas coa axuda do Batallón de Monforte.

Antes de deixar Melide, temos que catar os estupendos melindres, que até teñen festa propia no mes de maio, os amendoados e os queixos, entre outros manxares.

Estamos practicamente no centro xeográfico de Galicia. Aquí, a auga do Ulla é represada no encoro de Portodemouros, entre Arzúa e Vila de Cruces. As beiras tamén dan a Santiso e Agolada. Xa estamos falando doutras provincias, A Coruña e Pontevedra. No encoro, as ribeiras de Beigondo e Loño están comunicadas por un curioso ferri, que acode a toque de sirena ou campá. Na contorna hai moitos castros, como o de San Román, pazos, hórreos… e até un museo de apicultura.

Ao seu paso polo Concello de Touro, o río Ulla ofrece lugares ideais para gozar da natureza, realizar paseos ou simplemente relaxarse xunto á auga. Dignas de visitar son as fervenzas dos seus regatos que desembocan directamente no Ulla, nun entorno composto por bosques de ribeira e especies autóctonas. Tres son as rutas homologadas de sendeirismo que discorren neste concello pola beira do Ulla: PR-G 93 Ruta da ribeira do Ulla, PR-G 121 Ruta dos tres ríos e PR-G 233 Ruta da fervenza das Hortas ao río Lañas. Muíños restaurados, fervenzas, petróglifos acompáñannos nos seus percorridos.

En Vedra, preto de Santiago atopamos un dos coutos de salmón máis importantes de Galicia: Couto de Ximonde, na parroquia de Couso, na Estrada. No refuxio hai un centro de interpretación do río e unha estación ictiolóxica de cría e reprodución. Ademais, conta con área de lecer. Se nos coincide andar por alí a terceira fin de semana de maio, temos unha cita obrigada: a Festa do Salmón da Estrada.

Polo salmón tamén é famoso O Xirimbao, en Teo. Comunícase co couto de Ximonde a través dunha pasarela que, á vez, une dous concellos e dúas provincias: A Estrada, en Pontevedra e Teo na Coruña. Esta ponte é unha das pasarelas colgantes máis longas de Galicia, de 80 m de lonxitude e 1,80 m de anchura. O Xirimbao tamén ten a súa área recreativa, con aparcadoiro, mesas, sendeiros… O primeiro domingo de agosto celébrase a Festa do Escalo, concurso de pesca con categoría infantil e adulta que remata en papancia dos escalos capturados.

 

Pasado o couto de salmón de Sinde, a zona do rafting, que aquí se practica bastante, Herbón, Iria Flavia e Pontecesures, imos achegándonos á zona de marisma, antesala da desembocadura. Na marxe esquerda do esteiro está Catoira. Aquí resisten, como saídas da auga, o que se mantén das Torres de Oeste, defensoras das terras da arquidiocese de Santiago dos ataques normandos durante a Idade Media. O primeiro de agosto rememóranse aquelas épocas na Romaría Viquinga de Catoira, Festa de Interese Turístico Internacional.

Nos concellos de Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa, Padrón, Dodro e Rianxo, no final do curso de río, ábrense as zonas de marisma e abonda a vexetación de ribeira na contorna. O esteiro, entre Rianxo e Carril, así como o río e ribeiras do Ulla e o treito final do Deza, o seu principal afluente, conforman a ZEC Sistema fluvial Ulla -Deza, un espazo riquísimo onde se crían a gusto os mexillóns, as vieiras, as ostras, as ameixas…

Unha das rutas do Camiño de Santiago transcorre por estes lares: a Ruta do Mar de Arousa e río Ulla, tamén chamada Translatio Xacobea. Conmemora a chegada a Galicia do corpo de Santiago desde o porto de Jaffa, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Disque entraron na ría e, seguindo o leito do Ulla e do Sar, chegaron a Iria Flavia, onde amarraron a barca ao Pedrón e, despois dalgunha lea coa raíña Lupa, soterraron ao santo no bosque Liberum Donum (Libredón). Á ruta marítima únense dúas sendas terrestres polas beiras da ría: a ruta Translatio norte (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro) e a ruta Translatio sur (Sanxenxo, Meaño, O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures). E continuamos de Padrón a Santiago de Compostela, por Rois, Teo e Ames.

Cada verán, entre finais de xullo e principios de agosto, sae unha procesión de embarcacións engalanadas desde distintos portos da ría cara a Pontecesures e Padrón. Quen completa o percorrido obtén o diploma da Translatio Xacobea. No traxecto podemos ver até 17 cruceiros, instalados o século pasado, que forman un viacrucis peculiar.

Volvendo ao mar, temos que apreciar a Ría de Arousa como é debido. A ela van dar o Ulla e o Umia. Esta ría é moi grande e moi rica en marisco, en viños (DO Rías Baixas, con capital en Cambados), en castros, en pazos, como o de Fefiñáns, mosteiros como o de Armenteira, ao que lle din “a catedral do Salnés”, e praias de impresión en Ribeira, A Pobra, Rianxo, O Grove… De feito, é unha das zonas máis turísticas de Galicia. A ría acolle varias illas: Sálvora e Cortegada (ambas parte do Parque nacional das Illas Atlánticas); Arousa e A Toxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *