Percorrendo o Río Eume

Na provincia de Lugo, entre a costa da Mariña e a Terra Chá, hai unhas montañas antigas, que ás veces desaparecen na néboa, nas que zoa bravo o vento e a xistra, ese azoute de aire húmido e xeado. A xistra aprópiase da serra e dálle nome: Serra do Xistral. Nas partes máis altas, o solo tamén leva esa humidade, formando grandes extensións de turbeiras de cobertor. Terras molladas cunha vexetación moi rica, a base de queirogas e brións. Son un caldo ideal para o cultivo de ríos. Así é que agroman o Landro, o Masma e o Ouro rumbo ao Cantábrico e o Eume cara ao oeste, na procura do Atlántico. A busca lévao pola provincia de Lugo (concellos de Abadín, Muras, Vilalba e Xermade) e a da Coruña (As Pontes de García Rodríguez, A Capela, Monfero, Pontedeume e Cabanas) ao longo de 80 km.

As primeiras augas do Eume circulan por A Balsa, en Muras, e Montouto, en Abadín. Son localidades de montaña, de gran riqueza natural, con turbeiras, bosques en solos aluviais, aves rapaces, lobos… Por aquí campan cabalos salvaxes de raza galega e hispano-bretoa e vacas que pastan ceibes, así que moito ollo os días de brétema, abondosos aquí, non nos aparezan de súpeto e nos levemos un susto.

O Eume lévanos por zonas protexidas desde o seu nacemento, pois a serra do Xistral é ZEC e ZEPVN, e forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, á que tamén pertencen os concellos da Terra Chá polos que pasa o río (Abadín, Muras, Vilalba e Xermade).

O caso é que nada máis deixar esta zona, entrando na provincia da Coruña, comeza o Parque Natural das Fragas do Eume, que ocupa parte dos concellos da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Monfero e Pontedeume. Outro espazo protexido no que a paisaxe cambia mais é igualmente fermosa.

A primeira parada é As Pontes de García Rodríguez, un concello moi grande, que se estende nunha depresión rodeada de alturas. Aquí flúe o Eume no seu curso medio, onde se nutre de varios tributarios. E, como anuncia o topónimo, non escasean as pontes; as máis significativas, a ponte romana, a dos Ferros, do século XV e a de Isabel II, de 1860. Entre estas dúas últimas hai un paseo de madeira pola beira do río.

Nas Pontes, as augas do Eume son represadas no encoro, da Ribeira, onde son habituais as piraguas. Se a presa parécenos pequena, non temos máis que achegarmos ao Lago das Pontes, un xigantesco lago artificial que aproveita o espazo que deixou a mina a ceo aberto de lignito, esgotada hai anos, materia prima da Central térmica das Pontes, que rematou a súa actividade en 2023.

Hai varias rutas de sendeirismo para dar un paseo á beira do río, como a senda da Ribeira, ou a das Fragas da Ribeira e Lostregal. Outros sendeiros lévanos pola historia do lugar, marcado pola central térmica, como a senda de Calvo Sotelo ou a da Memoria, arredor do lago.

Pasado este tramo, o río vai encaixándose máis até que acaba sucando un profundo canón, xa no seu curso final. É a parte máis frondosa do parque, con ecosistemas de moi alta biodiversidade, ricos en matogueiras, queirogas e xestas nas zonas altas e en carballos, bidueiros, ameneiros, freixos… Dos poucos exemplos de fraga atlántica en Europa. Tamén hai até 28 especies distintas de felgos e moitísimos musgos e liques. En canto animais: píntegas, sapos e rás ras, a píntega típica de aquí, corzos, cervos, londras…

Para descubrir os recunchos máis sorprendentes das fragas, o mellor é internarse nas rutas de sendeirismo, camiños sinalizados no medio do bosque con moitos miradoiros, pontes, zonas nas que pescar ou practicar actividades acuáticas, centros de interpretación… E non esquezamos dúas grandes obras de arquitectura integradas perfectamente entre as árbores: os mosteiros de Caaveiro e Monfero.

Xa na desembocadura do río, localízase Pontedeume, ao pé do monte Breamo, na marxe meridional da ría de Ares, ben ao fondo, en fronte do esteiro. É unha cidade cunha forte pegada medieval, marcada polo dominio dos Andrade. Conta cun conxunto histórico importante, co Torreón dos Andrade, os soportais da rúa Real, o convento de santo Agostiño, a ermida das Virtudes, a igrexa de san Martiño, a praza das Angustias, a praza Real, a do Pan…

De paseo polo porto, podemos continuar pola beira do Eume e mesmo cruzar a ponte medieval e seguir polo paseo de Cabanas. Seguro que nos cruzamos con algún peregrino, pois Pontedeume é unha importante parada do Camiño Inglés.

Xa estamos no final do traxecto: a ría de Ares. Está a carón da de Betanzos, que acolle o Mandeo. As dúas rías, separadas ao principio pola Punta da Carboeira, xúntanse formando a ría coñecida como de Ares e Betanzos.

A ría de Ares, xunto coa de Betanzos, a de Ferrol, e a da Coruña, forman o que Otero Pedrayo deu en chamar o Golfo Ártabro, á maneira do Portus Magnus Artabrorum do que falaban os romanos, ese pregado do noso litoral que dá rías acolledoras, axeitadas para fondear, resgardadas por cabos con grandes cantís. Terra cara ao interior, os vales dos ríos que dan a elas, ademais de ricas zonas húmidas e lagoas, como a de Valdoviño. Cara ao sur, unha reserva da biosfera: As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo e, toda a costa ártabra, zona de especial conservación.

As principais cidades son A Coruña, Ferrol, Sada, Betanzos, Pontedeume, Ares, Mugardos, Fene, Neda e Narón. Un dos destinos máis emblemáticos do golfo é Santo André de Teixido, ao que “vai de morto o que non foi de vivo”.

Percorrendo a costa ártabra damos con faros en cantís de impresión, como poden ser o de Ortegal, onde remata a Serra de Capelada, o da Punta Frouxeira, ou o do cabo Prior. A menos altura e máis gorecido, o de Mera e, xa na Coruña, a Torre de Hércules, o faro patrimonio da humanidade.

Para rematar, despois de tanta auga doce, un baño ártabro. Temos praias dabondo para escoller: Razo, Barrañán, Doniños, Pantín, Mera, Perbes, Miño, Santa Cristina…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *