O río Arnoia é 100% ourensán: nace e morre na provincia, cunha vida de 84,5 km, o curso máis longo de Ourense. Nace en Rebordechau, no concello de Vilar de Barrio, na Serra de Mamede, a 1.300 m, onde se xunta con augas de varios regos. Neste comezo da súa andaina, paga a pena subir a un dos miradoiros da serra, desde onde se pode contemplar todo o que un día foi a Lagoa de Antela. A uns 20 km de Rebordechau, o bidueiral de Montederramo, outra paisaxe onde somerxerse.
Desde a cabeceira o río flúe nun leito amplo, estendéndose para, xa despois de Allariz, ir máis encaixado, no canón de Cartelle, para abrirse de novo na Arnoia, onde desemboca.
O río vai descendendo das alturas entre prados e hortas, amparado pola rica vexetación de ribeira. Puntos claves no seu percorrido son: Baños de Molgas, Allariz, Cartelle, Cortegada e A Arnoia.
Entra en Baños de Molgas polo sueste, desde onde sobe e baixa ao suroeste cara á Arnoia. Con ese nome é doado deducir que nos imos encontrar aquí: auga para bañarse. Esta vila non é unha vila calquera: é unha vila termal. Aquí agroman augas bicarbonatadas, sódicas-clorurosas e lixeiramente radioactivas, moi boas para as dermatoses, a artrose, o reuma, a gota, as neuralxias e a circulación. Ademais do balneario á beira do río, outro símbolo da vila é a ponte medieval, construída sobre os restos dunha romana.
Baños de Molgas tamén é coñecido pola peregrinación que se fai ao santuario dos Milagres no Monte Medo. No mesmo concello está o conxunto etnográfico de Suatorre, a igrexa prerrománica de Vilariño de Lama Má, a capela de Santa Eufemia de Ambía e a capela barroca de San Vitorio, a carón da que hai un petróglifo cun cruceiro enriba.

Hai varias áreas recreativas á beira do río, con espazo para tomar un baño: A Ansuíña, A Acea e Vide. Entre Baños e a aldea de A Acea, vai a ruta do Canón do Arnoia.
Discorrendo entre zonas de montaña, o río esténdese nun amplo val á súa chegada a Allariz, xa no seu curso medio. Nesta cidade medieval, protexida polas montañas, o río, que cruza o concello de leste a oeste, foi clave para o seu desenvolvemento. Todo o que significa o Arnoia para Allariz enténdese moi ben ao visitar o Parque Etnográfico do río Arnoia, do que forman parte o Muíño do Burato, o Museo do Tecido O Fiadeiro e mais o Museo do coiro.
O centro histórico, moi coidado, coroado polos restos do castelo de Afonso IV, revélanos o importante pasado da vila, residencia de reis e nobres. É destacable o convento de Santa Clara, cun Museo de Arte Sacra moi completo.

Outros lugares con moita historia e mesmo lenda son Santa Mariña de Augas Santas; o conxunto arqueolóxico-histórico de Armeáa, con cibdá, forno (talvez o de Santa Mariña) e basílica inacabada, e o xacemento tardomedieval de San Salvador dos Penedos, co castelo de San Salvador de Todea.
Enfocándonos no río, o corredor temático do Arnoia, duns 5 km, perfectamente acondicionado, vai desde O Rexo, o ecoespazo intervido por Ibarrola, até o Festival de Xardíns. .
Despedímonos de Allariz cuns amendoados e un licor café na mochila e seguimos a viaxe do Arnoia, internándonos en Terra de Celanova, historicamente ligada ao mosteiro. Precisamente, en Cartelle aínda vemos sobresaír entre as rochas a Torre de Sande, restos da fortaleza do mosteiro. Entre as obras de arquitectura, vemos que o barroco deixou pegada, coas igrexas de Cartelle, As Marabillas en Espiñoso ou Mundil, por exemplo.

Entre as obras do pasado cabe destacar a Ponte Freixo, entre Freixo e Penela, por onde pasaba a vía XVII romana, no tramo que ía de Aquis Querquenniis a Lugus Augusti.
Unha boa zona para desfrutar do río é a área recreativa de Ponte Nova e a Ruta do Santo, que vai pola beira dereita até a capela de San Bartolomeu, uns 4 km entre natureza pura e intervida, pola ollada do pintor Pepe Álvarez. De xeito que, ademais de vellos carballos, igual atopamos algún tigre. A zona está poboada de árbores autóctonas (carballos, ameneiros, bidueiros…), e conta con pontes, muíños, área recreativa e zona de baño cun pequeno embarcadoiro. O 24 de agosto, hai procesión até a capela e romaría.
Na área de influencia dos mosteiros sempre hai viñedos, logo por aquí hai moito viño, sobre todo cando entramos na comarca do Ribeiro seguindo o río. A 20 km de Cartelle hai outro concello famoso polos seus baños: Cortegada. É un concello máis que regado, pois por el circulan o Miño, o Deva e o Arnoia, que aquí forma un canón duns 200 m de desnivel.
A Cortegada víñanse tomar as augas desde hai séculos, mais a época de maior esplendor, como a de todos os balnearios en xeral, foi no século XIX, coa construción dun edificio modernista para o balneario. Mais, desde que se puxo en marcha o encoro de Frieira, paralizouse a actividade neste centro, por mor da subida das augas. Así que se levaron os baños a máis altura, preto do miradoiro do Coto da Pena.
Hoxe en día, a vila termal conta cun Club Termal, con tres piscinas termolúdicas, o balneario e a Fonte da Pezoña. As augas da zona son sulfuradas cloruro-sódicas hipertermais, boas para todo en xeral e para afeccións respiratorias e reumáticas en particular.
Cortegada conta con monumentos de interese como o pazo dos Cid, o do Conde de Meréns ou o santuario de San Bieito de Rabiño, do século XVII, co seu curioso milladoiro.
Case sen decatarnos imos chegando á desembocadura do noso río, na Arnoia. Este vai dividindo o concello en dous desde o sueste ao noroeste, abríndose paso entre montañas e vales, nunha terra de viños e pementos. Doutra banda, na Arnoia, as augas termais non rematan de súpeto, de feito, á beira do Miño hai un gran balneario- hotel, desde o que ademais de tomar as augas, podemos navegar polos ríos.
O canón do Arnoia ven cargado de vexetación, como os sobreirais da Peneda, a misteriosa Silvaescura e Inquiau, onde temos área recreativa e muíños. Séguelle a ponte medieval e a área das Poldras, onde podemos pescar e tomar un baño, e onde arranca un paseo fluvial, que chega á desembocadura onde están os illotes Os Castelos.
Entre as pezas do seu patrimonio, por suposto, vencellado ao mosteiro de Celanova, destacan a igrexa de San Salvador, a casa reitoral, a capela de San Roque, entre outras. A Torre do reloxo de San Roque foi levantada en Oliveira con capital de galegos de Montevideo no século pasado.

