Percorrendo o Río Limia

Xunto co Miño, o Limia é o noso río máis internacional: dos 108 km que mide, 41 se estenden polo sur da provincia de Ourense e 57 polo norte de Portugal, onde lle chaman Lima. Bota as primeiras augas a 975 m de altitude, no monte Talariño, en Paradiña, no concello de Sarreaus. Aquí empeza a súa viaxe, que o leva por toda A Limia, onde circula amodiño na chaira até as montañas da serra Laboreiro, cun curso máis rápido; despois entra en Portugal, onde pasa polos concellos de Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Ponte da Lima e Viana do Castelo, que hai séculos se chamaba Viana da Foz da Lima.

No seu percorrido galego, o Limia pasa pola Limia, En tempos remotos, aquí vivía o pobo dos límicos, de aí a toponimia. En dirección suroeste, atravesa os concellos de Sarreaus, Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira, Bande, Muíños, Lobeira, Lobios e Entrimo. A zona ven marcada por unha gran depresión, que hai anos era ocupada pola Lagoa de Antela. Era a mais grande da península, por certo, e a lenda dicía que no fondo estaba Antioquía, condenada a ficar mergullada polo culto pagán ao galo. Foi cuberta toda ela por terra, aproveitada para o cultivo, en 1958. Case como unha presa ao revés. Desde aquela, a zona é un dos maiores produtores de cereal e pataca de Galicia.

O principal núcleo urbano, e capital de comarca, é Xinzo de Limia. Unha zona de chaira toda ela agás ao norte, co Alto da Pena e o Monte da Medorra e ao sur, con alturas de 800 m nas cabeceiras do río Nocedo e Rego da Ribeira.

No casco antigo de Xinzo son características as construcións tradicionais de perpiaño. As principais obras de arquitectura son a Torre da Pena ou castelo da Porteliña, do século XII; a igrexa de Santa Mariña, da mesma época, e o mosteiro do Bon Xesús, cunha gran portada gótico-prateresca.

Na mesma cidade, á beira do río, está o parque do Toural e, moi preto, o Museo Galego do Entroido. E logo non é Xinzo un dos lugares máis entroideiros do mundo? Lembremos que o seu entroido, o das pantallas, é o ciclo de entroido máis longo do mundo, que até se anuncia co Aninovo.

Si, o entroido é moi famoso mais, que hai da Festa do Esquecemento? Trátase dunha celebración que se fai desde o 2001 a penúltima fin de semana de agosto, e que nos leva ao 138 a. C., cando o exército romano avanzaba cara ao oeste. Tanta néboa levanta o Limia, e tanto ambiente misterioso, que os romanos o asociaban co mítico río Lethes, o río do esquecemento. É por iso que se negaban a cruzalo, pos tiñan medo de perder a memoria. Sería Décimo Xunio  Bruto, despois coñecido como o Galaico, quen conseguiu que os seus homes cruzasen o río. E como foi? Pois, malia as supersticións que lle levaban a contra, meteuse no río e, xa desde a beira oposta, foi chamando a cada soldado polo seu nome. Estes, ante a evidencia de que tiña a memoria intacta, metéronse na auga sen problema.

No mesmo Xinzo, hai atractivos sendeiros para pasear e mergullarse na cultura limosa, como o de Faramontaos até a estación do parque eólico de Gudín, ou o que vai do mosteiro Trandeiros a Solveiro e Torre da Pena, ou a ruta da Gorgoloza.

Preto de Xinzo está Sandiás, onde podemos visitar a Torre do Castro, a igrexa de Santo Estevo, os miliarios da Vía Nova, as vellas areeiras recuperadas e o centro de interpretación da lagoa de Antela. Para saber máis da zona, en Vilar de Santos agárdanos o Museo Etnográfico da Limia.

En 1949, para a xeración de enerxía hidroeléctrica, destináronse 631 ha entre Bande, Lobeira e Muíños para construír o encoro das Cunchas. Ponte Pedriña e Ponte do Poldrado ficaron asolagadas daquela, así como a famosa Vía XVIII, a autopista romana da época. Precisamente, co gallo da súa construción, levantárase un campamento romano que aínda podemos contemplar cando a presa non está moi chea, na beira dos Baños, en Bande. Falamos dos restos do complexo arquitectónico de Aquis Querquennis, campamento romano da cohorte II da lexión sétima, do cal hai escavados e consolidados uns 200 m da muralla perimetral, barracóns das tropas, hospital (valetudinarium), hórreos, e principia, o edificio principal.

Preto do asentamento, no val do río Caldo, entre as serras do Xurés e de Santa Eufemia, atopamos a mansio Originis, unha mansio viaria romana, a modo de pousada no camiño. Tamén contaba con augas termais moi boas para o reuma e as afeccións respiratorias. Hai un centro de interpretación que nos achega a aquelas épocas, á construción das vías, aos xeitos de viaxar daquela, etc.

Por esta zona esténdese o Parque natural da Baixa Limia – Serra do Xurés, que conforma o núcleo da reserva transfronteiriza Gerês-Xurés, xunto co parque nacional Peneda-Gerês. É o parque natural máis grande que temos, e abrangue os concellos de Entrimo, Lobios, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín. É unha zona de gran riqueza de fauna e flora, con até máis de 30 especies de mamíferos e 140 de aves, cun patrimonio etnográfico e arquitectónico valioso e cumes de até 1.200 m. Conta con 11 rutas de sendeirismo e aparcadoiros onde esquecerse do coche.

En Lobios áchase o porto de montaña da Portela do Home, por onde se atravesa a Portugal. Neste concello tamén está o centro de interpretación do parque, moi práctico para sacar o máximo partido á visita. Doutra banda, Lobios conta cun importante patrimonio etnográfico e histórico, entre o que figuran os miliarios romanos ou os xigantescos bolos graníticos integrados nas edificacións como se tal cousa.

Na fronteira encontramos, a 27 km do encoro das Cunchas, relativamente cerca, o encoro de Lindoso. O pantano, de 1992, asolagou as localidades de Aceredo, Buscalque, O Bao, Lantemil e A Rebeira. En tempadas de moita seca saen á luz os esqueletos destas poboacións, como cidades fantasma. Na actualidade, nestes encoros tamén se practican actividades acuáticas.

E aquí dicimos adeus ao Limia, que se converte en Lima en terras portuguesas, e continúa rumbo a Viana para descansar no Atlántico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *