Festas gastronómicas que non podes perder este mes de agosto en Galicia

Abran ben os ollos! A ración de polbo máis grande do mundo! Onde? Na Feira do polbo do Carballiño, na Praza Maior. Cando? O día 6 de agosto. Ese martes, desde as 7 da tarde, cocíñase unha ración de polbo á feira xigante, a base de case 600 kg de polbo, 50 litros de aceite, 7 kg de sal e 3 kg de pemento. A festa estírase do 2 ao 10 de agosto, entre actuacións, concertos, lupandas polbeiras e mostras de viño de D.O. Ribeiro. Mesmo hai una partido amigable do Arenteiro contra o Pontevedra, o día 9, unha festa das camisetas, o 10 e, quizais o que máis se sae das festas de sempre, unha ruta nocturna aos petróglifos de Cangues, o día 2. O día da festa en si é o 11, que vén cheo de música: charanga, festival folk de música e danza tradicional, concerto de acordeón e actuación de Óscar Ibáñez e Tribo. Pódese dicir que esta festa está consolidada, pois xa vai pola 62 edición e, ademais, é de interese turístico internacional.

Un pouco máis nova é a Festa do mexillón e do berberecho de Vilanova de Arousa, que cumpre este verán os 30 anos. A gran carpa de degustación está aberta desde o día 8 na praza do Castro e, o día 9, abre a Feira de oportunidades. Entre festa e feira, tamén hai oco para a procesión marítimo-terrestre do Carme. O día máis importante é o domingo 11 de agosto, con pregón e entrega de insignias de ouro e brillantes. Por suposto, a festa é unha escusa para a cata de innovadoras receitas do obradoiro de hostalaría baseadas nas mellores materias primas do verán. 8, 9, 10 e 11 de agosto: catro días intensos, con actuacións como a de Panorama ou Roi Casal.

Outras festas duran só un día, como a Festa da Ameixa de Carril. Pero vaia día! Con homenaxeados e todo! Nada menos que 3.000 kg de ameixa, xapónica nesta edición, danse cita o domingo 11 para ser devorados gozosamente pola concorrencia na Alameda. Todo isto amenizado por música tradicional e menos tradicional, a cargo de Cristian Silva, Os Xirifeiros, Pablo Balseiro e The Verbenian Orquestra e Brisas do Ulla. Tamén se outorgarán os premios do concurso de fotografía “Ameixa do Carril”. Ollo, a ración inclúe prato para levar de agasallo. Por certo, van pola 29ª edición.

O 15 de agosto temos unha cita importante na Carballeira de Cacharedo, na Cañiza. Na Cañiza? Entón ten que haber xamón! Pois claro, celébrase a 58 edición da Feira do Xamón da Cañiza. Esta terra de altura, seca e fría cando ten que sela, é óptima para a curación do xamón, por algo se lle coñece como a” terra do bo xamón en Galicia”. Nesta edición celébrase a IX competición de cortadores profesionais de xamón, dos que sempre se aprende algo. Aínda que a feira en si é o 15, o 13 e o 14 tamén son días de troula. O martes 13 hai obradoiro de bocacadillo de xamón xigante e actuacións musicais nocturnas e, o mércores 14, pasacalles con cabezudos, clase maxistral de corte de xamón e cata de viños, partido de fútbol e verbena.

Xa sabemos que comer o penúltimo sábado de agosto: empanada. Onde? Na Festa da empanada da Bandeira. Neste lugar da parroquia de Manduas, en Silleda, vénse celebrando a xuntanza desde 1974, co que este ano fan a XLVIII edición. O que empezou como unha merenda de amigos na carballeira, converteuse nunha celebración multitudinaria que se prolonga durante cinco días. A festa en si é o sábado 24 de agosto, con pregón, concurso e poxa de empanadas, comida e cea de cuadrillas, e moita charanga e verbena. E o resto dos días? Mércores: birilé, ruta das empanadillas, fútbol, tenis, entroido de verán; xoves: festas infantís, ruta da empanada, IV Bandeirap, Bandeirock; venres: xogos tradicionais, tiro á corda, Esmorgafolk; domingo: pasacalles, misa cantada, concerto de bandas e teatro. E todos os días: música e baile!

Imos de carballeira en carballeira. Esta vez paramos na carballeira de Turbela, que é onde se fai a Festa da lamprea seca de Arbo, festa de interese turístico nacional. Unha ocasión perfecta para degustar este manxar, que se toma en contados sitios e en contadas ocasións. A cita é o 9, 10 e 11 de agosto. Unha festa na que aproveitamos para coñecer moitos recunchos de Arbo, grazas á andaina popular, á festa da bicicleta, ou ás visitas guiadas ao centro de interpretación do viño e a lamprea “Arabo”. Tamén se celebra a “Arbomostra”, feira de produtos da zona e a Feira de artesanía e antigüidades.

En Valga non só hai unha festa gastronómica, senón todo un Agosto gastronómico. A XXXIV Festa da anguía e mostra de caña do país arrinca o día 1, co obradoiro de cociña infantil. Este ano contan con as clases maxistrais do chef Álex Iglesias, que amosará durante o mes receitas a base de anguía e caña, que rematan o día 27 cunha sesión de coctelaría. Hai concurso de fotografía, concurso de cociña, o “Anguía chef”, con equipos de catro persoas que disputan as eliminatorias os días 22 e 23 de agosto. O día grande é o 31 de agosto.

Trátese do manxar que sexa, un compañeiro que está aí apoiando sempre é o pan. A Festa do pan de Neda ten lugar no paseo marítimo, onde tamén se instala o mercado de artesanía. Empeza o día 1 de setembro, aínda que o día grande é o 3, con pregón, concurso de empanadas, obradoiros… e moita música!

Do 14 ao 17 de agosto, a asociación Airiños do Xunco organiza a Queimada popular de Cervo. A cousa empeza o día 14 coa Festa do ovo frito; o día 15, misa e procesión, sesión vermú e Festa do bolo preñado; o día, 16, misa, procesión, vermú e Festa dos torresmos de Porco Celta e, sábado 17, a XLVI queimada popular de Cervo. Esa noite, hai un desfile até á Praza do Souto, que remata nunha representación das forzas do ben e do mal que nos deixa o corpo preparado para a beberaxe máxica. Despois da queimada, música e baile para todo o mundo.

Non sabemos que facer o 23, 24 e 25 de agosto? Pois rumbo a Salvaterra de Miño, onde nos agarda a LXV Festa do Viño do Condado do Tea. Este ano o escenario amplíase a toda a muralla e á praza do castelo. Con anterioridade, na Casa do Viño, ofrécense degustacións de balde (do 19 ao 23). Na festa atopamos catas populares, o Túnel do Viño, postos de comida, concertos (Luar na Lubre, De Vacas, Roi Casal…). Todas as actividades completan o programa do Verán Cultural de Salvaterra.

O derradeiro domingo de agosto, este ano 25, cadra a Festa da Vendima de Leiro, en plena comarca do Ribeiro. Hai unha morea de actividades: pregón, desfile de carrozas da vendima, xantar, actuacións populares, concurso de acios de tinto e branco, mercado artesanal, mostra de coches clásicos, mostra de viños do ribeiro, xantar popular no Salgueiral e actividades infantís.

 

Feira do polbo do Carballiño. 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11 de agosto

Festa do mexillón e do berberecho de Vilanova de Arousa. 8, 9, 10, 11 de agosto

Festa da Ameixa de Carril. 11 de agosto

Feira do Xamón da Cañiza. 13, 14, 15  de agosto

Festa da empanada da Bandeira. 21, 22, 23, 24, 25 de agosto

Festa da lamprea seca de Arbo. 9, 10, 11 de agosto

Festa da anguía e mostra de caña do país. 31 de agosto

Festa do pan de Neda. 1, 2, 3 de setembro

Queimada popular de Cervo. 14, 15, 16, 17 de agosto

Festa do Viño do Condado do Tea. 23, 24, 25 de agosto

Festa da Vendima de Leiro. 25 de agosto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *