Percorrendo o Río Eo

As fontes do Eo, as súas primeiras augas, comezan a fluír en Fonteo (fonte + Eo), no concello de Baleira, procedentes dos regos que baixan da parte oriental da Serra do Miradoiro.

Xusto á beira da estrada LU-750, medio camiño entre O Cádavo e Meira, un letreiro nos indica o nacemento do río. Alí, baixo un enorme carballo, pasa o Eo entre as pedras e, na “área recreativa do nacemento do río Eo”, agárdanos un campo con mesas e bancos para repoñer forzas ou pasar o tempo á beira do río, aínda pequeno. A carón da área, o centro de interpretación ambiental.

Aquí empeza o curso do Eo, que avanza ao longo de 99 km polo extremo noroccidental da provincia de Lugo, penetrando na comunidade asturiana e servindo de fronteira entre Galicia e Asturias en varias ocasións. Atravesa os concellos de Baleira, Ribeira de Piquín, Meira, A Pontenova, Riotorto, San Tirso de Abres, Trabada e A Veiga (Vegadeo), e desemboca no Cantábrico pola ría de Ribadeo, entre Castropol e Ribadeo.

Esta zona de montaña, con grandes masas de vexetación autóctona, forma parte da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, que se estende por sete concellos galegos (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada e Ribadeo) e outros tantos asturianos. Abrangue toda a cunca do Eo, de principio a fin, incluíndo a ría e parte das cuncas doutros ríos que desembocan nela.

A reserva é rica en testemuñas históricas, con moitos restos de mámoas, castros, mosteiros, elementos etnográficos (alvarizas, hórreos, ouriceiras…). Entre a fauna do río resalta o salmón, a lamprea, o mexillón e o caranguexo de río, a lontra. Entre as especies de flora máis particulares, fentos e narcisos.

O concello de Baleira linda polo leste co da Fonsagrada. A Fonsagrada, xunto co concello de Negueira de Muñiz, constituíu o concello de Burón durante moito tempo. Hoxe en día chámaselle Terras de Burón ao conxunto dos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz e mais Ribeira de Piquín. Terras de ríos e montañas, polas que cruza o Eo, moi ramificado polos accidentes do relevo. Tamén pasan por aquí o Rodil, afluente do Eo, e o Suarna. As praias da Retorta ou Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, son un destino estupendo para rematar unha tarde de calor cun baño de auga fresca do Eo.

En canto á Fonsagrada capital, cabe sinalar que é a capital do concello a maior altitude de toda Galicia. É unha cidade moi ligada ao Camiño Primitivo. Co topónimo que posúe, todo indica que a súa orixe está na Fontem Sacram, fonte sagrada aos pés da capela de Santa María, todo un símbolo para os peregrinos. Entre os lugares para visitar, destacamos o museo Etnográfico, a seimeira de Vilagocende, ou a praia fluvial da Pena do Inferno. E, por certo, non deixar a zona sen catar a androlla o e o butelo, entre os manxares do porco máis típicos.

Entre os concellos da Fonsagrada e Baleira esténdense 611 ha de bosque autóctono en zona de media montaña: a Fraga da Marronda. Discorre pola Braña, Fórneas, Mendreiras, O Real e Martín. A súa particularidade é que abeira unha das reservas de faia máis importantes desta zona do continente. Ademais de faias, abundan os castiñeiros, carballos, abeleiras, acivros, cancereixos e salgueiros. En canto a animais, xabarís, corzos, raposos, xenetas, corvos, perdices, cucos ou bubelas. Ten o valor engadido de ser unha paisaxe na que se sinte o paso do tempo a través das cores, tan variantes, que nos fan descubrir distintas marrondas segundo a época do ano.

Seguindo o curso do Eo, entramos xa na Mariña Oriental. Pasamos pola Pontenova, onde o río foi clave para o xacemento mineiro, e onde podemos gozar do turismo industrial visitando os restos dos fornos de limonita. De aquí parte a Vía Verde do Eo, que vai até San Tirso de Abres, xa en Asturias. Na Pontenova, o río deléitanos con troita e salmón de primeira.

A capital da comarca, Ribadeo, dá ao Cantábrico, onde desemboca o noso protagonista, na Ría de Ribadeo, unha ría longa, de 10 km de lonxitude, e estreita, de 800 m de anchura na que, ademais do Eo, desembocan outros ríos máis pequenos (Suarón, Monxardín, Grande Regato, Esquilo).

Esta é unha ría con todo tipo de protección ecolóxica (ZEC, ZEPA, zona húmida protexida, zona húmida Ramsar, reserva da biosfera). O esteiro moldéase entre extensas marismas, que cambian segundo as mareas, e nos ofrecen gran riqueza natural, entre xuncos, canaveiras, carrizos… Destino especialmente recomendado para amantes da ornitoloxía.

Na parte galega, a ría transcorre polos concellos de Trabada e Ribadeo e, na asturiana, polos da Veiga e Castropol. Na boca da ría, as dúas comunidades únense a través da Ponte dos Santos, que vai de San Miguel, en Ribadeo, a San Román, nas Figueiras, Castropol.

En Ribadeo atopamos unha cidade cun variado casco histórico, entre casas mariñeiras e pazos indianos, sendo unha das zonas máis emblemáticas o barrio indiano de San Roque. Desde a capela da Atalaia temos unhas estupendas vistas da ría e do porto deportivo. Este, o porto de Porcillán, ofrece numerosas alternativas para practicar actividades acuáticas na ría. Se somos máis de pisar terra firme, tamén podemos admirala de cerca grazas á senda azul, que nos permite bordeala ao longo de case 6 km, entre Muíños das Aceas até o Faro da Illa Pancha. Nesta illa, onde o faro actualmente está destinado a uso hostaleiro, despedímonos definitivamente do Eo, enfrontándonos ao Cantábrico de cheo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *