5 plans imprescindibles para esta ponte en Galicia

Unha fin de semana longa dá para moito, sobre todo se temos claro onde ir. Aquí aportamos 5 plans para unha ponte cen por cen galega. A organización xa é cousa de cadaquén: cinco plans nun día, un plan por día, dous en tres, tren en catro, un en cinco…

Sendeirismo na Ribeira Sacra, O Courel ou As Fragas do Eume. Velaquí tres destinos para esquecerse do coche e dar unhas boas andainas entre as árbores máis nosas, subindo montañas, bordeando ríos, descubrindo fervenzas, contemplando panorámicas que deixan sen palabras…

Na Ribeira Sacra hai unha morea de sendeiros homologados, ademais dos que organizan empresas turísticas a medida. Hainos curtos, como o que leva a Augacaída – Castro de Marce, de 2,42 km. Breve mais intenso, cunha vertixinosa fervenza e os vestixios dun castro. Doutra banda, a ruta máis longa é a da Ribeira Sacra do río Miño, de 35,28 km, que parte do mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Miño e remata na Cima de Atán. Outro sendeiro clásico é o do Canón do río Mao, unha ruta circular de 16,04 km que nos leva abeirando o río Mao por un estreito sendeiro, con paisaxes para inmortalizar.

O Courel é outro lugar para coñecer camiñando, pisando as follas, falando cos paxaros… Esta xoia natural é unha zona protexida, pois a súa riqueza botánica, xeolóxica, arqueolóxica, etnográfica, e máis alá, é extraordinaria. Hai moitas rutas, algunhas temáticas: arqueolóxicas, xeolóxicas, do oso e do mel… Entre elas podemos destacar a ruta fluvial de Samos a Pontenova, de 3 km, arredor do mosteiro de Samos e o río Sarria; a que nos leva pola Devesa da Rogueira, de 9,5 km, que parte da Aula da Natureza de Moreda; ou a que vai de Seoane a Folgoso, que segue o antigo camiño real que ía do Cebreiro a Quiroga, de 12 km.

As Fragas do Eume é un parque natural cun bosque atlántico de primeira, con gran variedade de vexetación autóctona (carballos, ameneiros, bidueiros, freixos…), e ademais especies antiquísimas de fieitos. O parque ten oito rutas sinalizadas. Entre elas, a de Pena Fesa, de 10 km, polos montes da Marola e la Pena Fesa; a dos Corzos, de 3 km, entre as árbores; ou a dos Cerqueiros, de 8,5 km pola zona máis alta, coroada polo miradoiro da Carboeira. (A dos Encomendeiros, polas pontes do Eume, está pechada temporalmente).

Facer algún dos itinerarios do Camiño en Galicia. Tendo o Camiño de Santiago tan ben deseñado, con ata dez rutas diferentes que rematan na catedral, sería unha mágoa desaproveitalo. Só temos que escoller algún tramo, segundo o tempo que teñamos e a ganas de exercicio, en caso de facelo a pé, e listo, plan feito. Suxestións? Adiante, podemos empezar pola etapa 5 do Camiño de Inverno, por exemplo, que vai de Quiroga a Monforte de Lemos e abrangue 35,4 km, entre os montes do Courel e a Ribeira Sacra; ou se cadra nos guste máis a etapa 2 do Camiño inglés, esa que vai de Neda a Miño, 22,1 km pola costa coruñesa; ou a etapa de Laza a Vilar de Barrio da Vía da Prata, no interior ourensán; ou a de Lugo a San Romao da Retorta, de 18,8 km, do Camiño Primitivo…

Galicia como Patrimonio da Humanidade. Xa sabemos da riqueza do noso patrimonio, e diso tamén saben no resto do mundo. Un bo plan é darse unha volta por Santiago, Lugo e A Coruña, e aprecialo de primeira man. O primeiro en ser recoñecido pola UNESCO foi o casco histórico de Santiago, en 1985. Abrangue o recinto intra muros e os barrios históricos. É un luxo que co paso do tempo se sigan conservando estas pedras, que todas elas parece que falan. Un paseo pola catedral, polas catro prazas que a rodean (Obradoiro, Acibecharía, Praterías, A Quintana), o mercado de Abastos, San Domingos de Bonaval… E as rúas sempre con ambiente, que fai un centro histórico tan antigo e tan novo á vez. E, xa que estamos en marcha, que tal un paseo polo río sen saír da cidade? Desde a Colexiata de Santa María de Sar podemos tomar a senda río Sar – Bosque do Banquete de Conxo, unha ruta circular de 7,4 km que nos leva pola beira do Sar ata o mesmo Carballo de Conxo.

 

Outra peza patrimonial universal, desde o ano 2000, é a muralla de Lugo, o mellor exemplo de fortificación militar do Imperio Romano. É a única que conserva o seu perímetro en todo o mundo! Desde que se construíu, entre os séculos III e IV, é certo que perdeu algunha torre e algo de altura, mais chegar a hoxe tal como está é todo un mérito. A muralla agocha o centro histórico de Lugo. Rúas e prazas para pasear por dentro, con catedral incluída, e adarve amplo para camiñar sobre a muralla.

Na costa da Coruña temos outra xoia da humanidade, recoñecida en 2009: a Torre de Hércules. Aínda que sufriu moitas modificacións co paso do tempo, e a fachada que vemos hoxe é neoclásica, é un feito que se trata do faro romano máis antigo que se conserva, e que se continúa usando desde o século II! Desde o alto da torre hai vistas estupendas da cidade e da costa coruñesa. Ademais, está nun monte cheo de esculturas que teñen que ver con ela, coa mitoloxía e as lendas.

Percorrer a costa galega. O noso litoral é moi variado, cada zona ten a súa personalidade. Por exemplo, na Mariña lucense, cunha ampla zona chaira entre o mar o interior, amosa grandes pregamentos, e condicións xeolóxicas particulares, como as que se dan na praia das Catedrais de Ribadeo. Doutra banda, en Ferrolterra atopamos importantes paisaxes urbanas, como a cidade de Ferrol e Pontedeume e tamén naturais, como a Serrra da Capelada, a lagoa da Frouxeira, Santo André de Teixido… e, cara ao interior, as Fragas do Eume, cos mosteiros de Caaveiro e de Monfero. Se optamos pola Costa da Morte, o litoral entre a ría de Muros e Noia e a da Coruña, internámonos na paisaxe do abismo ao visitar os faros do Cabo Ortegal, Cabo Vilán, Fisterra… Tamén ten praias salvaxes, moi surfeiras, e portos mariñeiros de toda a vida. Outro carácter teñen as Rías Baixas, co seu clima temperado. Entre Baiona e Fisterra, agárdannos terras de viño, marisco, pazos e grandes areais. Unha das mellores rutas para facer aquí coa chegada do frío é a ruta da camelia, que se dá de marabilla nestes lares.

Gozar da nosa gastronomía en outono. En realidade este é un plan intrínseco aos demais, xa que vaiamos pola costa ou polo interior, aquí comer non é só alimentarse. Ademais, en outono non hai escapatoria: os manxares rodéannos. Que se castañas, que se marmelo, que se grelos, que se cogomelos, que se calacú, que se polbo, que se berberechos… Como é posible que todo o rico estea de tempada? Sorte para nós! Pratos de estación, para ir quentando o corpo: caldo de grelos ou de repolo, lacón con grelos, polbo á feira, papanduxas… e moito marisco, que decembro leva “r”. Hai que ter en conta, ademais, que as casas de turismo rural celebran o seu “17º Outono Gastronómico”, patrocinado por Turismo de Galicia. Con iso está todo dito. Bo proveito!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *