O río Lérez é moi pontevedrés: non pasa por outra provincia e, ademais, desemboca na ría de Pontevedra. Comeza a súa andaina no monte de San Bieito, na Serra do Candán, serra onde tamén se orixinan o Umia e o Verdugo. Desde aquí, na Noveliza, parroquia de Aciveiro, concello de Forcarei, para máis información, o Lérez flúe cara ao suroeste, ao longo duns 60 km, até desembocar na ría.

Durante o seu curso, a vexetación é rica e diversa, con bosques de galería, fragas e, nas zonas máis altas, queiruga e xesta. No seu último treito é espazo LIC e ZEC, ao seu paso polos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Pontevedra.
Mais, volvendo ao principio, hai que dicir que aquí o relevo corresponde á metade meridional da Dorsal galega, que ven caracterizada polo seu descenso gradual cara ao oeste. Vese que o lugar do nacemento do Lérez é boa terra, pois moi preto a orde beneditina levantou un importante mosteiro no século XII, o de Santa María de Aciveiro, hoxe en día en gran parte convertido en hotel.

En Forcarei podemos acompañar o río dando un paseo pola Ruta das pontes do Lérez, un sendeiro lineal de 28 km que pasa polos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade. Nesta distancia cóntanse nada menos que até 20 pontes! Entre elas, a románica de Pedre, a de San Antón, a Vella do Forno ou a de Goimil.
O concello de Cerdedo-Cotobade é cruzado polo Lérez, nunha zona protexida con altos valores ambientais e variadas especies de animais, como a lontra, o morcego, a papuxa montesa ou o picanzo vermello.
Que tal unhas troitas? E uns muíños? Pois temos dunhas e doutros no coutos que vai do Muíño do Penedo até a desembocadura Regato de Quireza. Pola zona, mesmo hai onde darse un baño, por exemplo, na praia de Calvelo, que ademais ten mesas e bancos de pedra para facer merendolas.
O Lérez é o límite polo sur de Campo Lameiro. Nestesmontes danse de marabilla os castros e os petróglifos. Un dos exemplos do seu patrimonio arqueolóxico é o castro da Penalba, coroado pola Pedra da Serpe. Desde aquí arriba, ademais, temos unha fantástica panorámica das terras do Lérez; ou a Rotea de Mendo, ao pé do castro, que amosa unha colección de gravados rupestres, nos que destaca un gran cervo. Hai rutas de sendeirismos que nos axudan a atopalos, como a da Lagoa a Castro de Penalba, a de Paredes, a de Parada, a San Isidro ou a de Caneda.

Sen dúbida, non habería lugar máis axeitado para abeirar un parque de arte rupestre, o Parque de arte rupestre de Campo Lameiro que, desde 2011 acrecenta a nosa curiosidade e coñecemento sobre o noso pasado máis remoto. O parque esténdese polo monte, cheo de petróglifos e a reconstrución dun poboado da Idade de Bronce, e conta ademais cun centro de interpretación, con exposicións e actividades moi interesantes.
Doutra banda, en canto a patrimonio natural, hai que falar da área recreativa de Lodeiro, con praia, na unión do Lérez co afluente Muíños. Aquí hai muíños. couto de pesca, mesas…Todo listo para unha boa excursión fluvial.
Pouco a pouco imos chegando á desembocadura, na ría de Pontevedra. Esta é unha ría aberta, coa illa de Tambo, no concello de Poio, preto da costa e, xa no mar mar, o arquipélago de Ons, no concello de Bueu, que forma parte do Parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Actúa case como unha barreira fronte o mar aberto.
O litoral da ría vai desde Punta Miranda, no Salnés, a Punta Couso, no Morrazo, unha extensión con moi bo marisco, moi boas praias (A Lanzada, Montalvo, Silgar, Mogor, Aguete, Portomaior, Aldán…), un patrimonio histórico importante (mosteiro de Poio; castros da Lanzada, da Porteliña…; centro histórico de Pontevedra…), lugares únicos, como Combarro e os seus hórreos costeiros, e grandes núcleos de poboación, como Marín, co seu xigantesco porto, e Pontevedra, a capital da provincia.
Imos pois a Pontevedra, por onde o Lérez desemboca despois de cruzar a cidade de este a oeste. Sen saír da cidade, pola avenida de Buenos Aires, unha ponte lévanos á Illa do Corvo. Tamén é coñecida como a Illa das Esculturas, desde que, en 1999, entre as actuacións do ano santo, levouse a cabo o proxecto de xuntar un grupo de artistas para intervir na illa con obras feitas en pedra do país. Resultou un museo ao aire libre de categoría, con pezas de Jenny Holzer, Giovanni Anselmo, Leiro, Richard Long…
Se queremos completar a visita á illa cunha ruta polo río, só temos que seguir as Sendas do Lérez. Trátase dunha ruta lineal duns 6 km, que vai desde a cidade até unha pequena presa na parroquia de Bora. A senda va polas dúas beiras do río, aínda que a esquerda é máis difícil. Temos praia fluvial, pasarela colgante, e os chamados “salóns do Lérez”, unha zona boa para a pesca, onde o río leva máis auga. Aquí están os restos do balneario da vila de Buenos Aires aguas del Lérez. Despois de algúns rápidos, chegamos á fervenza do Bora, fin da ruta.

Antes do final, desviándonos un pouco subindo pola marxe dereita, podemos visitar o mosteiro de San Salvador, máis coñecido como San Benitiño do Lérez. Alí, o día de San Bieito, 11 de xullo, é tradición dos romeiros untar o dedo en aceite bendito, queimado previamente nunha ola de cobre, e pasar por debaixo do altar. Remedio para verrugas, principalmente. E xa se sabe: “Se vas a san Benitiño, non vaias ao de Paredes, que hai outro máis milagreiro, san Benitiño de Lérez.

