O Umia é un dos ríos máis importantes da provincia de Pontevedra. Non é moi longo (70 km), mais o seu curso é moi animado. Nace a unha boa altura, a uns 700 m. No tramo alto, vánselle sumando as augas de varios regos nunha chaira elevada e, despois de baixar en altura gradualmente, descende moitos metros de golpe, nuns 2 km, producindo rápidos e fervenzas. Xa desde Caldas de Reis, vai acougando e discorre paseniñamente, regando O Val do Salnés, até chegar á ría de Arousa, onde nos despedimos del entre mariscos e marismas.
Atopamos o seu nacemento no lugar da Reigosa, na parroquia de Aciveiro, concello de Forcarei. Estamos na metade meridional da Dorsal Galega, que vai caendo cara ao oeste, cousa que se nota no descenso gradual do terreo. Nestes montes comezan a súa andaina o Umia e o Lérez. O Umia tira cara ao norte e o Lérez cara ao centro e sur.
Forcarei pertence á comarca de Tabeirós e Terra de Montes xunto coa Estrada e Cerdedo. Aciveiro, onde no pasado debeu haber moitos acivros, é unha parroquia pequena pero con moito interese, chea de restos arqueolóxicos, cruceiros, hórreos… O máis destacado do seu patrimonio artístico é o mosteiro de Santa María de Aciveiro, fundado pola orde beneditina no século XII e reformado máis tarde polo Císter. Hoxe está habilitado como hotel. Nesta obra, como noutras máis pequenas da contorna, como a igrexa e o cruceiro de San Martiño de Forcarei, é notable o traballo de talla na pedra; de feito, esta zona sempre foi coñecida polos canteiros. Tamén tiñan moita sona os cereiros. Cousas que podemos comprobar achegándonos ao Centro Etnográfico de Terra de Montes, en Soutelo.

Entre os concellos de Forcarei, A Estrada e Silleda, ao sur do Monte de San Sebastián, hai un espazo natural protexido de grande interese: a Lagoa Sacra de Olives e Brañas de Xestoso, máis de 1.000 ha de zona húmida de media montaña, o mellor exemplo de turbeiras ácidas de Galicia.
Por Forcarei pasa o Camiño da Geira e dos Arrieros e o Miñoto-Ribeiro. Estes dous, así como o Camiño Sanabrés, tamén cruzan A Estrada, capital da comarca. Na Estrada, continúan as montañas da Dorsal ao sur e os vales ao norte. O Umia vai polos montes e o Ulla pola zona máis chá, servindo de linde coa provincia da Coruña.
Nesta zona abundan os castros, como o de Marcenlos e o de Trocastello, separados polo río, (lembremos que o concello linda con Campo Lameiro, toda unha reserva da prehistoria); as igrexas románicas e os pazos, como o barroco pazo de Oca, Versalles á galega, que en inverno, até abril, está máis florido que nunca, con miles de camelias, parada obrigada na ruta da camelia. O concello tamén é coñecido por ser unha potencia en mobles.

Por certo, á altura de Codeseda, hai un coto pesqueiro sobre o Umia, entre a presa de Loureiro e Ponte Paradola, onde sobre todo hai troitas. Tamén hai un tramo para pesca libre sen morte.
O relevo de Caldas de Reis non ten nada que ver co de Terra de Montes. Aquí o Umia avanza por terreos máis suaves no seu curso medio, percorrendo o concello de norte a sur. A cidade é famosa polas augas termais, xa desde a época dos romanos (Aguae Celenae), e pola estancia de Alfonso VII, fillo de Urraca e Reimundo de Borgoña. Por aquí pasa o Camiño Portugués.
Xusto antes de chegar a Caldas, o Umia baixa dos 100 aos 40 m en 2 km. Esta pendente fai que se sucedan rápidos e pozas. Deste xeito orixínase a fervenza de Segade. Hai unha ruta estupenda que vai desde a Alameda de Caldas até a fervenza. Polo camiño vemos muíños, moitos deles restaurados, saltos, ruínas da fábrica de luz e a ponte de Segade.

No centro do Val do Salnés, nas ribeiras do Umia, está Ribadumia, como ben di o nome. Por aquí pasa este río de norte a oeste, no seu tramo baixo, e ten moito que ver na riqueza das terras do concello, sobre todo nas plantacións de viñedos, que aquí son albariños e barrantes. Podemos ver castros; igrexas románicas, como Santo André de Barrantes; barrocas, como a de Santa Baia de Ribadumia; pazos, como o de Barrantes, o do Monte e o da Pedreira.
É moi frecuentada a ruta do río Umia, PR-G 173, unha ruta lineal que vai por Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa. Comeza en Ponte Barrantes e chega a Ponte Arnelas, que une Vilanova de Arousa e Ribadumia. Esta ponte é coñecida por dúas cousas: a pesca do reo, sobre todo, aínda que troita tamén hai, e a “pesca do padriño”. É que tamén se lle chama a Ponte dos Padriños, pois aquí acudían as mulleres que querían ter fillos, en busca dun “padriño”, un descoñecido que pasase pola ponte e que as bautizase no río. Con iso abondaba. Iso si, se tiña descendencia, tería que poñerlle Alberto ou Alberta, na honra do santo do cruceiro da ponte.

Cara ao último tramo, celébrase a Baixada Internacional do Umia, proba de piragüismo que xa vai pola XXX edición.
Cambados, a capital do albariño, é o núcleo principal da comarca do Salnés. Aquí desemboca o Umia, que é límite natural con Ribadumia e que, despois de baixar entre vexetación de ribeira e viñedos, orixina un esteiro riquísimo, onde alimenta o banco natural de marisqueo do Serrido. Nesta costa abrigada dáse o mexillón, a ameixa, a zamburiña e a vieira, principalmente. Hai unha ruta de sendeirismo desde o monte da Pastora, onde temos boas vistas da ría, que baixa polas ruínas de Santa Mariña e o museo etnográfico do viño, o cemiterio e o camiño que vai pola beira do río até a desembocadura, entre xunqueiras, onde se forma un ecosistema moi atractivo para aves de todo o mundo.

O Umia non se abre directamente ao océano, senón que relaxadamente se desliza cara ás illas e illotes, ao norte a illa de Arousa, e ao sur a da Toxa e O Grove, a antiga illa que co tempo ficou unida a terra firme polos sedimentos areosos. Neste istmo, na parte occidental gozamos da praia da Lanzada, coa illa de Ons enfronte e, na marxe oriental, da ría, fronte a desembocadura. É o que coñecemos como Complexo Intermareal Umia-O Grove, unha zona triplamente protexida (CEE, RAMSAR e LIC). Esta é unha área excepcional para o avistamento de aves, que conta con varios observatorios: na enseada do Vao, a baía da Lanzada, as Barreiras de Rouxique e o esteiro do Umia. Un xeito de coñecer a zona é facer un tramo da ruta do padre Sarmiento: a etapa circular do Grove, que bordea a península, incluíndo á illa da Toxa e a etapa do Grove-Cambados, abeirando a costa.


