Entre todos os ríos galegos, hai un que non é só un río, é todo un símbolo. Nomealo é nomear Galicia enteira, aínda que non chegue a todas partes. É o Miño, o río máis grande e caudaloso da comunidade. Pasa polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra ao longo de 310 km. Seguindo o percorrido que describe, vemos como o fluxo da auga vai labrando o seu camiño, estendido e lento nas zonas máis elevadas e chás, logo encaixado entre montañas, facendo curvas en profundos canóns, relaxándose de novo, na compaña de illas pequenas e grandes, até que o val desaparece e o Miño se entrega ao océano Atlántico.
E logo, onde empeza todo? Pois na provincia de Lugo, na aba occidental da Serra de Meira, no Pedregal de Irimia, no concello de Meira. Alí agroma un Miño cativiño, na morena dun antigo glaciar, un sitio ben cheo de pedras, xa o di o nome, a case 700 m de altitude. Vai medrando pouco a pouco coas achegas doutros regos e fontes, como a de Fonmiñá, na Pastoriza, a apenas 6 km, considerada moito tempo berce do río, nunha lagoa onde burbullan os chamados “ollos do Miño”. No Porto da Pena, en Santa María de Meira, tamén van xuntándose os regos na infancia do río. Antes de deixar Meira, temos que parar no centro da cidade, chea de historia, onde destacan o mosteiro e a igrexa de Santa María, co seu espléndido rosetón.
Seguimos acompañando a un Miño xa ben visible no seu curso alto, que transcorre pola Terra Chá. Entramos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha das máis grandes da península, determinada pola cunca alta do Miño e os seus afluentes e pola serra do Xistral. Aquí, o Miño colle forzas coas augas dos ríos Parga, Ladra e Támoga, espazo ZEC, onde se vai formando o complexo húmido da Terra Chá, rico en zonas húmidas, zonas de cultivo, lagoas, como a de Cospeito, a de Caque e a de Riocaldo, e pequenas insuas, como as de Rábade e Outeiro de Rei. En especial as lagoas, son lugares privilexiados para a observación de aves. Nesta zona tamén discorre a Ruta da Auga de Guitiriz. A riqueza natural da reserva ven acompañada da arqueolóxica, con túmulos megalíticos e castros como o de Viladonga, en Castro de Rei, que mesmo conta cun museo monográfico. Doutra banda, en Outeiro de Rei, ademais, están os parques zoolóxicos Avifauna e Marcelle natureza e a casa-museo do poeta Manuel María.

A reserva tamén chega á capital da provincia. A 73 km do seu nacemento, o río xa vai máis encaixado no terreo. Aquí, o Camiño primitivo pasa sobre o Miño pola Ponte Vella, de orixe romana. A poucos metros dela, comeza o Paseo fluvial do Miño, onde atopamos o Balneario de Lugo, que conserva restos de termas romanas. Máis adiante, no Paseo do río Rato, áchase o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que sempre ofrece actividades interesantes. E, xa que estamos en Lugo, temos que visitar o centro histórico, coa catedral de Santa María á cabeza, dar un paseo polo adarve da muralla, e tomar algo na rúa dos viños, como mínimo.
No curso medio, o val do río vai facéndose máis grande, até chegar á confluencia co Sil, que lle outorga un xeneroso caudal, pois como se di, “O Miño leva a fama e o Sil dálle a auga”. Nesta zona, o río avanza sinuosamente entre altas ribeiras que se dedican ao cultivo da vide. Estamos en plena Ribeira Sacra, que podemos coñecer desde o propio río, pois dispón de varios embarcadoiros e rutas fluviais. A paisaxe déixanos coa boca aberta, xa desde abaixo, xa desde algún dos miradoiros no alto das montañas. Ademais, repartidas pola ribeira, encontramos varias obras de arte románica, como as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Facundo de Ribas de Miño e Santa María de Pesqueiras. Outros lugares para visitar son o castelo da Peroxa e o castro de Castromaior, por exemplo. O Camiño francés cruza o Miño en Portomarín e, o de Inverno, á altura de Belesar, entre os concellos de Chantada e O Saviñao.

Ao chegar á Peroxa, xa nos internamos na provincia de Ourense. Nuns 15 km poñémonos na capital, onde o Miño é cruzado pola Vía da Prata, que vai sobre a Ponte Vella, de orixe romana. En Ourense o río vai acompañado de numerosos mananciais, como os das Burgas, no núcleo urbano, e os que atopamos percorrendo o Paseo Termal do Miño, con até sete espazos termais concentrados en tan só 4 km. No centro da cidade destaca o casco histórico, coa catedral de San Martiño e o seu Pórtico do Paraíso.

Seguimos entre augas termais e viñedos na comarca do Ribeiro. A capital, Ribadavia, unha cidade medieval cargada de historia, abeira ademais o Museo do Viño de Galicia. Nesta zona, o río aliméntase das augas do Avia e, máis adiante, das do Arnoia e o Deva.
Xa no tramo final, o Miño circula pola provincia de Pontevedra na procura do océano, marcando a fronteira con Portugal nos seus últimos 77,8 km. De feito, desde a confluencia co río Barxas até a desembocadura, falamos de TIRM (Tramo Internacional do Río Miño). A Raia húmida pasa polas comarcas da Paradanta, O Condado e Baixo Miño. Tamén son terras boas para o viño, neste caso, de DO Rías Baixas. As principais localidades son Salvaterra de Miño, entre a confluencia do Tea e do Miño, cun patrimonio importante, como a fortaleza e o Castelo de dona Urraca; Tui, cidade medieval, cunha impoñente catedral de portada gótica; e A Guarda, co seu gran xacemento castrexo. Doutra banda, entre Crecente e Salvaterra de Miño, atopamos até 400 pesqueiras para a captura da lamprea, o manxar da zona, de tempada entre xaneiro e abril. Tamén é un tramo ideal para a práctica de deportes náuticos.

No final do leito do río, ás portas do mar, sucédense as zona húmidas, xunqueiras, morraceiras (pradeiras húmidas), illas e ariños (bancos de area). Por sorte, esta paisaxe, frecuentada por aves de todo o mundo, está protexida como ZEC Baixo MIÑO e ZEPA Esteiro do Miño. Por certo, por este tramo tamén está presente o Camiño de Santiago, en concreto o Portugués, que cruza de Valença a Tui, e o Portugués pola Costa, entre Caminha e A Guarda.
Precisamente na Guarda, desde o alto do monte de Santa Trega, temos unha panorámica impresionante da desembocadura. O mellor lugar para despedirnos do Miño.


