XORNALISTAS ALEMÁNS PODERÁN COÑECER A OFERTA DE TURISMO CULTURAL DE GALICIA

A través de Turgalicia, e coa colaboración de Turespaña, os xornalistas especializados en turismo e viaxes visitarán ademais os entroidos de Laza, Verín e Xinzo de Limia

 

Seis xornalistas alemáns poderán coñecer a oferta de Turismo Cultural da Comunidade galega, a través dunha viaxe organizada por Turgalicia en colaboración coa a oficina de Turismo de España en Düsseldorf. Ademais, os comunicadores de Alemaña participarán nos entroidos de Laza, Verín e Xinzo de Limia e achegaranse a parte da oferta de enoturismo de Galicia, visitando adegas pertencentes ás Denominacións de Orixe do Ribeiro e Monterrei.

Esta viaxe, organizada co obxectivo de difundir os valores turísticos de Galicia relacionados coa cultura en Alemaña, comezará o día 17 de febreiro e estenderase ata o mércores día 22 e nela participarán xornalistas especializados en turismo e viaxes do noroeste de Alemaña dos medios de comunicación Redaktionsbüro Benning, Westfäliche Nachrichten, Rhein-Ruhr Magazin, SMV Verlag, Reiselust24 e Spanien Reisemagazin.

Nesta visita á Comunidade galega, os xornalistas poderán coñecer á súa chegada a Galicia a cidade de Santiago e o seu casco histórico, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985.

Ribadavia e Ourense
O día 18 de febreiro, os profesionais da comunicación alemáns visitarán a vila histórica de Ribadavia, ademais dunha adega da denominación de orixe Ribeiro. Este mesmo día, os xornalistas alemáns realizarán unha visita ao centro histórico da cidade de Ourense, onde tamén poderán gozar do ambiente do entroido.

Entroidos
Os xornalistas participarán o domingo 19 no desfile do Entroido de Verín e gozarán toda a xornada do ambiente festivo da capital da comarca de Monterrei.

O luns 20, os convidados asistirán ao Entroido de Laza para gozar do Luns borralleiro, mentres que a xornada do martes, estará dedicada a visitar o Val de Monterrei e a súa fortaleza. Ademais, ese día tamén poderán coñecer a oferta enolóxica desta Denominación de Orixe vitivinícola.

Por último, o martes 21 de febreiro os xornalistas alemáns terán a oportunidade de coñecer o Entroido de Xinzo de Limia, participando no desfile principal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *