Un percorrido pola Ribeira Sacra do Miño

No seu curso medio, ao sudeste da provincia de Lugo, o Miño discorre entre as montañas nunha paisaxe impresionante, de feito toda a ribeira Sacra é reserva da biosfera, abeirando ademais un importante patrimonio histórico e etnográfico no que atangue ás igrexas románicas e vestixios de construcións que atopamos no camiño. Por suposto, a todo hai que engadirlle a cultura do viño, que deseña as abas da ribeira co xeito tan particular de cultivar os viñedos en vertixinosos socalcos nesta zona.

Todo isto quere dicir que esta ribeira dá para unhas boas excursións. Podemos comtemplala desde o máis alto, achegándonos a algún dos moitos miradoiros que hai, xa sexan naturais ou artificiais; baixar até a auga e dar un paseo en catamarán; internarnos no monte seguindo algunha ruta de sendeirismo; descansar nunha adega tomando un viño; coñecer as vilas e cidades da contorna… Seguro que non nos aburrimos.

Desde os embarcadoiros de Belesar, no Saviñao; Maiorga en Pantón e Os Peares en Carballedo podemos facer unhas boas rutas fluviais. Antes de sair á aventura, hai que ter en conta que dependemos do nivel da auga dos encoros e o río, o que pode alterar os nosos plans. En condicións normais, desde Belesar, por exemplo, podemos tomar un catamarán para ver os viñedos desde outra perspectiva, así como as igrexas románicas e o mesmo O Cabo do Mundo, onde o monte Navallo curva o debuxo do río nun meandro que nos fai sentir na fin da terra. Desde o embarcadoiro de Pincelo, en Chantada, fanse rutas a medida, en zodiac, con servizos complementarios como almorzo campestre, por exemplo, Desde Maiorga parten rutas máis personalizadas, combinadas con senderismo, gastronomía… En fin, que hai para todos os gustos.

Embarcadoiro Belesar

Indo por terra, hai moitos puntos de interese nas dúas beiras. Por exemplo, pola ribeira do Miño oeste, partindo dos Peares, podemos visitar Chantada, que ten un fermoso casco histórico, e moitas xoias do románico na contorna, como Santa María de Nogueira ou Santa María de Pesqueiras, sobre o encoro de Belesar, con estupendos murais do século XVI. Na ribeira oeste tamén se atopa Taboada, coas igrexas de San Pedro de Bembibre e San Xoán da Cova, trasladada pedra a pedra na fuxida do mergullo no fondo do encoro, ou o Castelo da Peroxa, cos restos da fortaleza do século VIII, nun fantástico miradoiro natural.

Chantada

A ribeira do Miño este tampouco se queda atrás. Para empezar, aquí atopamos, no concello de Pantón, a fervenza de Augacaída, cunha pendente de vertixe e case 40 m de salto, moi próxima ao castro de Marce, que ten os restos dun asentamento e dunha fortaleza, e ademais a Torre do Reloxo. Tamén temos que visitar o mosteiro de Ferreira de Pantón ou das Bernardas, o único en Galicia que segue en funcionamento e, seguindo ruta, o Museo etnográfico de Arxeriz, no que nos enteramos a fondo do que é a cultura fluvial e a viticultura tradicional. Tamén nesta ribeira atopamos a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, antigo mosteiro medieval, e a de San Facundo de Ribas de Miño, fundada no século XII. E chegamos a Portomarín, punto clave do camiño francés a Santiago, pobo duplicado en gran parte nos anos 60 do século XX ao ficar o orixinal no fondo do río coa construción da presa de Belesar.

Ferreira de Pantón

Se optamos por esquecernos do coche e lanzarnos a camiñar, este é un destino ideal, xa que hai varios sendeiros, uns homologados e outros non, como por exemplo: a ruta do río Miño, a ruta dos viñedos de Belesar, a ruta de Loio. a ruta da Ribeira Sacra do río Miño. a ruta Augacaída Marce, e o Camiño verde de Aldosende.

Para levarnos a casa as mellores postais da nosa visita, cómpre achegarmos a algún dos miradoiros, que non escasean, como o de Líncora, Cabo do Mundo, Paradela. Taboada, Pesqueiras, Sernande, Terra Branca, do Faro, da Peroxa, de Serra de Penas, da Grixoá, de Penedo do Garabullo, de Pena Cabezuda, sobre o Cabo do Mundo, da Buqueira, Cabodevila ou Penedo do Bico, Santa Marta, Cabo do Mundo II, Cortes, Alto da Picota-Os Peares e Alto do Coto. A que son moitos? Este último, por certo, inaugurado en 2022, loce a estrutura elevada 10 m sobre o chan. Alí subidos, parece que esteamos a piques de despegar.

Cabo do Mundo

Por suposto, a experiencia non está completa se non pasamos por algunha das numerosas adegas da zona para saborear o zume que dá desta terra. Moitas contan con variados recursos dirixidos ao turismo, mesmo funcionando como casas de aloxamento rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *