Rutas para realizar este outono en Pontevedra

Temos un amplo abano de excursións para facer no outono pontevedrés. É unha boa época para adentrarnos nos bosques, recollendo setas e castañas, para camiñar pola beira dos ríos, para subir aos montes e contemplar unhas boas vistas do Atlántico… E todo isto, cun clima bastante amable.

De Cabana a Cabaciña. Hai días de outono despexados ideais para subir ao monte a osixenarse. Esta é unha das rutas do monte Aloia, circular, de 19,2 km, que comeza nas Pozas da Cabana. Vamos ascendendo até chegar ao miradoiro natural da Cabaciña, cunha panorámica que se extende polo Val do Miño, Tui e Valença. No camiño pode que atopemos algunha vaca ceibe, e todo. Tamén pasamos pola Senda das Udencias, e por unha área recreativa, antes de voltar ás Pozas.

Monte Xesteiras. Este monte, de 716 m, entre os concellos de Cuntis e Valga, domina as comarcas de Ulla-Umia e Tabeirós. Accedemos á subida desde a aldea de Magán e baixamos até Requián, nun traxecto duns 14 km. Unha das paradas obrigadas é o Sobreiral de Magán, en Cuntis, formación arbórea catalogada como senlleira. Tamén hai sobreiras no adro da capela das Miragres de Requián, na Estrada. E, que vistas temos desde o alto do monte? Pois a nosa ollada abrangue a ría de Arousa, Santiago de Compostela, Padrón, Pontecesures, A Estrada e até antiga central térmica de Meirama. 

Fraga de Catasós. Se temos ganas de apañar castañas, podemos pasear por esta ruta circular entre castiñeiros e carballos de varios séculos. Localízase nas aforas de Lalín, e trátase dunha fraga pequena pero intensa, con árbores moi verticais, defendendo o seu espazo de luz. Tanto é así, que os castiñeiros foron considerados os de máis porte de Europa. Por certo, que escritora paseaba moito por aquí?… Unha pista? Aí van as súas iniciais: E. P. B.

Fervenza do Toxa. Está en Pazos, no concello de Silleda. É producida polo río Toxa, e ten unha caída de 30 m. En outono, o tinte da paisaxe conmove especialmente, entre carballos, castiñeiros, sobreiras… Na parte alta do val hai un miradoiro e, desde alí, unha pista que chega ao punto onde cae a fervenza. Tamén hai unha área recreativa. De paso, temos que aproveitar para achegarnos ao mosteiro románico de Carboeiro e á Ponte do Demo, que están a poucos quilómetros.

Ruta dos muíños do Folón e do Picón. Esta é unha ruta circular pequena, de 3,5 km, no concello do Rosal, entre Martín e Fornelos. A cousa é ascender por unha aba do monte Campo do Couto, onde están os muíños do río Picón, e descender por outra aba, onde están os do Folón. Pódese dicir que é unha disposición de muíños en escaleira única. Son dos séculos XVII e XVIII, e están restaurados. A visita é de interese etnográfico e paisaxístico, e boa para facer en outono, que non quenta tanto o sol. Desde arriba temos vistas da desembocadura do Miño, o Val do Rosal, o monte de Santa Trega e Portugal.

Ruta da Pedra e da Auga. É un percorrido lineal de 6,5 km que vai pola beira do Armenteira, nos concellos de Meis e de Ribadumia, na comarca do Salnés. Está moi ben acondicionada (sinais, servizos, merendeiros, bares…). Comeza no mosteiro de Armenteira, do que so é visitable o claustro. O camiño está cheo de muíños máis ou menos restaurados. Na zona de Armenteira hai moito salto de auga. No grupo de muíños de Serén destaca a recreación dunha aldea labrega; despois, chegamos aos muíños de Barrantes. A ruta remata nun bar para repoñer forzas e dar a volta.

Senda da fraga do Barragán. É unha ruta circular entre os concellos de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, preto do encoro das Eiras. Abrangue 17,3 km, mais ten moitas saídas, polo que se poden facer tramos pequenos. Vai seguindo o curso do río Barragán, nunha contorna chea de vexetación e, se observamos atentamente, moitos restos arqueolóxicos. O máis destacable é o paso polo monte da Cidade, cos restos dun castro da Idade de Ferro. Tamén se pasa pola Ponte dos Mouros.

Fervenzas do Pereiro. É unha ruta moi curta que vai polas beiras do regato de Pereiro, en Poio. Comeza na Ponte Vella e atravesa un bosque de ribeira con varias pasarelas de madeira e muíños abandonados. No paseo aparecen dúas fervenzas: A Pindilleira, de case 7 m de caída, e a Freixa Alta, ao final do carreiro, de 10 m.

Sendeiro dos Carranos. Sigue o curso do Tea, desde a antiga casa reitoral de Fofe até a praia fluvial de Maceiras, en Covelo. O máis pintoresco chega cando atopamos o vello serradoiro, cunha gran serra hidráulica de principios do século XX, co seu centro de interpretación. O traxecto remata na praia de Maceiras. En outono non nos daremos un baño, mais podemos sacar unhas acuarelas e pintar a paisaxe.

De ponte a ponte en Soutomaior. Comezamos a ruta na ponte medieval de Comboa, pasando pola praia fluvial e a área recreativa. Despois dun paseo entre as árbores seguindo a corrente do río Verdugo, chegamos á ponte colgante sobre a Poza das Bestas, preto da desembocadura do Oitavén, con outra praia fluvial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *