Galicia conta cunha rica tradición ferroviaria que se remonta ao século XIX, cando o tren se converteu nun símbolo de progreso e unión entre vilas e cidades.
A primeira liña inaugurouse en 1873, unindo Cornes (actualmente en Santiago de Compostela) e Carril (actualmente en Vilagarcía de Arousa), e pouco despois completouse a conexión coa Meseta, abrindo o camiño ao transporte de persoas e mercadorías e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social da comunidade.
O trazado ferroviario galego, condicionado pola súa orografía e paisaxe, converte cada viaxe nun percorrido único entre vales, ríos, montes e costa atlántica.
Hoxe, o tren tamén é un vehículo de experiencias, cultura e turismo sostible, grazas a iniciativas como os Trens Turísticos de Galicia.
Trens Turísticos de Galicia
Co obxectivo de ofrecer novas formas de descubrir o territorio, naceu o programa dos Trens Turísticos de Galicia, en colaboración con Renfe e o Inorde.
Cada ano, os viaxeiros poden desfrutar de rutas temáticas que combinan tren e visitas guiadas a viñedos, adegas, queixarías, xardíns, castros, vilas medievais e mosteiros.
En 2025 ofrecéronse 13 itinerarios diferentes con máis de 2.500 prazas e un nivel de ocupación medio do 92%, consolidando o programa como unha das experiencias máis valoradas polos visitantes.
Entre as rutas destacan:
- Ruta dos Faros: Cabo Ortegal, Vixía Herbeira, Santo André de Teixido, Viveiro e Estaca de Bares.
- Rutas do Viño: Ribeira Sacra (ríos Sil e Miño), Valdeorras, Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei.
- Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos: xardíns de Rubiáns, Soutomaior e Pazo Quinteiro da Cruz.
- Ruta dos Queixos de Galicia: percorrido polas denominacións de orixe Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa.
- Outras rutas: Mosteiros, Mariñas, Experiencia MEGA e A Coruña de 1906.
A Ruta dos Faros, recoñecida pola Unión Internacional de Ferrocarrís
A tempada 2025 pechouse cunha gran nova: a Ruta dos Faros foi galardoada co Premio “Tourism-Friendly” na categoría de viaxes de curta distancia, outorgado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC) nos Premios TopRail de Turismo 2025.
Este recoñecemento internacional destaca a excelencia e innovación das experiencias ferroviarias de Galicia, así como o tren como medio sostible e inclusivo. É un impulso para seguir ofrecendo viaxes que combinan natureza, patrimonio e cultura e demostrar que viaxar en tren é outra forma de coñecer Galicia. Anímaste a unirte na próxima tempada?
Máis información: en Renfe – Trens Turísticos de Galicia ou na Guía oficial.

