Desfrutar dunha nova paleta de cores, respirar calma e deixarse envolver por paisaxes que se transforman e sabores que só esta estación ofrece. O outono é o momento ideal para descubrir a outra Galicia, a que se viste de ocres e dourados, a que invita ao sosiego e ás experiencias auténticas.
A continuación, propoñémosche 5 plans para gozar do outono galego:
1. Mergúllate nas paisaxes do interior
O interior de Galicia adquire no outono un encanto especial: viñas douradas, soutos e carballeiras, fervenzas que brillan entre a néboa…
Entre os destinos imprescindibles destacan a Ribeira Sacra, cos seus canóns fluviais, mosteiros e viñedos centenarios, e a Serra do Courel, onde a natureza se amosa no seu estado máis puro.
Recomendacións:
- Leva calzado cómodo: os sendeiros están cubertos de follas e poden estar húmidos.
- Reserva aloxamento rural con antelación, xa que esta tempada é especialmente demandada.
- Non esquezas a túa cámara: os miradoiros ofrecen vistas únicas da paisaxe outonal.
2. Desconecta nas termas
Coa baixada das temperaturas, gozar das augas termais convértese nun auténtico pracer. A cidade de Ourense, famosa polas súas termas naturais a carón do Miño, é o destino perfecto para unha escapada de relax.
Recomendacións:
- Reserva un circuíto termal para unha tarde de benestar total.
- Combina a experiencia cun paseo polo centro histórico e unha comida nalgún dos seus restaurantes tradicionais.
3. Degusta a gastronomía galega de tempada
Castañas, cogomelos, cabazas… o outono enche as mesas galegas de produtos de proximidade e receitas reconfortantes.
As Xornadas do Outono Gastronómico son a ocasión perfecta para combinar escapada rural e menú de tempada.
Consulta todas as casas participantes e reserva antes do 21 de decembro de 2025.
Recomendacións: Elixe a modalidade Outono Plus, que inclúe actividades como descensos en canoa polo río Tambre, rutas a cabalo, catas de viño ou visitas guiadas a museos.
4. Goza de escapadas urbanas con encanto outonal
As cidades galegas tamén cambian co outono. Desde Santiago de Compostela ata Vigo ou A Coruña, esta estación vístenas cunha luz diferente.
Santiago, por exemplo, loce máis tranquila que no verán; incluso poderás fotografar a catedral sen multitudes.
Recomendacións: Planifica unha ruta cos imprescindibles de cada cidade para aproveitar ao máximo a túa visita.
5. Vive a maxia do Samaín e do Magosto
Dúas celebracións ancestrais iluminan esta época do ano: o Samaín e o Magosto.
O Samaín, de orixe celta, marca o final do verán e a apertura simbólica entre o mundo dos vivos e os mortos. A noite do 31 de outubro, Galicia énchese de cabazas, disfraces, conxuros e da tradicional queimada que afasta os malos espíritos.
O Magosto, pola súa banda, celebra as colleitas e a chegada do viño novo. Entre o 1 e o 11 de novembro, as prazas e montes énchense de fogueiras, castañas asadas e reunións veciñais ao redor do lume.
Dúas festas que fan do outono galego unha época máxica, onde lendas, aromas e tradicións seguen máis vivas que nunca.
Recomendación: Consulta a axenda local do teu destino para gozar de feiras ou magostos en plena natureza.
Cada recuncho de Galicia ofrece unha experiencia única nesta estación: natureza, termas, gastronomía e tradicións que che farán desconectar. Este outono, elixe Galicia!

