Por que ir á Romaría da Fraga?

A Romaría da Fraga é unha festa popular que se celebra desde o ano 1904 e que desde o seu inicio pretende celebrar o “patrón pequeno” das festas das Pontes (do 14 ao 25 de xullo).

Nos seus comezos se situou nunha pequena illa do Eume, onde a xente organizaba as súas merendas e xogos, pero anos máis tarde pasou a celebrarse na Fraga, á beira do río. É aquí onde se segue celebrando na actualidade, aínda que agora xa integrada como zona verde no centro urbano do Concello.

Ao longo do tempo fóronse introducindo novidades: máis días de romaría, acompañamento musical de orquestras, grupos de música e baile tradicional, así como maior presenza e influencia da mocidade nas actividades que se fan ao redor da tradicional romaría. Así mesmo, xurdiron novas iniciativas, como a posta en marcha en 1998 do Festival de Folk da Fraga, que se celebra o 24 de xullo.

En 2004 cumpríronse 100 anos da celebración da Romaría, que co paso dos anos acadou unha importancia fundamental no conxunto das festas das Pontes e de Galicia. Na actualidade, de feito, está considerada dende hai anos como Festa de Interese Turístico de Galicia, e máis recentemente, outorgóuselle tamén a denominación de Festa de Interese Turístico Nacional.

O importante número de mozos que se reúnen nesta festa propiciou un aumento significativo de actividades nos últimos anos, cunha maior presenza de actuacións de música e baile, a recuperación de concursos como o de cabanas construídas con elementos naturais, a organización de xogos populares e a consolidación do festival de folk, que atrae cada ano ao recinto da Fraga aos veciños das Pontes e a moitos forasteiros que se achegan ao pobo por estas datas.

Desde o ano 2004, e dentro do marco da Romaría da Fraga, celébrase tamén o festival Nabiza Rock, que se inclúe como un evento máis das festas e celébrase o 23 de Xullo.

Este ano, a festa contará coas actuacións de Xosé Manuel Budiño ou grupos como Astarot ou Revolver, así como recoñecidas orquestras de Galicia. É por iso que a música é sen dúbida un dos seus grandes atractivos, como tamén o é o ambiente de confraternidade que se respira eses días na Fraga e do que, se te animas, podes formar parte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *