Feiras, Festas e Romarías de Orixe Ancestral

Romaria do Santo Cristo, Fisterra, Galicia
Romaria do Santo Cristo, Fisterra, Galicia
Romaria do Santo Cristo, Fisterra, Galicia

O escenario elixido para estas celebracións era a encrucillada como punto de encontro que, posteriormente, foi campo de romaría e de feira. Espazos nos que non falta esa bandeira popular, oración en pedra que é o cruceiro, ou un altar de pedra con recipiente para recoller esmolas, o “peto de ánimas”, recordo aos devanceiros. Campos de romaría que poden ser bosques, carballeiras, mirando ao mar, nas ribeiras dun río ou ante esas xigantescas pedras ou fontes consideradas milagreiras que foron veneradas desde sempre. Espazos presididos polo templo, o santuario no que se venera unha imaxe ancestral que recibe as ofrendas dos devotos. Montes con amplos horizontes, como nas terras de Chantada O Faro, nas pontevedresas A Guarda ou Tegra, nas terras compostelás, O Pico Sacro, ou O Viso nas ourensás de Lobios, por dicirmos algúns.

Espazos nos que non falta a necesaria fonte de augas que os paisanos din curativas ou sandadoras, como nas terras coruñesas: a Fonte do Rial nas inmediacións do santuario de Santo Ourente de Entíns na Serra de Outes; en Cedeira, Santo André de Teixido, “ao que vai de morto o que non foi de vivo”, e en ascese en forma de réptil, segundo as tradicións; en Arteixo, Pastoriza; en Pontevedra e no Concello da Cañiza, o Santuario da Franqueira, Os Milagres de Amil nas terras pontevedresas de Moraña, A Nosa Señora da Lanzada en Sanxenxo, O Corpiño en Lalín; en Lugo e en Outeiro de Rei, o campo de Santa Isabel nas ribeiras do Miño, en Ourense O Santuario dos Milagres de Maceda… Espazos exteriores rodeados de lendas, de aparicións, de curacións e nos que se sente o panteísmo, ese animismo polo que se anima o inanimado e que caracteriza a Galicia e os galegos. Nestes lugares é onde mellor soan as gaitas ou a pandeirada.

Nas festas tradicionais os mordomos, representantes do grupo, andaban de casa en casa para recolleren algún agasallo que penduraban do “ramo”, xeralmente de loureiro e que despois poxaban. Na actualidade os sistemas de organización varían, as comisións coidan que na festa estean representados todos os intereses, para que o núcleo se vista coas maiores galas. Que non falte a música e a festa sirva para encontro de bandas, de corais, de grupos folclóricos, de orquestras… Bandeiras, luces de cores son imprescindibles. E nesa fronteira na que morre e nace outro día, o consabido “folión” ou sesión de pirotecnia. O “folión” da véspera da celebración do Día do Apóstolo, en Santiago de Compostela, é representativo desa mesma preocupación festiva que move a moitas vilas de Galicia.

Toda festa ou romaría ten en Galicia algo de feira. É o día de encontro no que non faltan á venda os mellores produtos artesanais que caracterizan a Galicia, aos que se lles suman outras mercadorías que chegan desde os puntos máis remotos. Reina a confraternidade. Entrando o outono, as festas ou feiras lucenses de San Froilán ou de San Lucas de Mondoñedo teñen esa significación de despedida dun tempo, neste caso do verán, e a conseguinte preparación para o tempo gris e curto do inverno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *