Desfile de Entroidos de Galicia 2016

Pantallas de Xinzo de Limia

Dende Maceda a Chantada. Dende a Limia ata Vilaboa. Galicia está chea de Entroidos por practicamente todos os seus recunchos. Algúns coma o de Laza, Verín ou Xinzo de Limia son xa tan populares que non só atraen a visitantes de case todo o mundo, se non que xa son tamén chamados o “triangulo máxico”, en gran parte propiciado tanto pola súa localización coma pola relativa proximidade entre eles.

Pero o Entroido en Galicia non se queda só neles. Os Xenerais da Ulla, os Boteiros ou os Felos son algúns dos moitos outros exemplos que conforman o panorama galego en datas de Entroido e que propician unha auténtica experiencia nestas importantes datas para a nosa comunidade.

E, un ano máis, a Praza da Quintana serve de escenario de presentación de todos e cada un deles. Dáse así o pistoletazo de saída para o Entroido 2017. Baixo a sempre impoñente presenza da Catedral de Santiago vanse exhibindo cadansúa localidade implicada nestas celebracións coas súas mellores representacións de comparsas e figuras.

Polas empedradas rúas do casco antigo de Santiago desfilaron algunhas das comparsas e dos protagonistas principais dos Entroidos galegos. Así, foron sucedéndose os Boteiros, tanto de Vilariño de Conso coma de Viana do Bolo, as Mázcaras de Manzaneda, as Madamas e Galáns de Cobres, os Felos de Maceda, os Volantes e Peliqueiros de Chantada, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Cigarróns de Verín e os Xenerais da Ulla de A Estrada.

Unha espectacular sucesión de danzas, cores e ritmos que chamaron a atención detodos aqueles que percorrían as rúas de Santiago e de repente se toparon con esta exhibición dunha das máis lendarias tradicións galegas.

Foi este un “Entroido de Entroidos” que non fai máis que lembrarnos que esas datas de festa non están xa tan lonxe como puidera parecer. En poucos meses toparémonos xa cos Xoves de compadres e comadres, Domingos fareleiros e de corredoiro, Sábados, Domingos, Luns e Martes de Entroido, todo rematando o Mércores de cinza… Días estes que se enchen de foliadas, tamborradas e desfiles, botillos, cabritos asados e bicas regadas de viño e licor café…

Polo tanto, que mellor que ir despedindo o verán dando a benvida a unha nova edición do Entroido?

Xenerais da Ulla, de A Estrada

www.millandasairas.com

 

Guardar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *