Agosto sobre raís cos Trens Turísticos de Galicia

Os Trens Turísticos de Galicia volven con propostas para todos os gustos. Enoturismo, patrimonio, xardíns históricos, faros, gastronomía ou espectaculares paisaxes combínanse en rutas que inclúen visitas guiadas, paseos en barco e degustacións.

Descubre a continuación todas as saídas e rutas previstas para gozar de Galicia sobre raís durante este mes de agosto.

Tren da Ruta das Mariñas

Saídas: 1 de agosto

Esta ruta convida a descubrir algunhas das paisaxes e enclaves máis emblemáticos do norte de Galicia. O percorrido comeza en Betanzos, onde unha visita guiada permite coñecer o patrimonio histórico e o encanto dunha das vilas medievais mellor conservadas de Galicia.

A viaxe continúa nas plantacións de té de Orballo, as únicas da Europa continental, onde se descobre o proceso de cultivo e elaboración desta singular produción. A xornada continúa en Pontedeume, unha vila cun destacado legado histórico e unha contorna natural privilexiada.

O itinerario inclúe ademais un paseo en barco pola ría de Ferrol, desde o que se contemplan as súas paisaxes costeiras, e remata cunha visita guiada polo barrio da Madalena, o centro histórico de Ferrol, declarado Conxunto Histórico-Artístico.

Tren da Ribeira Sacra (Río Sil)

Saídas: 1 e 22 de agosto

A Ribeira Sacra amosa nesta ruta algunhas das súas paisaxes máis espectaculares, onde natureza, patrimonio e tradición vitivinícola forman un conxunto único. A experiencia comeza cunha visita teatralizada á estación dos Peares, porta de entrada a este territorio singular.

A continuación, o percorrido leva ata a adega Regina Viarum, onde se coñecen os segredos da viticultura heroica e se goza dunha degustación de viños. En Monforte de Lemos hai tempo libre para xantar e percorrer a cidade.

Pola tarde, un catamarán navega polo encoro do río Sil entre impresionantes canóns e viñedos en socalcos. A xornada conclúe coa visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, un dos cenobios máis antigos de Galicia, situado nunha contorna de grande valor histórico e natural.

Tren de Valdeorras – Ribeira Sacra

Saídas: 8 de agosto

Este itinerario propón un percorrido por dúas prestixiosas denominacións de orixe vitivinícolas: Ribeira Sacra e Valdeorras. A primeira experiencia do día é unha travesía en catamarán polo río Sil ata a contorna do Mosteiro de Santo Estevo, desde onde se contemplan as impresionantes paredes do Canón do Sil.

Tras o paseo fluvial, a ruta fai unha parada na Rúa, onde hai tempo libre para xantar antes de visitar a adega A Coroa. Alí descóbrense as características dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras mediante unha visita guiada e unha degustación.

O percorrido remata na estación dos Peares, onde a Aula Ferroviaria permite coñecer a historia do ferrocarril e a singularidade deste importante nó ferroviario galego.

Tren dos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia

Saídas: 8 de agosto

Esta proposta convida a percorrer algúns dos xardíns históricos máis destacados de Galicia, espazos onde natureza, arquitectura e patrimonio conviven en perfecta harmonía.

A ruta comeza no Pazo Quinteiro da Cruz, cuxos xardíns románticos albergan glorietas, recunchos singulares e unha das coleccións de camelias máis importantes de Galicia. O percorrido continúa no Castelo de Soutomaior, rodeado dun espectacular xardín botánico que reúne especies procedentes de diferentes partes do mundo.

A experiencia conclúe no Pazo de Rubiáns, cuxo parque foi recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional de Camelias e destaca pola riqueza botánica e paisaxística dun espazo que combina historia, tradición e natureza.

Tren Experiencia MEGA A Coruña de 1906

Saída: 15 de agosto

Esta ruta propón unha viaxe ao pasado para descubrir a Coruña de comezos do século XX. Unha visita teatralizada polo centro histórico permite coñecer a cidade de 1906 a través de personaxes como Emilia Pardo Bazán e achegarse ás orixes de Estrella Galicia, fundada ese mesmo ano por José María Rivera Corral.

O percorrido continúa no Museo de Estrella Galicia (MEGA), onde se explora a historia da cervexa mediante unha experiencia interactiva que inclúe un obradoiro de tiraxe e unha maridaxe con queixos e conservas galegas. Despois, hai tempo libre para xantar e gozar da gastronomía coruñesa.

A xornada remata cunha visita ás plantacións de lúpulo de LUTEGA, onde se descobre o cultivo dun dos ingredientes fundamentais na elaboración da cervexa.

Tren da Ruta dos Queixos de Galicia

Saídas: 22 de agosto

As persoas amantes da gastronomía atoparán nesta ruta unha oportunidade para descubrir algúns dos queixos máis representativos de Galicia e coñecer de preto o traballo das persoas produtoras locais.

O percorrido inclúe a visita á Casa do Queixo e á queixería Don Crisanto, onde se explica o proceso de elaboración de variedades con denominación de orixe como o Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa, acompañadas de diferentes degustacións.

A experiencia complétase en Arqueixal, un proxecto de produción artesanal e ecolóxica que amosa un modelo comprometido coa sustentabilidade e a conservación do medio rural galego.

Tren da Ruta dos Faros

Saídas: 29 de agosto

Esta ruta percorre algunhas das paisaxes máis espectaculares do litoral norte galego, onde os faros e os cantís protagonizan unha viaxe marcada pola forza do océano Atlántico.

O itinerario visita lugares emblemáticos como o Cabo Ortegal, o miradoiro da Vixía Herbeira —un dos cantís máis altos de Europa—, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo de Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica.

O percorrido complétase cunha parada en Viveiro, coas panorámicas sobre as rías de Viveiro e O Barqueiro e coa visita aos cantís de Loiba, un espazo natural de extraordinaria beleza.

Tren do Viño de Monterrei

Saídas: 29 de agosto

Esta proposta achega a persoa visitante á Denominación de Orixe Monterrei a través dun percorrido que combina patrimonio, enoturismo e gastronomía.

A xornada comeza no Castelo de Monterrei cunha visita guiada e teatralizada que permite coñecer a historia desta fortaleza. Despois, o itinerario continúa na adega Gargalo, onde se realiza unha degustación de viños acompañada dun petisco. En Verín hai tempo libre para xantar e descubrir a localidade.

Pola tarde, a ruta visita a vila histórica de Allariz, o Ecoespazo do Rexo, onde ten lugar unha degustación de queixos, e a Colexiata de Xunqueira de Ambía. Antes de finalizar o percorrido, realízase unha parada na estación de Baños de Molgas, convertida en museo e espazo gastronómico.

Se algunha destas rutas encaixa contigo, podes comprar o teu billete aquí. Agardámoste a bordo para seguir descubrindo Galicia desde outra perspectiva!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *