En Galicia, o carnaval coñecido como Entroido vívelo tamén a través do padal. Se a boa mesa é unha das nosas grandes señas de identidade, o carnaval non queda atrás.
A cociña tradicional do Entroido xira en torno ao porco. Tras a matanza en novembro e varios meses de curación, as chacinas alcanzan o seu punto perfecto xusto a tempo para estas datas.
É a ocasión ideal para sacar á mesa os mellores produtos: lacón, androlla, chourizo, orella, cacheira (ou cachucha), botelo… sempre acompañados de patacas, grelos, garavanzos ou galiña. Pratos contundentes e saborosos que invitan a compartir.
Grandes banquetes, exhibicións culinarias, música, baile, comparsas e, sobre todo, moita diversión agárdante!
Pratos típicos para celebrar o Entroido
O cocido galego
O cocido é un dos grandes expoñentes da cociña galega elaborada con produtos de proximidade: unha auténtica exaltación do porco, acompañado de tenreira, galiña, verduras e garavanzos.
En Lalín, no corazón de Galicia, alcanza tal categoría que conta cunha celebración propia: a Festa do Cocido de Lalín, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, onde tamén se saborea a chegada do carnaval.
A cita inclúe un completo programa cultural e gastronómico, ademais do desfile de carrozas, comparsas e verbena. O seu atractivo é tal que en edicións anteriores reuniu preto de 60.000 persoas.
Aínda que a xornada principal se celebra o domingo previo ao Entroido, febreiro enteiro é o Mes do Cocido, unha ocasión perfecta para visitar Lalín e degustalo.
Lacón con grelos
Este prato combina o lacón (extremidade dianteira do porco) cos grelos (follas e talos do nabo). Dous ingredientes nobres da gastronomía galega que, nesta época do ano, únense para formar unha exquisita parella, normalmente acompañada de patacas cocidas e chourizo.
En Cuntis, recóllida localidade famosa polas súas augas termais e as súas camelias, celébrase o domingo seguinte ao Entroido a Festa do Lacón con Grelos, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Está aberta a todo o público, con degustacións gratuítas, obradoiros gastronómicos e a alegría das comparsas do carnaval enchendo as rúas.
O remate final póñeo “O Enterro do Chapante”, unha variante do tradicional enterro da sardiña recuperada tras anos no esquecemento, que fai referencia aos “chapantes”, alcume dos habitantes de Cuntis e guiño á súa fama de grandes comensais.
Embutidos: Botelo e Androlla
Típicos embutidos da zona de Ourense, elaboran principalmente con partes do porco e embútense en tripas. Sólense servir acompañados de patacas, chourizo e repolo ou grelos.
No caso do botelo, utilízase o estómago do animal como recipiente, converténdoo no embutido de maior tamaño. Tamén se lle coñece como butelo ou bitelo. A súa curación é moi curta, o que o converte nun manxar perecedeiro e moi apreciado, xa que só alcanza o seu punto óptimo durante uns días.
Cada ano, este singular embutido é protagonista da Festa do Botelo en O Barco de Valdeorras, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Aínda que garda certa proximidade co seu parente berciano, o botelo de O Barco non é exactamente igual; nesa comarca, un embutido similar coñécese como pigureiro.
A androlla, outro embutido típico da zona, elabórase con tripa gorda e rechea de costela adobada. Afúmase durante uns dez días e curase durante un par de meses, alcanzando o seu punto óptimo coa chegada do Entroido.
O Domingo de Entroido, a androlla convértese na estrela do Entroido de Viana do Bolo, na Festa da Androlla, declarada tamén Festa de Interese Turístico de Galicia.
Numerosas persoas acoden a degustar e a gozar do ambiente festivo do Entroido, coa presenza dos boteiros (personaxes emblemáticos) que percorren as rúas acompañando ao folión. Diversión e tradición están garantidas.
Cabrito
O cabrito cocínase no forno de leña, seguindo a tradición que se mantén desde hai décadas. É un dos animais emblemáticos de Vilariño de Conso, onde o pastoreo de alta montaña segue sendo unha actividade viva, presente só nalgúns concellos de Galicia. Este manxar pódese degustar durante a Festa do Cabrito, consolidada como un dos eventos centrais do sábado de Entroido en Vilariño de Conso.
O lado máis doce do Entroido
Para os máis golosos, o Entroido é pura tentación. Entre os doces máis destacados atópanse:
Filloas
En Lestedo celébrase a Festa da Filloa, Festa de Interese Turístico de Galicia. Este doce, emparentado cos crêpes franceses pero moito máis fino, sérvese doce con mel, chocolate, castañas ou marmelada, ou en versión salgada, con lacón, cogomelos ou caldo de cocido.
Entre música e comparsas, pódense degustar as tradicionais filloas á pedra, feitas sobre pedra quente, e tamén as elaboradas nunha máquina local capaz de preparar ¡1.500 por hora! Ademais, o humor e a tradición únense en O atranque dos Xenerais da Ulla, a divertida batalla entre dous xenerais que satirizan a actualidade política e social a cabalo.
Orellas
Delicias de masa fritida cun toque de anís e reladura de limón ou laranxa. Crujientes e adictivas, son un dos doces máis emblemáticos do Entroido galego.
Flores
Masa semellante á das filloas, fritida cun molde especial que lles dá a súa característica forma de flor. Moi populares na provincia de Ourense.
Bica
Biscoito manteigado cunha corteza superior azucrada e tostada, típico de Ourense, especialmente en localidades como A Pobra de Trives, Laza e Verín.
Rosquillas de Anís
Esponxosas e cun distintivo sabor a anís, son un clásico do Entroido que se goza en toda Galicia.
E imprescindibles, uns bos chupitos de xastré e de licor café. Que non falte nada! En Galicia a abundancia é unha norma de cortesía.

