Ourense, entre as vilas máis bonitas de España

Ourense, entre as vilas máis bonitas de España

Comezamos o ano con excelentes novas: a rede “Pueblos Más Bonitos de España” incorpora en 2026 dúas localidades ourensás de gran relevancia patrimonial: Oseira e Vilanova dos Infantes.

A marca “Pueblos más Bonitos de España” é un selo de calidade de referencia a nivel nacional e internacional, que distingue destinos comprometidos coa conservación do patrimonio, a harmonía paisaxística e a excelencia turística.

As vilas que forman parte desta rede cumpren esixentes criterios de belleza, autenticidade e accesibilidade, garantindo unha experiencia inesquecible para o visitante. Reforzando así a nosa aposta por un turismo baseado na identidade, a paisaxe e o patrimonio.

Novas incorporacións á rede en Ourense

  • Oseira (San Cristovo de Cea)

Situada nun val resgardado do interior da provincia, Oseira é un enclave onde historia, espiritualidade e natureza conviven en perfecta harmonía. A súa proxección internacional está ligada ao Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, o primeiro cenobio cisterciense fundado en Galicia no ano 1137.

Coñecido popularmente como o “Escorial Galego”, o mosteiro destaca pola súa monumentalidade. Unha impoñente fachada barroca dá paso a un conxunto formado por tres claustros de distintos estilos arquitectónicos e unha das igrexas abaciais máis elevadas e sobresaíntes do Císter en España.

A vila conserva o ritmo pausado da vida monástica grazas á presenza dos monxes trapenses, tamén coñecidos pola elaboración artesanal do tradicional licor Eucaliptine. Rodeada de frondosos bosques e atravesada polo río que lle dá nome, Oseira invita á desconexión entre o silencio, o murmurio da auga e sendeiros naturais de gran beleza.

  • Vilanova dos Infantes (Celanova)

Vilanova dos Infantes é un dos conxuntos medievais mellor conservados e máis singulares de Galicia. A súa orixe está vinculada a San Rosendo e á nobreza galega, consolidándose durante séculos como enclave estratéxico e residencial.

O trazado urbano adapta a súa topografía creando un trama de canellas empedradas onde o granito domina muros, linteis, casas nobres e hórreos, formando unha imaxe de unidade e autenticidade difícil de atopar.

O símbolo da vila é a Torre de Vilanova, único vestixio do antigo castelo destruído durante as revoltas irmandiñas. Dende a súa altura ofrece vistas panorámicas de toda a comarca. Aos seus pés atópanse a igrexa parroquial e o Santuario da Virxe do Cristal, que garda unha diminuta imaxe mariana encerrada en cristal, rodeada de lendas e devoción popular.

Ademais do seu patrimonio monumental, Vilanova dos Infantes destaca polas súas tradicións vivas e a súa vinculación coa literatura, sendo escenario de obras de Curros Enríquez. As súas prazas, fontes antigas e adegas escavadas convidan a pasear con calma e descubrir a esencia dunha Galicia histórica que aínda latexa nas súas rúas.

  • Un referente consolidado: Castro Caldelas

Castro Caldelas forma parte da rede desde 2018 e continuará ostentando o distintivo durante 2026, tras superar con éxito as avaliacións periódicas que aseguran o cumprimento dos estándares de calidade esixidos.

Situada no corazón da Ribeira Sacra ourensá, sobre unha chaira que domina a beira do río Edo, a vila destaca polas súas galerías brancas, casas brasonadas e o seu inconfundible carácter medieval. A Praza do Prado marca a entrada ao casco histórico, desde onde parten estreitas e empedradas canellas que transportan ao visitante a través de séculos de historia.

PeEstas rúas conducen ao castelo de Castro Caldelas, o emblema máis visible da vila. Construído no século XIV, conserva tres torres cuadrangulares, un patio de armas con alxibe e unha muralla interior ameada, pola que discorre o Camiño de Ronda, conectando coa Torre do Reloxo e a antiga casa do administrador.

Os “Pueblos más Bonitos de España” en Ourense agárdante con patrimonio, paisaxes e autenticidade. Unha experiencia que non esquecerás. Vén comprobalo!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *