A única estación de esquí de Galicia: Manzaneda

Manzaneda Estación de Esquí

Buscas un plan diferente para este inverno sen saír de Galicia? Manzaneda, a única estación de esquí da comunidade, é unha proposta ideal para gozar da neve en familia, con amizades ou en parella.

A estación inaugurou a tempada o pasado 23 de decembro e sitúase en Cabeza de Manzaneda (Ourense), moi preto da fronteira con Portugal e rodeada polas montañas máis altas de Galicia, a unha altitude de entre 1.500 e 1.800 metros.

Un enclave privilexiado para desconectar, respirar aire puro e vivir o inverno en plena natureza, perfecto tanto para unha escapada dun día como para gozar dunha fin de semana completa.

Un destino de neve para todos os públicos

Unha das grandes fortalezas de Manzaneda é a súa versatilidade. É un destino pensado para todo tipo de visitantes, independentemente da idade ou da experiencia previa nos deportes de inverno.

  • En familia, os máis pequenos poden iniciarse na neve con total seguridade, gozar dos trenós ou simplemente xogar e descubrir a contorna.
  • Con amizades, o esquí e o snowboard combínanse cun ambiente relaxado, ideal para compartir deporte e diversión.
  • En parella, as paisaxes de montaña, as rutas con raquetas de neve e a oferta gastronómica crean o escenario perfecto para unha escapada invernal tranquila e especial.

En Manzaneda non é necesario ser un esquiador experto; o importante é vivir a experiencia e gozar da contorna.

Máis de 15 quilómetros esquiables

A estación conta con máis de 15 quilómetros esquiables, distribuídos en 23 pistas de distintos niveis. Dispón ademais de 6 remontes, 5 quilómetros de esquí de fondo e 4 quilómetros de pistas innivadas artificialmente, grazas ao seu sistema de canóns de neve.

  • Para quen se inicia

A zona do Xeixo está especialmente deseñada para debutantes. É un espazo seguro e accesible onde aprender as primeiras nocións do esquí, co valor engadido dunhas vistas panorámicas privilexiadas desde a parte alta da estación.

  • Para esquiadores con máis experiencia

Pistas como Manolo, Refuxio, Fontefría ou Regato ofrecen percorridos atractivos para niveis intermedios. Os máis experimentados poden gozar da pista vermella Lusitania, cun espectacular descenso entre bosques, ou de Pluviómetros I e II. O maior reto chega coa pista negra Entrenamentos, accesible desde o telesquí Os Corzos.

Ademais, a estación dispón de alugueiro de material, consignas e escola de esquí, facilitando o acceso a quen non conta con equipo propio ou desexa iniciarse da man de profesionais.

Moito máis ca esquiar

Manzaneda é tamén unha excelente opción para quen busca gozar da neve sen esquiar. Entre as actividades dispoñibles destacan:

  • Descensos en zorra, ideais para todas as idades
  • Rutas con raquetas de neve, para descubrir a paisaxe invernal
  • Telecadeira turístico, que permite acadar un dos puntos máis altos e gozar de vistas espectaculares

Tras unha xornada ao aire libre, a estación ofrece unha completa oferta de restauración a pé de pista, con cafeterías e restaurantes onde repoñer forzas con propostas variadas, desde opcións rápidas ata cociña galega elaborada.

Para quen desexa prolongar a experiencia, conta con aloxamento na propia estación, con apartamentos totalmente equipados e albergues máis económicos. Durmir rodeado de natureza e esquecer o coche durante toda a fin de semana forma parte do atractivo do destino.

Aínda que o inverno é a súa tempada estrela, Manzaneda é tamén un centro de turismo activo durante todo o ano, con actividades como bike park, tirolesa xigante de 250 metros, parque multiaventura, telecadeira turístico ou tiro con arco, entre outras propostas para todos os públicos.

Preto e doado de chegar

Manzaneda destaca pola súa boa accesibilidade desde as principais cidades galegas:

  • Ourense: 74 km (1 h 30 min)
  • Lugo: 126 km (menos de 2 h)
  • Santiago de Compostela: 181 km (2 h 30 min)
  • Vigo: 176 km (2 h 30 min)
  • A Coruña: 219 km (case 3 h)

Ademais, a súa proximidade con Portugal convértea nun destino moi atractivo para visitantes do país veciño.

Este inverno, fai unha escapada á Estación de Esquí de Manzaneda e descobre que a neve en Galicia é sinónimo de natureza, deporte e momentos para compartir. Apúntaste?

Antes de organizar a túa visita, recomendámosche consultar o parte de neve e o estado das pistas na web oficial da estación: www.manzaneda.com 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *