Parque Quiñones de León (Vigo). Un dos imprescindibles na visita á cidade de Vigo é este gran parque urbano, de 220.000 m2, que rodea o pazo-museo Quiñones de León. O pazo, construído sobre vestixios máis antigos na segunda metade do século XVII, foi doado ao concello de Vigo polo marqués de Alcedo en 1924. Hoxe en día funciona como museo, no que descubrimos unha importante pinacoteca, unha colección de pezas decorativas de entre os séculos XVIII e o XX, sala de exposicións temporais e, nun anexo, a colección de Arqueoloxía. Por certo, tamén se celebran vodas civís.
Na parte posterior do edificio distribúeste o xardín en tres niveis: as roseiras, nun paseo entre pérgolas; o xardín racionalista francés, no que destaca o labirinto de buxo e a camelia máis vella de Galicia, a Matusalén; e o xardín romántico inglés, co típico green e un estanque frecuentado por parrulos coa miniatura do pazo sobre unha illa. Seguindo o paseo, encontramos unha decimonónica pista de tenis e un pombal. Baixando a pendente, o parque esténdese a modo de bosque, con sendeiros e moitas árbores. Na parte baixa está o auditorio ao aire libre, o parque infantil, as fontes e estanques e o río Lagares, que podemos acompañar durante uns 8 km até Samil.
O museo abre de martes a venres entre as 10 e as 14; os sábados, de 17 a 20 e domingos e festivos de 11 a 14. Os xardíns, entre outubro e abril, de 9 a 20.30 e entre maio e setembro, de 9 a 22.30.

Xardíns de Méndez Núñez (A Coruña). Na Coruña, con dicir xardíns, xa se sabe que se fala destes. Son dos máis antigos e famosos da cidade, preto de todo e con entretemento para todas as idades: parque infantil, bancos para descansar, fontes, cafeterías… Aquí se celebran feiras do libro, de artesanía, o Viñetas… Sempre hai xente facendo cousas.
Na súa orixe, a mediados do século XIX, eran coñecidos como os Xardíns do Ensanche ou do Recheo, por estar en terreo gañado ao mar. En 1871 tomaron o nome do famoso mariño Casto Méndez Núñez, falecido había dous anos. Pouco despois empezarían a construír os edificios que os rodean.
Hai tres partes diferenciadas: o Paseo das Palmeiras, onde está o palco da música, o Copacabana, o teatro Colón, e os edificios modernistas do Kiosko Alfonso e A Terraza; unha zona ampla de máis vexetación, onde encontramos o edificio racionalista da Atalaia, o estanque e o reloxo e calendario vexetais, e a Rosaleda, un paseo entre pérgolas con rosas de moitas variedades.
No paseo polos xardíns acompáñannos monumentos, case todos dedicados a algún personaxe galego. Destaca o de Curros Enríquez (Asorey, 1934), o de Pardo Bazán (Lorenzo Coullant Varela, 1916) ou o de Concepción Arenal (Rafael González do Villar, 1916), presidindo o estanque.

Parque botánico de Montealegre (Ourense). Desde este monte, de 471 m de altitude, temos unha das mellores panorámicas de Ourense, sobre todo desde o miradoiro da Cruz, onde dispoñemos dun banco para contemplar as vistas tranquilamente. Este é só un dos atractivos deste parque forestal e botánico que se estende por máis de 15 ha do monte, e no que atopamos máis de 240 especies de flora e até 132 de fauna. Conta cun centro de recepción e investigación e un auditorio ao aire libre, construído na rocha sobre unha vella canteira. O parque ten vocación didáctica, cousa que vemos visitando o invernadoiro de hortas infantís e os obradoiros que se fan durante o ano.
Entre o 1 de novembro e o 31 de marzo abre de 10 a 18; en abril e en outubro de 10 a 20 e, do 1 de maio ao 30 de setembro, de 10 a 21.

Espazo Caritel (Foz, Lugo). Na Mariña Lucense, moi preto da Basílica de San Martiño de Mondoñedo, no Caritel, encontramos este curioso espazo no que harmonizan arte e xardinería, inaugurado por Caxigueiro e Flor Núñez en 2010. Espazo Caritel conta cun xardín botánico de 3.500 m2, no que destaca a colección de camelias, con máis de cen variedades, e a de hortensias, rodeadas de máis de 70 árbores de todas as partes do mundo. O que lle fai especial é que nel se atopa o obradoiro e a sala de exposicións de escultor e ceramista Daniel Río Rubal, Caxigueiro. O artista tamén é apaixonado do seu xardín, cousa que transmite moi ben ás visitas.
De martes a sábado abre en horario de 11.45 a 13,15 e de 17.30 a 10; os domingos, de 11.45 a 13.45. A entrada individual para adultos é de 5 euros. Para grupos e escolares hai que concertar cita, e o prezo é reducido.

Xardín dos Fieitos (Bergondo, A Coruña). Case de casualidade, Lorenzo Díaz, na súa finca da Lavandeira empezou a desenvolver unha afección polos fieitos que foi cada vez a máis e que converteu o terreo familiar, nun Bergondo no que os xardíns adoitan ter camelias, hortensias e, se acaso, algunha palmeira indiana, nunha auténtica selva. A súa paixón polos fieitos arborescentes levouno a cultivar até máis de 30 especies diferentes, orixinais de hai millóns de anos, algunhas autóctonas e outras procedentes de moitas partes do mundo: Amazonas, México, Nova Zelandia, Papúa Guinea… A rapidísima maduración destes exemplares fixo que, en once anos, o céspede baleiro se poboase de árbores prehistóricas. Certo que tamén hai variedades máis lentas, que medran unha polgada por década.
Na finca, na que atopamos un espazo máis clásico e outro pura selva e eclosión de vexetación, tamén conta con invernadoiro para o cultivo e a investigación. Para visitala temos que solicitar cita previa.

