Camiñar á sombra das árbores, coa música de fondo dos paxaros, das follas, talvez dalgunha fonte ou dun río, respirando flores… Non é un plan de verán estupendo? Nestes marabillosos xardíns seguro que o paseo se nos fai curto:
Alameda de Padrón (Padrón, A Coruña). Este é o nome popular co que se coñece o paseo do Espolón de Padrón, un romántico xardín do século XIX. É un longo paseo fluvial de plátanos, situado entre o centro histórico, en fronte da igrexa de Santiago, e o río Sar. Está flanqueado polas estatuas dos escritores padroneses máis universais: ao norte, a de Rosalía de Castro (José María Mateos, 1957), financiada por emigrantes galegos en Uruguai; ao sur, a de Camilo José Cela (Ferreiro Bahía, 2003). Aquí a vexetación tamén é un monumento, xa que as ringleiras de robustos plátanos de sombra están recollidas como formación senlleira no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Se vimos de paseo o domingo, encontraremos o mercado semanal, que se vén facendo desde a Idade Media. Antano era sobre todo de gando, mais hoxe en día podemos encontrar de todo, e mesmo pararnos a degustar un polbo á feira ou uns pementos da zona.
Pazo de Oca (A Estrada, Pontevedra). Quen non escoitou falar do Versalles galego? Pois aquí o temos, practicamente no centro do concello da Estrada. O que empezou sendo unha fortaleza medieval cunha pequena horta e xardíns, despois de varias remodelacións, se convertería no século XVIII nun gran pazo axardinado. Na ampliación barroca do xardín destacan os dous estanques: o das virtudes, que ten no centro unha barca de pesca de pedra, e o das vaidades do mundo, no que está a barca da guerra. Arredor dos estanques, un bordo de mesto buxal de máis de 300 anos, catalogado como senlleiro. Completando o conxunto, un xardín reticulado no que perderse. No século XIX seguiron a facerse reformas románticas e paisaxísticas.

O pazo é propiedade da Casa Ducal de Medinaceli. De marzo a abril, abre de 10 a 14 e de 16 a 20 e, entre novembro e marzo, de 10 a 14 e de 15 a 17. Os domingos pecha. As entradas oscilan entre os 10 e os 20 euros, con prezos rebaixados para menores de 10 anos. Lembremos que o pazo de Oca é unha das paradas máis importantes da Ruta das Camelias e que, para velas en flor, o indicado é ir entre xaneiro e abril.
Labirinto de Breoghán (Vilarmaior, A Coruña). Neste concello da comarca de Betanzos levantouse en 2022 o labirinto meirande da península. 6.120 m2 nos que hai plantadas até 4.000 árbores facendo un debuxo de cruz celta inspirado nos petróglifos, moi abundantes na zona. Non é pouca cousa este labirinto: temos que contar como mínimo con 40 minutos para completar o percorrido. Mais é tan entretido, con xogos no camiño para descifrar enigmas, que ao mellor nos despistamos e nos dan as horas. No centro hai unha torre miradoiro para apreciar o debuxo das árbores.
Á entrada hai un quiosco con terraza, aparcadoiro e aseos. O labirinto está aberto desde o sábado véspera de Domingo de Ramos ao 1 de novembro. En agosto, o horario é de 11 a 21, sendo as 20 a última hora para entrar. En canto ás tarifas, son de 0 euros até 7 anos, 3 euros de 7 a 12 e 5 euros de 12 en diante.
Xardín botánico e Carballeira de Caldas de Reis (Caldas de Reis, Pontevedra). Que boa idea tivo o concello de Caldas en 1883 ao facer este parque no centro da vila, nas marxes do Umia. Era a época de esplendor dos balnearios, así que tivo moi boa acollida polos visitantes da vila termal. Coincide co Camiño Portugués, de xeito que é un paseo bastante internacional. Trátase dun xardín de categoría, que conta coa certificación de destino botánico do Observer Science Tourism e co Q de Calidade Turística, como espazo público singular. O arboreto está composto por especies autóctonas e foráneas. No xardín atopamos 200 exemplares, entre eles a araucaria angustifolia e a cunninghamia lanceolata, árbores senlleiras. A carballeira conta cuns 200 carballos e está catalogada como formación de árbores senlleira. A colección de camelias tamén é de gran valor. O paseo ten outros atractivos máis ademais dos vexetais: dique, fonte, esculturas, bancos, pasatempo…

Castelo de Soutomaior (Soutomaior, Pontevedra). O castelo áchase no centro xeográfico do concello, nun souto sobre o val do río Verdugo. Empezou sendo torre defensiva, cara ao século XII, e, xa no século XV, toma forma de fortaleza, sendo señor na súa época de apoxeo Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). Despois de sucesivos propietarios e reformas no edificio e nas terras, ao principio de cultivo, pasaría a mans da Deputación de Pontevedra en 1982.

O parque botánico do castelo foi medrando co tempo até ocupar 29 ha, nas que hai uns 1.000 exemplares de 127 especies e 540 familias botánicas distintas. Hai viñedos, froiteiros, bosques, xardín inglés, francés e unha colección de máis de 200 camelias de diferentes tipos. En 2012 foi o primeiro xardín en España en ser declarado Xardín de Excelencia internacional pola sociedade internacional da Camelia. De feito, forma parte da Ruta da Camelia. Así mesmo, desde 2020, conta co certificación do Observer como destino de turismo científico na modalidade de Xardíns históricos e da camelia. Por suposto, tamén ten catalogadas varias árbores senlleiras.
Os xardíns están abertos ao público de 10 a 21 entre maio e setembro. Entre outubro e abril, de 10 a 19 e luns pechado. A entrada a castelo e xardíns é de 5 euros. O prezo é reducido segundo idades e grupos e aumentado se é con guía.

