Que facer en Galicia a semana do 15 ao 21 de xullo

A segunda quincena do mes de xullo botará a andar con propostas para tódolos públicos. Música, gastronomía, humor, enoloxía e os bólidos máis divertidos farán de Galicia unha gran festa.

 

Festa da Dorna

Do 18 ao 24 de xullo. Ribeira.

Unha iniciativa solidaria marcou, a mediados do século pasado, o arranque desta desenfadada e participativa celebración. A partir do xoves 18 e durante toda unha semana terán lugar probas e propostas tan divertidas como a “Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo”, o “Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor”, os “Xojos e Deportes Populares de Terra” ou o “Jran Prix de Carrilanas”, ademais de outras moitas propostas entre as que haberá tempo tamén para a gastronomía e a música.

Máis información aquí.

 

Atardeceres no Gaiás

17, 18 e 20 de xullo. Santiago de Compostela

Os atardeceres son todo un espectáculo en Galicia, pero ademais na Cidade da Cultura chegan acompañados de música co ciclo de concertos ao aire libre que se desenvolve durante todo o verán. As citas para esta semana serán con Miss Bolivia (Arxentina), Ladilla Rusa (Cataluña) e Betacam (Cantabria).

Máis información aquí.

 

Bonnie Tyler en Galicia

18 de xullo. Vilagarcía de Arousa

Coñecida pola súa inconfundible voz rachada e por un puñado de cancións que xa son clásicos do rock, como It’s a heartache e Total eclipse of the heart, a cantante galesa Bonnie Tyler segue ao pé do canón e o xoves chega a Galicia para repasar a súa exitosa carreira e presentar os temas do seu último disco, Between the earth and the stars. A cita será na praza da II República ás 22 horas.

Venta de entradas aquí

 

Festa da Pescada de Celeiro

20 de xullo. Celeiro (Burela)

A pescada é o prato estrela desta festa de interese turístico galego que se vén celebrando desde hai xa 22 anos. A lonxa vella do porto do Celeiro abrirá as súas portas este sábado para que os veciños e visitantes da Mariña Lucense poidan degustar o saboroso menú preparado para a ocasión.

 

Gran Prix de Carrilanas de Esteiro

Do 19 ao 21 de xullo. Esteiro (Muros).

Os bólidos artesanais volverán rodar polas pendentes de Esteiro esta fin de semana congregando a un público tan fiel como numeroso. A competición, que suma xa 31 edicións, premiará aos participantes con galardóns diversos (velocidade, deseño…) e gozará un ano máis de acompañamento musical, o que poñerán os grupos participantes no Festival das Carrilanas que se celebrará desde o venres ata o domingo: Novedades Carminha, Dakidarría, Itaca Band, De Vacas, Nao e Terbutalina, entre outros.

Toda a información, aquí.

 

Festival Aturuxo

19 e 20 de xullo. Ourol

Sete anos leva xa a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva Aturuxeiros de Bravos organizando nesa parroquia do municipio lucense de Ourol o Festival Aturuxo. O venres haberá foliada e o sábado, tras o xantar popular e unha tarde de xogos e arte, a música correrá a cargo de Collón de Lola, Som do Galpom, Rosa Cedrón e Zënzar.

 

Fogos de Bouzas

21 de xullo. Bouzas (Vigo)

Tras varias xornadas de celebración, a Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, chegará o domingo ao seu fin coa cita máis esperada e espectacular do seu programa, un gran espectáculo pirotécnico que ano tras ano reúne a milleiros de persoas e enche de luz e cor os ceos da Ría de Vigo.

 

Festival Ribeira Sacra

Do 18 ao 21 de xullo. Concellos da Ribeira Sacra (Lugo).

Escenarios tan diversos como prazas, miradoiros, adegas e mesmo un catamarán fan deste festival unha proposta tan orixinal como suxerinte. A Ribeira Sacra en todo o seu esplendor convértese en punto de encontro para os amantes da música, a paisaxe e o patrimonio cun atractivo cartel no que aparecen artistas e grupos como Soledad Velez, Cora Velasco, Kevin Johansen, Jonathan Wilson, Os Amigos dos Músicos e Los Enemigos.

Máis información aquí. 

 

Festival Vive Nigrán

19 e 20 de xullo. Nigrán

Picnic Pop Festival é o revelador apelido dun festival que este verán celebra a súa terceira edición e que de novo volverá xuntar música, gastronomía, mercado e actividades deportivas e culturais nas inmediacións de praia América. Novedades Carminha, Ángel Stanich, Las Chillers, Hidrogenesse, Meneo e Delafé son algunhas das propostas musicais deste ano.

Máis información aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *