De Tapas por Galicia decide o mellor petisco do 2021 entre as propostas das sete cidades galegas

Sete cidades, sete propostas… e dous premios para dilucidar cales son os mellores petiscos do ano. A Gala Showcooking De Tapas por Galicia volve o próximo 15 de marzo para poñer en valor o turismo gastronómico urbano a través de pequenas creacións, coas receitas gañadoras dos certames locais das sete maiores cidades da Comunidade.

O Hotel Monumento San Francisco, un espazo histórico en Santiago de Compostela, é o lugar elixido para a celebración da Gala, organizada pola Axencia Turismo de Galicia. Os cociñeiros, todos eles bos exemplos da puxanza gastronómica das cidades galegas, prepararán en directo as súas tapas para competir polo Premio ao Mellor Cociñeiro, outorgado por un xurado de profesionais de prestixio no sector; e polo Premio do Público, que decidirán os asistentes ao evento.

No listado de finalistas hai, como en edicións anteriores, un equilibro moi atractivo entre cociñeiros consolidados, estrelas emerxentes e sorpresas gratas. Disputarán os premios as tapas ideadas e executadas por Daniel Bastos (El Italiano Feo, Vigo); Rubén González (El Cafetín de la Alameda, Pontevedra); Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela); Álvaro Victoriano (Intenso Cocina Peculiar, A Coruña); Pablo Fuentes (La Bodega de Estrella, Ferrol); José Luis Pardo Baamonde (El Boni, Lugo); e Gabi Conde-Corbal (Portovello, Ourense). A diversidade define este abano de propostas, aínda que en todos os casos hai dúas constantes que se repiten: o respecto polo produto galego de calidade, excelente e coidado; e unha homenaxe á gastronomía propia de cada unha das cidades nas que se asentan os establecementos.

De Tapas por Galicia converteuse xa nun clásico do panorama gastronómico galego, e por ela pasaron varios dos mellores xefes de cociña do país. Con esta iniciativa, Turismo de Galicia buscar promover a conxunción entre turismo e gastronomía nas sete principais urbes, mostrando ao mundo tanto os atractivos históricos e arquitectónicos de cada cidade coma as propostas singulares que ofrece a hostalería galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará