Comeza o ano con enerxía renovada explorando as paisaxes máis impresionantes de Galicia. Cada provincia ten o seu recuncho máxico dende onde conectar coa natureza e encherte de inspiración.
Galicia é terra de miradoiros, e estes son só unha pequena mostra do que podes descubrir. Dende a costa ata o interior, as paisaxes galegas convidan a practicar turismo activo: sendeirismo, ciclismo ou simplemente paseos que te encherán de enerxía. Aquí deixámosche catro miradoiros que non podes perder:
Pontevedra: Miradoiro de Monte Trega
Na Guarda, este miradoiro agasállate cunha espectacular panorámica sobre a desembocadura do río Miño e a fronteira con Portugal. Un lugar cheo de historia e natureza para comezar o ano contemplando o mellor do sur de Galicia. Non deixes de visitar a Citania de Santa Trega, un dos exemplos da cultura castrexa-romana máis importantes de Galicia.

A Coruña: Miradoiro de Vixía de Herbeira
Situado nos cantís máis altos de Europa continental, no punto máis alto da Serra da Capelada, este miradoiro ofrece unhas vistas vertixinosas do océano Atlántico e a inmensidade da paisaxe costeira galega. Perfecto para reflexionar e deixarte inspirar pola súa maxestade, para despois descubrir a marabillosa gastronomía da zona en Cedeira ou Cariño, ou achegarte ata o Santuario de Santo André de Teixido. Xa sabes, se non vas de vivo…

Lugo: Miradoiro de Souto Chao (Ribeira Sacra)
Situado no corazón da Ribeira Sacra, en Sober, este miradoiro permitirache contemplar os espectaculares meandros do río Sil e gozar das viñas en desnivel sobre o río. Alí descubrirás a escultura do “Carreteiro”, que representa o esforzo da viticultura heroica. A súa tranquilidade e beleza conectarante co mellor da natureza galega. É tamén a escusa perfecta para visitar algunha das súas adegas e probar os viños da zona.

Ourense: Miradoiro de Barranco Rubio (A Rúa)
Un recuncho máxico no municipio da Rúa, dende onde poderás admirar as vistas ao encoro de San Martiño e á paisaxe montañosa que o rodea. Un lugar perfecto para respirar paz e comezar o ano con serenidade.

Este comezo de ano, déixate levar polas vistas máis incribles de Galicia. Inspírate, soña e recarga enerxías nestes recunchos únicos. Galicia agárdate!

