Itinerarios de Roma

Muralla Romana - Lugo

O interese de Roma por Galicia hai que relacionalo coas posibilidades mineiras da rexión.

Tras varias exploracións e unha guerra de conquista que durou cen anos, todo o noroeste peninsular pasou a se converter en parte da España romanizada no século primeiro da nosa era.

Xulio César e Octavio Augusto estiveron en Galicia, o primeiro nunha expedición naval que desde a actual A Coruña o levou a Inglaterra e, anos despois, Augusto para impoñer a “Pax Romana” neste territorio.

Os romanos déronlle nome a Galicia (Gallaecia).

A pegada de Roma en Galicia está ligada á rede viaria de comunicación. A comercialización da súa metalurxia converteuna nun territorio cruzado por calzadas, como a Vía Nova en Ourense, con pontes como a de Bibei e monolitos de sinalización “miliarios”.

As calzadas atravesaban o noroeste entre Astorga, A Coruña e Braga. Tamén os portos galegos servían de enlace para as escuadras romanas coas illas do estaño (Inglaterra).

O faro romano da Coruña, a Torre de Hércules, é testemuña daquelas travesías e o máis antigo do mundo en funcionamento.

Lugo (Lucus Augusti) ten o privilexio de conservar a muralla romana. Construída na época baixoimperial, con cincuenta cubos e máis de dous quilómetros de lonxitude, foi declarada Patrimonio da Humanidade.

Outro atractivo de Galicia para o mundo romano eran as súas augas e fontes termais, que deron orixe a balnearios e termas coma as de Lugo, a cidades coma Ourense e a templos pagáns dedicados ás ninfas como Santalla de Bóveda (Sta. Eulalia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *