O verán é o momento perfecto para descubrir Galicia desde novas perspectivas. Xa sexa percorrendo a costa atlántica, navegando entre canóns fluviais, explorando espazos naturais protexidos ou penetrando no interior máis verde, cada recuncho convida a vivir experiencias únicas ao ritmo pausado que caracteriza este destino.
Propoñémosche cinco plans para aproveitar ao máximo as túas vacacións:
Entre praias, sendeiros costeiros e vilas mariñeiras
Quilómetros de costa, praias de area fina, pequenos portos pesqueiros e unha excelente gastronomía converten as Rías Baixas nun dos destinos favoritos de quen busca combinar natureza, cultura e mar.
Un percorrido pola península do Grove, A Illa de Arousa ou a ría de Muros e Noia permite descubrir calas resgardadas, paseos á beira do Atlántico e miradoiros desde os que contemplar a paisaxe. Despois dun día de praia, nada mellor que sentar fronte ao mar para degustar peixes e mariscos frescos acompañados por algún dos viños das denominacións de orixe galegas.
Navegar polos canóns da Ribeira Sacra
No interior, a Ribeira Sacra sorprende pola espectacularidade das súas paisaxes. Os ríos Sil e Miño escavaron profundos canóns cuxas ladeiras albergan viñedos cultivados desde hai séculos, mosteiros históricos e bosques que convidan a camiñar.
Un paseo en catamarán ou en kaiak ofrece unha perspectiva privilexiada desta paisaxe singular, mentres que as rutas de sendeirismo e os miradoiros permiten contemplala dunha forma única. Completa a experiencia visitando unha adega para coñecer de preto a tradición da viticultura heroica.
Descubrir o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas
As illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada forman o único parque nacional de Galicia e constitúen un dos espazos naturais máis valiosos do litoral atlántico.
As súas praias, sendeiros sinalizados e ecosistemas protexidos converten estas illas nun destino ideal para quen desexa gozar da natureza en estado puro. Camiñar ata un faro, observar aves mariñas ou contemplar o océano desde algún dos seus miradoiros son algunhas das experiencias que fan de cada visita unha lembranza inesquecible.
A forza do Atlántico na Costa da Morte
A Costa da Morte ofrece unha paisaxe moldeada polo océano, onde faros, cantís e vilas mariñeiras narran séculos de historia vencellada ao mar.
Localidades como Fisterra, Muxía ou Camariñas convidan a percorrer paseos marítimos, descubrir tradicións artesanais e gozar dalgúns dos solpores máis espectaculares de Galicia.
Entre montañas e natureza en estado puro
As montañas convidan a descubrir unha contorna onde a natureza é a gran protagonista. Espazos como Os Ancares ou a Serra do Courel ofrecen bosques centenarios, ríos de augas cristalinas, vales e sendeiros que atravesan algunhas das paisaxes mellor conservadas do noroeste peninsular.
Aquí o verán vívese ao ritmo da montaña, camiñando entre carballeiras e soutos, descubrindo miradoiros naturais, respirando aire puro e gozando dunha biodiversidade excepcional.
Unha experiencia que se completa coa visita a pequenas aldeas de arquitectura tradicional e unha gastronomía elaborada con produtos locais.
Costa e interior, patrimonio e natureza, tradición e gastronomía. Galicia ofrece plans para todos os gustos e formas de viaxar, convertendo cada escapada nunha oportunidade para descubrir novas paisaxes e vivir experiencias auténticas. Que comecen as vacacións!
