A paisaxe da costa galega é ben coñecida: recortada, con abundancia de entrantes e saíntes, cantís pronunciados, rías altas e baixas, praias, illas… Mais, que pasa co interior? Desde as montañas máis antigas de Galicia até as ribeiras das viñas heroicas, aquí temos destinos para 5 plans terra dentro.
1.Percorrer os montes de Lugo (O Courel, Os Ancares). Para montes, os de Lugo. Ao sueste da provincia esténdese a serra do Courel. Estas montañas teñen uns cantos anos: máis de 300 millóns! Entre elas levántanse alturas importantes, de máis de 1.600 m, por exemplo, o monte de Montouto ou o de Formigueiros. Aquí atópase o monumento natural do dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós, fósiles antiquísimos, vestixios de minas de ouro… Mesmo hai unha ruta das aldeas paleozoicas. É por iso que O Courel foi nomeado Xeoparque mundial da UNESCO. Mais non son todo montes, tamén hai vales pronunciados e moitos ríos, o Lor o principal. Entre montes e vales confórmase unha paisaxe marabillosa, dotada da mellor terra para abeirar bosques moi variados, como a devesa da Rogueira, e fauna acorde con eles (lobos, raposos, xabarís, teixugos, martas…). Para empezar a nosa aventura na serra pode ser boa idea achegarse á aula da natureza de Moreda do Courel.

A serra do Courel vai moi ligada a outra; de feito, as dúas en conxunto forman parte da rede natura 2000 Ancares-Courel. Estamos a falar da serra dos Ancares, ao sueste da provincia, ao norte do Courel e limitando con Asturias e León. Abrangue os concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte do concello de Becerreá. Serra de profundísimos vales e altos cumes que case chegan aos 2.000 m, como O Mustallar ou Tres Bispos. A súa riqueza natural valeulle o título de Reserva da Biosfera (2006). Entre a vexetación, mestos bosques de carballos, bidueiros, cancereixos, acivros, pradairos, teixos e, nas zonas máis altas, uceiras e piorneiras (de aí Piornedo).
Con moita sorte podemos ver algún oso pardo ou pita de monte. En canto ao patrimonio histórico: castelo de Doiras, ponte romana sobre o río Cervantes, castelo de Navia de Suarna… Tamén ten moito peso a cultura popular e a etnografía, xa que se conservan construcións típicas de moitos séculos atrás. Para mostra, o conxunto etnográfico de Piornedo, aula da natureza.
2.Descubrir os arredores de Santiago. Nun radio duns 20 km desde Santiago, espérannos catro concellos satélites da capital pero con personalidade propia, e moitos tesouros por descubrir, como Teo, Negreira, A Estrada e Sigüeiro.
A 15 km de Compostela, Teo sorpréndenos coa súa carga histórica (igrexa de Santa María de Teo, de Luou, Lampei, cruceiro de Tribaldes, cruceiro de Francos…), prehistórica (área arqueolóxica do monte Piquiño), natural (Fraga de Sestelo, carballeira de Francos…)… Por aquí pasa o Ulla, que podemos desfrutar na área recreativa do Xirimbao, coa súa ponte colgante. Cruzando esta, así como a ponte medieval de Pontevea atravesamos até A Estrada, outro destino interesante, a 26 km da capital. O Ulla é famoso na zona polo salmón, que se pesca nos coutos de Ximonde e o Xirmbao. Tamén hai tradición de deportes acuáticos, como caiac, rafting ou paddle surf. Un bo plan na Estrada é facer a ruta románica, con dous percorridos para coñecer case unha vintena de templos medievais, ou algunha das 10 rutas de sendeirismo sinalizadas. Unha das xoias do concello é o Pazo de Oca. Desde logo, a capital do moble está moi ben amoblada.
Sigüeiro, a 16 km de Santiago, é a última parada do Camiño inglés antes de chegar a Compostela. É a capital do concello de Oroso. Un dos seus encantos é a ponte medieval sobre o río Tambre e, xa que estamos no río, a área recreativa Ila do Refuxio, unha insua a carón dunha presa onde hai unha pequena praia fluvial. Por aquí está o couto de pesca de Sigüeiro, que ten sona de levar moita troita. Na zona hai moitos vestixios de mámoas e castros, e unha rica vexetación de especies autóctonas e, por certo, un importante campo de golf.
Ao oeste de Santiago, Negreira, a 22 km, tamén está á beira do Tambre. E tamén é zona de mámoas e castros. Encontramos algúns pazos importantes, como o de Cotón, no que se celebra a finais de agosto a Feira do románico. Na parte leste do concello atopamos a enxebre aldea da Ponte Maceira, entre Negreira e Ames. Desde o pazo de Cotón até o refuxio de pesca discorre o paseo fluvial da Barcala, ben provisto de pasarelas, pontes, fervenzas…

3.Turismo de aventura na Fonsagrada. O camiño primitivo entra na Fonsagrada a boa altura, polo porto do Acevo, e pasa por sitios como A Proba de Burón, Montouto ou Paradavella. Nesta zona en plena montaña, a aventura está servida. Temos a nosa disposición rutas para facer a pé, en bici, e mesmo a cabalo, desde as moi sinxelas, sendo espectaculares, como a da Seimeira de Vilagocende, até as máis duras, como a da Pena Guímara.
4.Saborear polbo no Carballiño. A vida ten as súas curiosidades, como que un dos lugares onde ten máis sona o polbo estea no interior ourensán, no Carballiño e, máis en concreto, en Arcos. Parece ser que as polbeiras desta parroquia, que ían polas feiras cociñando o seu manxar en olas de cobre, difundiron o seu saber por Lugo e O Carballiño, coñecidas polo polbo á feira. Ollo ao dato: na festa do polbo do Carballiño deste ano cociñouse a tapa de polbo á feira máis grande do mundo, polo menos até esa data, 6 de agosto. Así que, ademais de gozar da vila, coa praza maior, o templo da Veracruz, a igrexa de San Cibrán, as termas, os carballos… é obrigado degustar o polbo. Bo proveito!

5.Ribeira Sacra. Este plan de interior ten tanto embarcadoiro que case parece da costa. Localización: o canón e ribeiras do Sil, ribeiras do Miño, Cabe e Bibei, sur da provincia de Lugo e norte da de Ourense. Auga, arte e viño. A Ribeira Sacra semella un mundo aparte, onde a natureza rebela o seu poder. O poder dos ríos que sucan as rochas, o clima que favorece os cultivos de vide, a vexetación… A man humana que fai presas, que aproveita recursos, que constrúe mosteiros outrora retirados, e a man da natureza que devolve máis. E nós, insignificantes, abrimos ben os sentidos para que non se nos escape nada.


