10 espazos e rutas naturais para percorrer con nenos

Fraga máxica da Cortiña (San Sadurniño).  Hai case 20 anos naceu en San Sadurniño, na comarca de Ferrol, un proxecto ambiental coa intención de preservar as nosas especies arbóreas máis prezadas. Está representada a carballeira, o souto, a bidueiral, o bosque de ribeira, o faial, o sobreiral e a fraga. A estas masas de árbores súmaselle o Campón, un amplo espazo central. O que empezou chamándose arboreto, converteuse pouco a pouco nunha fraga máxica, grazas ao traballo de dous trasnos (Carlos García e Marina Goti), que a encheron de coloridas esculturas e xogos, tallados en troncos secos de carballo, castiñeiro, ciprés e acacia, a base de motoserra. Así, internámonos nun mundo fantástico, entre gnomos, trasgos, casiñas, esquíos… Tamén hai zona de mesas para repoñer forzas e ruta fluvial polo Xubia. Éxito seguro!

Senda mitolóxica do monte Viso (Santiago de Compostela). Parece mentira que tan preto do núcleo urbano achemos este lugar, onde gozar dun paseo polo monte entre as figuras más antigas da nosa mitoloxía e, de paso, admirar as mellores vistas de Santiago. Hai un acceso preto da Cidade da Cultura e outro polos camiños do Viso e a parroquia de Aríns. Este é un lugar revelador para aqueles que nunca viron de fronte unha lamia, ou unha meiga, por exemplo. Aquí se nos amosan unha morea de seres lendarios, representados en figuras feitas por Manuel Méndez Rodríguez: a lamia, a coca, o nubeiro, Breogán, mouros, meiga, moura, gatipedro, biosbardos…

Paseo dos Soños (Vilalba). Moi preto da vila, comeza un paseo fluvial que acompaña o río Madalena durante uns 3 km. Empeza no muíño do Ráñego e remata na fonte dos Freire. O sendeiro é moi cómodo, con pasarelas de madeira todo o traxecto. Ademais do paseo polo río, atravesamos unha área recreativa, unha ponte, muíños, unha praia fluvial… Mais o especial do percorrido é que cada 100 metros se cumpre un hectómetro literario, onde, a través dunha escultura orixinal, se homenaxea a unha personaxe da Terra Chá. De momento hai 17, o último deles dedicado aos irmáns Coira.

Pasarelas do río Mao (Parada de Sil). Este é un dos moitos percorridos que podemos facer na Ribeira Sacra. Lévanos pola beira do Mao, afluente do Sil, desde a antiga Fábrica de luz, hoxe albergue. O paseo transcorre por pasarelas de madeira que se van adaptando ao relevo, algunhas a bastante altura, que deixan o río moi abaixo, dándonos a sensación de camiñar entre as copas das árbores. Tamén hai tramos de escaleiras e miradoiros. Por aquí tamén pasa a ruta do Canón do río Mao (PR-G177), e mesmo unha ruta BTT, pero son máis duras para facer con nenos.

Ruta dos Sentidos (Esmelle). Aquí está a selva de Esmelle! Grazas ao proxecto da asociación de veciños do Val de Esmelle, recuperouse o patrimonio etnográfico nesta zona do val, á beira do Xuncal e do Migués. Nesta ruta, sinxela para facer en familia, de 3 km, pasamos por oito muíños, un lavadoiro, fontes e mesmo a igrexa de San Xoán de Esmelle. Tamén quixeron facer unha lembranza da selva de Esmelle do Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, facendo do propio Merlín, a través das sinalizacións, o guía no noso percorrido.

Parque Aventura Esteiro río Coroño (Boiro). Entre a praia Barraña, ou Xardín, e o esteiro do río Coroño, hai un parque do que é difícil cansarse. Unha grande extensión entre as árbores cun bo repertorio de diversións: bambáns, tirolesas, circuítos de habilidade, xogos para escalar, cordas, pontes, tobogáns, casiña… Todos eles cun deseño moi acorde coa natureza que os rodea. Despois dunha sesión de parque, mesmo apeteza darse un baño na praia para rematar a xornada.

Carballolandia (Chantada). Alguén pensou en facerlle algunha vez unha homenaxe ao carballo? Pois en Chantada si. Encargouse Anxo Moure, alma do proxecto que transformou a Chousa das Férvedas, en Garabelos, en ecoparque. Un lugar entre as árbores, atravesado por un rego do río da Ponte, cun universo propio, onde prima a reciclaxe e a imaxinación, cheo de atraccións e personaxes feitos por Anxo, o “carballo con botas”, que semella sacado dun conto. A finca é privada, e pódese alugar durante unha tarde ou un día enteiro.

Aldea das Formigas (Outeiro de Rei). Nesta aldea viven as formigas xigantes de San Clodio. Dannos a benvida cun “érase unha vez” que xa nos invita a mergullarnos nun mundo imaxinario. Formigas en variadas situacións: na escola, nunha nave espacial, en moto… O artífice deste universo é José Ramón Rodríguez, que tamén nos deixa abellas xigantes, paxaros, serpes… Todos feitos con material de refugallo. Os visitantes son animados a deixar as súas propias creacións. Á saída, no porquiño Martiño, podemos deixar un donativo para axudar a manter este universo formigueiro.

Ecoespazo O Rexo (Allariz). Foi unha grande idea recuperar un espazo abandonado para dar pulo á economía rural da zona. Desde o ano 2000 empezóuselle a dar uso industrial, gandeiro, agrario e forestal. Fundouse a Escola Silvo-Pastoril do Rexo e o Centro de Educación Ambiental. Un dos seus atractivos é a zona intervida polo artista Agustín Ibarrola, que achegou a súa visión colorista. Hai unha ruta de sendeirismo circular de 7 km que sae do Val do Rexo e percorre a zona de Padela, subindo ao monte, desde onde temos boas vistas de toda a zona. Para coñecer a zona afondo ofrécense visitas guiadas, que poden incluír degustacións e obradoiros.

Parque dos sentidos (Marín). Este parque tamén é coñecido como a Granxa dos Briz. Conta cunha zona de aventura, onde poñer todos os sentidos a traballar, desde logo, con xogos dun deseño que parece continuar a natureza, pensados para correr, saltar e imaxinar. Tamén ten un auditorio ao aire libre e tres edificios: o principal, que abeira oficinas municipais, a casa bodega, unha casa tradicional e a casa dos caseiros. Algunhas atraccións son cen por cen musicais, como os xilófonos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *