Situada no lado suroeste do istmo que une a península do Grove co resto da comarca do Salnés, a praia da Lanzada atrae cada ano milleiros e milleiros de turistas grazas á beleza natural da súa contorna, ao seu importante patrimonio histórico, e á forza das súas ondas, que, sen ser acalmadas pola xeografía das rías, permiten a práctica de deportes coma o surf ou o windsurf.
Moitas son as lendas que mencionan a praia da Lanzada, e sábese que o lugar foi un dos núcleos de curandeirismo máis importantes de Galicia até mediados do século XX. É ben posible que a proliferación de historias e tradicións vinculadas á Lanzada estea relacionada co feito de que a zona foi poboada dende moi antigo. No illote situado fronte a Ermida de Nosa Señora da Lanzada encontráronse restos arqueolóxicos pertencentes á Idade de Ferro, e na mesma pequena península (anteriormente illa) que marca o limite sur da praia, álzanse para alén da xa mencionada ermida románica, as ruínas dunha torre medieval que serviu de defensa contra ataques normandos e musulmáns até a súa destrucción nas revoltas irmandiñas do século XV. Un pouco máis terra adentro pódense visitar unha necrópolis, un castro, e algunhas estructuras romanas.
Unha parte importante das lendas que se tratarán a continuación ten que ver coa fertilidade feminina, sendo ben posible que na zona se adourase a algunha deusa ou deus da fecundidade en tempos pagáns. Como en moitos outros casos semellantes en Galicia, estes ritos pagáns terían sido criastianizados posteriormente, e acabarían dando lugar, co pasar dos séculos, a algunhas das tradicións que persisten a día de hoxe.
A lenda máis coñecida é a do baño das nove ondas. Se unha muller estéril que desexe ter fillos deixa pasar nove ondas do Atlántico polo seu ventre, o poder do océano porá fin á súa infertilidade. Este baño só se pode dar na zona da praia situada ao carón da ermida, na noite do último sábado de agosto, que é cando se celebra a Romaría da Virxe da Lanzada. Con todo, por ser unha tradición popular, non todas as fontes concordan; hai quen di que o baño tamén sería efectivo no luscofusco da noite de san Xoán, ou nunha noite de lúa chea. O rito baséase na forza reprodutora que é asociada á auga, neste caso ao océano. A relación auga-reprodución é tamén moi antiga, e vén documentada dende as cantigas medievais galego-portuguesas. Voltando ao rito, segundo a tradición, antes (ou despois, dependendo da fonte) de ir tomar o baño, as mulleres que desexen rematar coa súa esterilidade deben de se sentar ou tumbar na Cuna da Santa ou Cama da Virxe. Reciben estes nome un conxunto de rochas situadas preto da ermida, que lembran coas súas formas a unha cama ou un berce. Estas rochas tamén participan noutra lenda protagonizada pola padroeira do lugar: díse que hai moito tempo a Virxe fóra roubada da ermida polos veciños de San Vicente do Mar. A Virxe volveu soa á Lanzada, por debaixo do mar, na súa cama de pedra.
Ademáis, a Virxe prevén contra o mal de ollo a quen, seguindo a tradición varra tres veces arredor do retablo da ermida no día da romaría. O mal de ollo tamén pode ser tratado con tres moedas no cepillo da ermida, tres voltas á capela, ou tres misas. Non por nada a Virxe da Lanzada é considerada das máis milagreiras da zona.
Por último, cómpre mencionar a Santa Compaña, unha terrible procesión de ánimas que van camiño ao purgatorio, moi presente (en diferentes variantes) na mitoloxía popular galega e do noroeste peninsular. Segundo a tradición da comarca, as almas en pena da Santa Compaña saen da Lanzada en dirección á illa de Ons, onde rematan a súa procesión no chamado Buraco do inferno.
Estas son algunhas, que non todas, das lendas e historias que mistifican A Lanzada, unha praia de case tres kilómetros de lonxitude na que o patrimonio histórico e a tradición xúntanse cunha beleza natural única, aberta ao Atlántico.