Segundo o devandito popular “Galicia é terra de meigas e de Fervenzas”.
Son moitas as fervenzas que embelecen a nosa terra, todas dignas de admirar e de coñecer, pero, como o tempo en vacacións é limitado, realizamos unha pequena selección coas máis espectaculares. Estas son algunhas delas.
Fervenza de Augacaída – Ribeira Sacra
Situada en Pantón, en plena Ribeira Sacra, pódese acceder a ela andando a través dun roteiro de sendeirismo (Roteiro de Augacaida – Castro de Marce) ou en zodiac por alguns dos roteiros fluviais que existen. Se accedemos andando, tras un camiño que nos achega a un antigo poboado castrexo e restos dunha fortaleza do século X, atópase esta magnífica fervenza formada polo arroio Aguianza. Cunha caída de 40 metros, é un agasallo para nosa vista, que é posible admirar, ben desde un balcón acondicionado para contemplar o gran salto, ou ben descendendo ata a mesma fervenza por unhas empinadas escaleiras, pero coidado!, este descenso é moi pronunciado.
Fervenza do Toxa – Comarca do Deza
Trátase dunha das fervenzas máis coñecidas de Galicia. Tras unha camiñada de 15 km campo a través atopamos, en Pazos, no concello de Silleda (Pontevedra), a Fervenza do Toxa, cunha altura de 30 metros e auga procedente do río Toxa, afluente do Deza. O desenlace deste fenómeno natural é unha gran poza rodeada dun bosque de castiñeiros, carballos e sobreiras, na que nos poderemos bañar. Accédese con facilidade, xa que conta cunha área de servizo habilitada con aparcamento. Existen dous miradoiros para capturar as fermosas vistas e, ademais, podemos aproveitar a excursión para coñecer o Mosteiro de Carboeiro, que se atopa nas inmediacións da fervenza.
Fervenza do Río Barbantiño – O Carballiño
Tamén coñecida como Fervenza do Cachón, esta fervenza, situada entre os concellos de Amoeiro e Maside, na comarca de Carballiño, presenta unha caída de 15 metros e o seu caudal depende dunha central hidroeléctrica que o mingua en determinadas épocas do ano. Para alcanzar a fervenza débese seguir o Camiño Natural do Barbantiño onde nos atoparemos con varios muíños de auga, entre eles o máis coñecido é o “Muíños da Penas”. Desde eles poderemos acceder, se o desexamos, á parte superior da fervenza.
Fervenza de Ézaro – Costa da Morte
É un dos recunchos naturais máis espectaculares de Galicia e, sen dúbida, unha das súas fervenzas máis coñecidas e famosas. Atópase no concello de Dumbría, en plena Costa da Morte e ten unha caída de 40 metros. Nalgunhas épocas do ano pódese ver con iluminación artificial, convertendo a contorna nun espectáculo de luz e auga, grazas a uns focos de cores que apuntan á fervenza. Un espectáculo digno de ver.
Denomínase tamén fervenza do Xallas debido a que é o río con ese nome o que lle presta as súas augas. O río Xallas ten a peculiaridade de ser o único río de Europa que desemboca en forma de fervenza no mar.
Fervenza das Brañas – Melide
No concello de Toques, o municipio galego máis amplo dentro da Rede Natura 2000, atópase esta fervenza que recibe as súas augas do río Furelos e á cal poderemos acceder a través dun roteiro que comeza na área Recreativa de Furelos. O seu salto de auga é de 40 metros sobre unha enorme parede de roca e na súa base atopamos un muíño de auga de gran tamaño, o coñecido como “Muiño da Fervenza”.
Fervenza das Hortas – Arzúa
Situada nos límites naturais dos concellos de Arzúa e Touro, esta fervenza está formada por dúas caídas de auga de 30 metros de altura. As súas augas arrastran unha lenda: a dunha moza que foi rexeitada polo seu noivo tras confesarlle que estaba embarazada. Unha noite, o seu amante empuxouna desde o cume da fervenza e ela salvouse tras pedir axuda a Santa Marta, que puxo un carballo no seu camiño e amorteceu a caída. Por mor desta lenda coñécese tamén como “Fervenza de Santa Marta”.
Fervenza de Casariños – Pontevedra
Esta fervenza atópase situada na Serra do Suido, na parroquia da Laxe, en Fornelos de Montes. Está formada pola unión de dous ríos, o Barranqueira de Fonte Uceira e Barranqueira de Rego de Casariños, e enriquecida polas constantes choivas desta zona. Un dos seus grandes atractivos é que termina nunha poza na que nos poderemos refrescar.
Galicia esconde moitos segredos, entre eles estes fenómenos naturais, que son un agasallo para a vista e un desafío para os máis valentes.

