A sona do Camiño de Santiago como unha dos principais engados de Galicia non entende de fronteiras e é capaz de chamar a atención de habitantes de todo o planeta. Así o confirma unha vez máis a afluencia de peregrinos, xa que durante o ano pasado foron case 170 as nacionalidades diferentes das persoas que decidiron ir a Santiago por unha das rutas oficialmente recoñecidas.
Nin as diferenzas culturais nin idiomáticas, nin sequera xeográficas, foron un obstáculo para xente de lugares tan diferentes como Aruba, Papúa Nova Guinea, Benín, Brunei, Micronesia, Bután ou Vanuatu se sentise atraída por unha ruta xa universal que non deixa de crecer ano tras ano. É o que volveu ocorrer en 2019. Segundo a Oficina de Acollida ao Peregrino, o ano pasado pasaron polas súas dependencias un total de 347.578 persoas, o que supón 20.000 máis que en 2018.
Cada un dos cinco continentes está representado extensamente na lista de peregrinos, que non ofrece cambios nas primeiras posicións no listado de afluencia por países: os españois son a maioría (o 42% do total) seguidos na distancia polos italianos (8,2%), alemáns (7,53%), estadounidenses (5,94%) e portugueses (5,02%). Pero resulta especialmente significativo ver como Corea continúa a súa escalada particular nesta lista e despois de superar a Irlanda se converteu xa no oitavo país do que máis peregrinos chegan: un total de 8.224 en 2019. O Camiño é un fenómeno nese país asiático, onde inspirou éxitos editoriais e serviu de eixo incluso para programas e concursos de televisión.
O Camiño é variado nas súas rutas, no xeito de viaxar e nas motivacións dos peregrinos, e aínda que o Francés, a pé e por motivos relixiosos seguen a marcar a pauta, as rutas menos concorridas, as inspiracións máis diversas e os medios menos habituais tamén están aumentando. O Camiño da Costa portugués creceu en apenas 12 meses máis dun 60%, o número de peregrinos que optaron por navegar para cubrir parte da ruta aumentou un 86% e os que non se guían só por motivos relixiosos son xa maioritarios.
Empregados, estudantes, profesionais liberais, xubilados, técnicos, profesores, funcionarios, desempregados, traballadores… Todo o espectro social está tamén representado nesta ruta que permitiu aos peregrinos coñecer Galicia por todo o seu territorio. Ribadeo, Fisterra, A Guarda e A Mezquita, os catro ángulos de Galicia están presentes nun mapa de rutas que vertebra todo o territorio e que potencia a experiencia do peregrino coa nature
za, o patrimonio, a historia, a gastronomía, a etnografía e moitos incentivos máis. O Camiño converteuse así nunha gran porta de entrada a esta terra. E ti, que esperas para cruzala?